xoves, 15 de novembro de 2018

Definición de palabras


A definición consiste na explicación do significado de unha palabra ou expresión. Ten a función de delimitar con precisión o definido, dando a coñecer as súas características, de maneira que o obxecto, o ser ou o concepto non poida ser confundido con outro.

1.- Modos de definir
 Definición por descrición e xeralización.
É a que debemos dar cando se nos pide o significado dunha palabra. Para facer a definición debemos contestar a unha serie de preguntas como: Como é? Para que serve? De que está feito? Se temos que definir un obxecto ou un ser inanimado hai que explicar como é a súa forma, tamaño e cor e indicar a materia de que está formado e o uso ao que se destina. Se o que queremos definir é un animal, indicaremos a especie á que pertence, cal é a súa anatomía, as súas principais formas de vida, os seus costumes.
Algo así:
.- Indica o tipo de obxecto ou ser. Sóese empregar o verbo SER máis unha palabra xeral.
.- Características específicas. Úsanse técnicas descritivas para sinalar as características e propiedades específicas que o diferencian doutros parecidos.
Estes serían os pasos previos á redacción da definición. Deste xeito non esqueceremos ningún dato importante. 

A definición de substantivos concretos consiste pois en describir a realidade designada pola palabra desde o seu aspecto xeral (clase de obxectos á que pertence) até as características específicas que a distinguen doutras do mesmo grupo.

2.- Instrumentos que nos axudan a definir:
a) As palabras-recurso constitúen unha axuda fundamental á hora de definir. Algunhas delas son: OBXECTO, ELEMENTO, UTENSILIO, ARTILUXIO, LUGAR, CONXUNTO, RELACIÓN, SER, RECIPIENTE, CUALIDADE, PRENDA, SENSACIÓN, ÓRGANO, APARELLO, FACULTADE, PERSOA, ACTO, SENTIMENTO, ANIMAL, INSTRUMENTO, MATERIAL, SITUACIÓN, MEDIO, ARTE, PARTÍCULA...
b) As fórmulas para comezar a definición son, entre outras: ACCIÓN QUE CONSISTE EN, MOVEMENTO, ESTADO ANÍMICO (para definir verbos), DISE DE, CALIDADE QUE, EFECTO PRODUCIPO POR, APLÍCASE A, RELATIVO A... 

3.- Características dunha definición correcta:
a) Debe de ser breve e clara.
b) O definido non debe de entrar na definición (*xordeira: é cando unha persoa está xorda)
c) A definición non debe formularse en termos negativos (*pobre é a persoa que non ten cartos)
d) Debe abarcar todas as características esenciais do obxecto ou concepto definido (can:*animal mamífero doméstico- isto tamén pode ser un gato)
e) Hai que evitar empregar expresións do tipo "é cando", "é como"... (orquestra:*é cando varios músicos tocan xuntos)




sábado, 10 de novembro de 2018

A NARRACIÓN


Narrar é contar uns feitos que sucederon. O narrador conta, relata, refire unha historia (un feito real ou imaxinario no que suceden determinadas accións) que lle sucede a alguén (personaxes humanos ou non, reais ou ficticios, individuais ou colectivos) e desenvólvese nun determinado lugar e tempo. A narración interrómpese con frecuencia pola presenza de descricións, diálogos, aínda que é posible que unha narración por si soa chegue a constituír un texto propiamente dito. 
Por tanto, narrar é contar uns feitos reais ou imaxinarios cuns personaxes nun tempo e lugar determinados.
A narración utilízase principalmente nos textos literarios e xornalísticos, pero pode aparecer en calquera tipo de texto, incluída a conversa. A función predominante é a referencial, pero iso non implica que a intención comunicativa sexa necesariamente informativa, pode ser entreter, convencer, etc. É dicir, a narración aparece en contos e novelas pero tamén se dá a narración espontánea oral ou en xéneros xornalísticos de información como a noticia ou a reportaxe


1.- A ESTRUTURA BÁSICA dunha unidade narrativa é a seguinte:
  •      Introdución ou situación inicial da que se parte. O narrador presenta os personaxes situándoos nun marco espazo-temporal determinado.
  •      Desenvolvemento, conflito que altera a situación inicial e que desenvolve o proceso narrativo: as accións, acontecementos nos que se produce unha complicación problemática. 
  •      Desenlace, no que se produce a resolución dos sucesos narrados.
O autor pode introducir alteracións a este tipo de estrutura básica que alteran a orde lineal:
  •   Pódese prescindir da presentación e empezar a narración directamente no conflito, “in media res 
  •     Mesmo se pode iniciar o relato polo final. Ambas técnicas alteran a orde lineal. O autor pode prescindir do desenlace co que consegue un relato de final aberto e obriga ao lector a imaxinar posibles desenlaces.
Toda narración literaria ten, ademais, un sentido (finalidade): este é o motor que xera o relato. Non sempre é explícito e pode ocorrer que se infira do relato pero que non se inclúa nel. Un exemplo moi claro de “sentido explícito” é a sentenza (“moraleja” en castelán) dos contos tradicionais. O sentido é o que explica a finalidade do relato.
2.- HISTORIA E DISCURSO
En toda narración debemos distinguir en primeiro lugar entre historia (o que se conta), sucesión de acontecementos (accións) narrados, dispostos na súa orde temporal cronolóxica (tempo da historia) e causal, tal e como aconteceron, realizados por uns personaxes nun tempo e espazo determinados, e discurso (como se conta), o xeito como se conta a historia, as accións ordenadas conforme ao designio do autor; é dicir, a construción da historia, a secuencia dos feitos tal e como se presenta ordenada no texto.



3.- PERSONAXES
Segundo o seu papel na historia os personaxes poden ser protagonistas ou secundarios. Os protagonistas ou principais realizan unha serie de accións para conseguir uns obxectivos, son o motor da acción e están caracterizados de forma máis completa; outros personaxes (principais ou secundarios) axudan aos protagonistas a conseguir os seus obxectivos (aliados) ou lles poñen obstáculos (adversarios); os secundarios teñen unha participación menos relevante na acción e a súa caracterización é moi superficial.
Tamén pode aparecer un antagonista, que é o personaxe que se opón ás accións do protagonista e intenta que non consiga o seu propósito
Os personaxes poden ser planos, aqueles que responden durante toda a obra a un esquema establecido desde a súa aparición sen variar no desenvolvemento da acción. Normalmente este esquema tipo verá configurado por obras literarias anteriores, neste caso os personaxes serán arquetípicos. Unha segunda posibilidade é un tratamento fondo dos personaxes principais que responden a unha complexidade psicolóxica considerable e que, polo tanto, non serán facilmente reducibles a un esquema; estes son denominados caracteres redondos e van evoluíndo a medida que avanza a historia. 
4.- ESPAZO E TEMPO
O espazo pode estar concibido como un espazo obxectivo, é dicir, como un reflexo máis ou menos fiel do mundo real, ou ben como un espazo subxectivo cando aparece determinado pola percepción que o personaxe realiza desde a súa subxectividade. Pode ser exterior, rural ou urbano, ou interior cando a acción transcorre en espazos pechados.
En canto ao tempo, hai que diferenciar entre o tempo do discurso e o tempo da historia. O tempo da historia é o momento no que se sitúan os acontecementos, podemos dicir que é un tempo externo.
O tempo do discurso ou tempo interno ten que ver coa orde na que se narran os sucesos e coa súa duración. Cando o narrador relata os feitos na orde en que sucederon dise que é una  narración lineal -tempo lineal ou cronolóxico-, pero pode haber alteracións da orde que dean lugar a saltos temporais ou anacronías, que se producen cando hai discordancia entre a orde da historia, lóxica e lineal, e a orde do discurso, subxectivo e dependente do punto de vista. Hai dous tipos fundamentais de anacronías: a analepse (flash back), evocación de momentos anteriores, ou sexa, saltos temporais cara ao pasado, e a prolepse  (flashforward),  anticipación de acontecementos posteriores ao tempo da historia. O tempo pode ser in media res, cando o relato comeza polo medio da historia, logo hai un salto temporal cara atrás, co fin de informar ao lectorado dos acontecementos anteriores ao comezo da historia, para, finalmente, narrar os sucesos que acontecen ata o desenlace da mesma.
Por outra banda, o ritmo pode ser rápido, cando moito tempo é tratado en poucas liñas, ou lento cando a recreación dun momento temporal é tratado en moitas liñas ou en moitas páxinas porque o autor ou a autora considérao significativo para a historia que está a contar.

5.- NARRADOR E PUNTO DE VISTA
O narrador (ente de ficción encargado de contar a historia) pode relatar os feitos en primeira persoa, (narrador personaxe/narrador protagonista), en terceira persoa, (narrador testemuño dos acontecementos) ou mesmo en segunda persoa (como un desdobramento da primeira persoa):
O grao de coñecemento dos feitos por parte do narrador determina a perspectiva ou punto de vista, que pode cambiar ao longo do relato. O primeiro elemento estrutural na narración é o punto de vista xa que o problema previo á estruturación da materia narrativa é saber quen será o narrador e desde que punto de vista vai ser tratada. Atendendo á perspectiva podemos distinguir os seguintes narradores:
  •          Punto de vista externo: o narrador é unha voz situada FÓRA da historia, conta feitos nos que on participou como personaxe, limítase a narralos “dende fóra”:
-     Narrador omnisciente: o narrador domina toda a historia, o que ocorre dentro e fóra de cada personaxe -mesmo os pensamentos e sentimentos-, antes e despois, pero non participa na historia.

-   Narrador observador (narrador obxectivista): só conta o que ve e o que oe (accións externas), como unha cámara fotográfica, sen saber (e polo tanto non pode contalo) o que pensan ou senten os personaxes. Ás veces esta voz pode estar dentro da historia, polo tanto, pode ser interno ou externo. Ex.: Crónica de una muerte anunciada).
 
-         Narrador editor: o escritor finxe que a obra non a escribiu el, senón que a atopou escrita e limítase a editala. Ás veces son cartas as que o autor di estar publicando. É unha técnica parecida á do “relato dentro do relato”, onde un personaxe narra a outro unha historia.(Utilizado xa en “Las mil e unha noites”).
  •          Punto de vista interno: o narrador sitúase dentro da historia, como un dos personaxes que participan na acción. Hai varios tipos de narradores internos:
1.       Narrador protagonista: usa preferentemente a primeira persoa narrativa
2.       Narrador personaxe secundario, que pode alternar o uso da primeira e terceira persoa. (Ex.: as narracións de Sherlock Holmes).
3.  Narrador testemuña, presente como espectador, utiliza preferentemente a terceira persoa. Tamén pode utilizar a segunda.
6.- A NARRACIÓN PRESENTA OS SEGUINTES RASGOS LINGÜÍSTICOS:
  •  Uso do perfecto para enunciar os feitos e do imperfecto para presentar o desenvolvemento das accións, aínda que alterna co presente histórico para achegar o lectorado ao momento do ocorrido e para evitar a reiteración abusiva do pretérito:  Chegou cedo, Camiñaba pola rúa cando escoitou un berro
  •   Predominio de oracións enunciativas
  •   Relevancia de complementos circunstancias de lugar e tempo. As expresións temporais permiten a progresión no acontecer dos feitos: mentres, logo, despois, ao principio...
  •  Utilización de subordinadas adverbiais de causa, finalidade e consecuencia e de coordinadas copulativas que permiten a organización lóxica das accións. A utilización dunhas ou doutras fai variar o ritmo narrativo: as oracións breves con coordinación crean un ritmo rápido, mentres que as oración longas con subordinadas fan que o ritmo sexa máis lento.
  •  Presenza dos estilos directo e indirecto, ou sexa, diálogos: Contestoulle: -Boh!; Lembroulle que era tarde.
  •  Utilización de verbos de movemento, acción e lingua: Correu tras ela; Díxolle que non estaba
  •  Emprego de adverbios deícticos de lugar e tempo: Ocorreu alí; Coñeceuno onte
  • Presenza de substantivos que amosan novas realidades.
  • Secuencias descritivas.

En resumo, cales son so cinco elementos da narración?
-          Narrador: interno (1ª persoa) ou externo (3ª persoa)
-          Personaxes: principal (protagonista) e secundarios. Pode aparecer un antagonista.
-          Lugar: aberto ou pechado; real, imaxinario ou fantástico
-        Tempo: desde o principio, a metade da historia (o máis frecuente) ou desde o final; tempo externo ou tempo interno.
-          Acción: formulación, nó e desenlace



Que outros elementos debemos ter en contar para a redacción dun texto narrativo?:
-  .-   División do texto narrativo en capítulos ou secuencias.
-  .-  Introdución de descricións de persoas, lugares ou obxectos.
-  .- Introdución de diálogos entre personaxes.
-  .- Creación ou non de suspense.
-  .- Final aberto ou pechado.
 .-.-Uso de expresións espaciais (aquí, alí, diante, máis atrás...) e temporais (entón, onte, ao mesmo tempo...)
-  .-  Uso preferentemente de verbos en pasado como o imperfecto (cantaba) ou o o perfecto  (cantou).
-  .-   Uso de verbos de acción ou de lingua (dicir).

O TEXTO NARRATIVO. A NARRACIÓN NON FICCIONAL

Hai outro tipo de narracións, as non ficcionais, nas que non cabe inventar nada, nas que se atopan sucesos históricos, sucesos que ocorreron realmente e tal como ocorreron. Nestas, o autor é o narrador e non pode nin debe inventarse nada, debe limitarse a contar verazmente o que sabe dos feitos que narra. Si pode, en cambio, comentar os feitos que narra, sempre que non confundan os feitos cos comentarios.
Aparte estas diferenzas, este tipo de narracións emprega moitos dos recursos dos relatos ficcionais. Predomina nelas a orde cronolóxica, aínda que non sexa imposible outra orde. 
Cada vez que contamos algo a alguén, sexa de palabra ou por escrito e calquera que sexa o tema ou os motivos, non estamos máis que contando unha historia e, polo tanto, narrando. O acto de contar ou narrar é un dos procedementos básicos da comunicación humana: todos e todas somos narradores en distinta medida e en máis dunha ocasión, por exemplo, cando lle contamos unha película a un compañeiro ou unha anécdota que nos pasou.

Textos narrativos


Técnicas narrativas






Os textos narrativos


O narrador


luns, 22 de outubro de 2018

Estrutura para un comentario de texto


INTRODUCIÓN 

Neste apartado deberás incluír o tema e a intención coa que se escribiu o escrito que estás a analizar. Esta parte deberá ter un ou dous parágrafos que deben de estar marcados visualmente. Serán un ou dous en función de se decides tratar o tema e a intención por separado ou non. 


CORPO DO TEXTO 

En primeiro lugar deberás comezar por resumir o contido do texto. Lembra que un resume ten un carácter xeral, non te demores nos detalles: xa terás ocasión de facelo posteriormente. Deberá de ter un parágrafo

En segundo lugar pasarás a analizar o texto polo miúdo e para iso deberás de conxugar tres aspectos. Por unha banda a comprensión do texto, que conseguirás unha vez que o leas varias veces, por outra os teus coñecementos e, por último, (e non por iso menos importante) a túa habilidade para relacionar os dous elementos anteriores e xustificalos con exemplos da composición. 

Seguramente no texto que analices estarán presentes varias características importantes do/a autor/a estudado, da época en que se insire... O teu obxectivo é identificalas, explicalas e exemplificalas. Só debes de comentar aquilo que aparece, non aproveites para demostrar todo o que sabes porque iso non se terá en conta. 
 Se te fixas, este proceso é o que estamos realizando na aula cos textos que comentamos.

Como podes imaxinar, este apartado estará formado por máis de un parágrafo, o número dependerá das ideas que identifiques. Pensa que un parágrafo se corresponde sempre con unha idea. Como no caso anterior, debes de marcar os parágrafos visualmente. 


CONCLUSIÓN

 Estás a punto de finalizar o teu comentario e, polo tanto, xa fuches expoñendo moitas ideas interesantes. Agora indica quen pode ser o autor/a baseándote sempre na información que citaches. 

Realiza o mesmo que no punto anterior pero coa época en que se localiza a composición analizada. 

Por último, fai un comentario persoal en que expreses a túa opinión. Os comentarios persoais poden ser positivos ou non, as persoas temos gustos diferentes. O que se vai valorar aquí é que sexades capaces de expresalos de maneira axeitada tanto desde o punto de vista lingüístico como do respecto cara á/ao autor/a. 

Esta parte constará de tres parágrafos.


E en todo o texto lembra... 

Cohesión (emprega conectores, sinónimos, pronomes...). As ideas debes de unilas así e non con guións, números, puntos... 
Coherencia. Que non haxa contradición entre as túas ideas. 
Adecuación. Que ten que ver coa cantidade da información e o rexistro empregado. 

E tamén...
 Deixa sempre marxes á esquerda e á dereita.

xoves, 11 de outubro de 2018

ENUNCIADO FALSO

Deberás de elaborar un texto en que deas conta de un dos aspectos estudados nesta parte de Historia da lingua, ese aspecto debe de ser falso.

O texto contará das seguintes partes:

INTRODUCIÓN
Realiza unha breve referencia á época estudada.
Esta parte deberá de ter un parágrafo que debe de estar marcado visualmente.

CORPO DO TEXTO
Desenvolvemento da idea escollida dando o maior número de detalles que poidas disimulando a falsidade do enunciado.
É habitual que este apartado estea formado por máis de un parágrafo, o número dependerá dos aspectos diferentes que desenvolvas. Pensa que un parágrafo se corresponde sempre con unha idea. Como no caso anterior, debes de marcar os parágrafos visualmente.

CONCLUSIÓN
Os textos deben de ter un remate que estea relacionado cos aspectos analizados previamente.
Esta parte constará de un parágrafo.

E en todo o texto lembra...

Cohesión ( emprega conectores, sinónimos, pronomes...). As ideas debes de unilas así e non con guións, números, puntos...
Coherencia. Que non haxa contradición entre as túas ideas.
Adecuación. Que ten que ver coa cantidade da información e o rexistro empregado.

E tamén...
Deixa sempre marxes á esquerda e á dereita.

venres, 5 de outubro de 2018

A crítica literaria


Unha crítica literaria é unha opinión razoada sobre unha obra literaria: unha novela, un álbum ilustrado, un poema…

            O seu propósito é deixar constancia de se merece a pena ler, ou non, o libro, álbum ilustrado, obra teatral… que vas comentar.
Aspectos que hai que destacar
  1. Pódese comezar coa presentación do libro: novela, álbum ilustrado, cómic, teatro, poesía… e  sinalar que tipo de temática se trata (social, misterio, terror, amor, humor….
  2. A continuación búscase expor de xeito preciso o conxunto de aspectos que se desexan destacar, o tema principal, personaxes destacados, estrutura ou calquera que sexa. Non deas demasiados detalles e nunca digas o final.
  3. Por último, emítese un breve xuízo persoal destacando os aspectos positivos ou negativos do mesmo. É neste momento cando podes incluír as reflexións persoais que creas oportunas, debido que ata este momento, a función do texto debe ser fundamentalmente informativa.
Aquí podes contar que che transmitiu o libro, que significou para ti, que sentiches ao lelo ou a que lectores llelo recomendas e por que…
.
Que a crítica non che saia nin demasiado longa, nin demasiado curta. Se ocupa máis de media páxina, talvez esteas dando moitos detalles; e se son só un par de parágrafos, probablemente esteas contando demasiado pouco.
Revísaa!  É importante que  estea ben construída e redactada, que nos informe do libro sen destripar o argumento e que , ao lela, nos dea a todos moitas ganas de lelo tamén, ou non.

xoves, 20 de setembro de 2018

Eu son... Eu non son

A segunda tarefa será realizar un poema emulando ao noso poeta preferido, Carlos Negro, quen inicia o seu poemario Masculino singular con este poema:




Carlos Negro, tal como el explica, non inventou a estrutura deste poema, senón que lla viu ao poeta Peter Handke no seu libro Vivir sin poesía publicado por Bartleby:


Agora tócavos a vós!!!

martes, 18 de setembro de 2018

Encántame

A primeira tarefa deste curso será escribir un poema no que falemos daquilo que nos encanta facer, aquelas actividades que nos resultan máis pracenteiras, aquilo co que soñamos... como fai a protagonista deste álbum, unha nena que ama contarnos todo o que lle encanta: acariñarse detrás da orella, as cousas que di a amiga da súa mamá, poñer os seus pés sobre os do seu pai e facer boliñas co miolo do pan; encántalle divertirse, pelexar, que a queiran e que a mimen; encántalle ser nena. Así que tentade lembrar o que máis vos ten gustado dos momentos vividos ata agora. Ide máis alá, onde aquel pequeno momento que semellaba insignificante ponvos un sorriso na face que dura moito tempo e así irán sucedéndose lembranzas e emocións de toda a vosa vida. Cómpre reparar nos pequenos detalles e darlles a importancia que verdadeiramente teñen.


“Me encanta que la abuela me enseñe las fotos de mamá cuando era pequeña y diga: Cómo se parecía  a ti, era casi tan bonita como tú.”
“Sacar la mano por la ventana cuando vamos en el coche, a toda velocidad y sentir la fuerza del viento.”
“Pegar la cara contra el cristal helado y dibujar un corazón con la nariz, en el vaho.”
“Pasearme por toda la casa con los zapatos de tacón de mamá.”
“Ponerme la falda de volantes y dar vueltas para ver su vuelo.”
“Poner los pies encima de los zapatos enormes de papá y caminar juntos por el salón.”
“Pegar la cara contra el cristal helado y dibujar un corazón con la nariz, en el vaho.”
“Cuando mi madre me mide y dice: ¡Es increíble!, a ver, ¿seguro que no te has puesto de puntillas? ¡Entonces has crecido mucho!”
“A mí me encantan las horquillas, los Casadielles, bañarme en la playa con mi perro y arrancarme las postillitas cuando ya están secas ¿Ya tí? ¿Qué es lo que te encanta?”


domingo, 16 de setembro de 2018

Lemos


Aquí tedes a listaxe de lecturas optativas: hai unha morea!  Coido que hai libros para todos os gustos e para todos os niveis de lectura que poidades ter neste curso. Lembrade: lemos porque nos peta, porque nos sae de dentro, porque nos dá a gana!!!
Aínda así, xa sabedes que podedes escoller o libro que vos apeteza, sempre falando comigo primeiro, se nesta lista non topades ningún que vos chame.
Nalgunha parte, alguén escribiu un libro para ti.



Alcalá, Xavier : A nosa cinza. Galaxia
Alonso, Fran. Poetízate. Antoloxía da poesía galega. Xerais
Aleixandre, Marilar: A cabeza de Medusa. Xerais 
Alfaya, An: Illa Soidade. Xerais
Alonso, Fran: Poetízate. Xerais
Ameixeiras, Diego:  Matarte lentamente. Xerais
Aneiros, Rosa :  Ámote Leo. A  Xerais
Aneiros, Rosa : Resistencia . Xerais
Atxaga, Bernardo :  Obabakoak. Faktoría K
Auster, Paul: Brooklyn Follies. Galaxia
Auster, Paul: Mr. Vértigo. Sotelo Blanco
Balzac, Honoré  de : O tío Goriot. Galaxia
Baricco, Alessandro : Seda. Rinoceronte
Baricco, Alessandro : Mr. Gwyn. Galaxia
Bechdel, Alison: Fun Home. Unha familia tráxica. Rinoceronte
Bennett, Alan : Unha lectora fóra do común. Rinoceronte
Boyne, John: Motín na Bounty. Faktoría K
Bradbury, Ray : Crónicas marcianas. Xerais
Brenan, Herbie: O portal dos elfos. Xerais
Caamaño, Begoña. Circe ou o pracer do azul. Galaxia
Cajaraville, Héctor: De remate. Xerais
Calo Fontán, Teresa: Marta ante o espello. Xerais. 
Calveiro, Marcos: As palabras poden matar. Xerais
Calveiro, Marcos: O pintor do sombreiro de malvas. Xerais
Calvino, Italo: Marcovaldo ou as estacións na cidade. Xerais
Cajaraville, Héctor. O segredo da casa de Formoso. Oqueleo
Camilleri, Andrea:  A pensión Eva . Galaxia
Camilleri, Andrea:  A pista de area. Galaxia
Caramés Gorgal, Mª Carme. Dos días escuros. Xerais
Carranza, Maite. Palabras envelenadas. Editorial Edebé
Carré, Héctor. Febre. Xerais 
Castelao:  CousasOs dous de sempre.  Galaxia
Castro, Francisco: O segredo de Marco Polo. Galaxia
Chapela, Xurxo: Lémbrome. Positivas
Claudel, Philippe:  A neta do señor Linh. Rinoceronte
Claudel, Philippe: As almas grises. Rinoceronte
Collazo López, Iria: Como unha áncora. Galaxia
Cortegoso Calvar, Santiago: Raclette. Xerais
Costas, Ledicia:  Un animal chamado néboa . Xerais   
Costas, Ledicia:  Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Xerais   
Dickens, Charles: Oliver Twist. Galaxia
Dorfman, Ariel e Joaquín: A cidade en chamas. Xerais
Esteban, Manuel: A ira dos mansos. Xerais
Fariña, Anxo: Horizonte de sucesos. Xerais
Fariña, Anxo: 4 xinetes. Xerais
Feijoo, Pedro: A memoria da choiva. Xerais
Fernández Ferreiro: Agosto do 36. Xerais
Fernández Paz: O único que queda é o amor. Xerais
Fernández Sanmartín, Celso: Sen título. Edición do autor
Fernández Rial, Rosalía: Ningún amante sabe conducir. Positivas
Fernández Rial, Rosalía: Vinte en escena. Positivas 
Ferreiro, Celso Emilio: Longa noite de pedra. Xerais
Fole, Ánxel: Á lus do candil. Galaxia
Fortes, Alberto: O dobrón de a oito. Xerais
Fraga, Antonio Manuel: Tártarus. Xerais
Fraga, Xesús: Reo. Galaxia
Franck, Julia. A muller do mediodía. Sotelo Blanco
Frank, Ana: Diario. Faktoría K
Freixanes, Víctor: Cabalo de ouros. Galaxia
Gago, Manuel: Vento e chuvia. Xerais
Gallego Abad, Elena: Sete Caveiras. Xerais
García Campos, Iván: O imposible de desatar. Galaxia
García Teijeiro e Reigosa: Lendo lendas, digo versos. Xerais
Garner, Helen : O cuarto de invitados. Rinoceronte
Gavalda, Anna: Xuntos e máis nada. Galaxia
Gerónimo. Unha autobiografía. Positivas
Giráldez, Diego. Galería de saldos. Xerais
González Costa: Eu, pel. Xerais
Greene, Graham: O terceiro home. Galaxia
Haddon, Mark: O curioso incidente do can á media noite. Sushi Books
Hemingway: O vello e o mar. Galaxia
Hesse, Herman: Baixo as rodas. Galaxia
Hesse, Herman: Siddartha. Galaxia
Hoffmann: Contos. Tris Tram
Hrabal, Bohumil: Unha soidade demasiado ruidosa. Rinoceronte
Huston, Nancy : Marcas de nacemento. Rinoceronte
Hustvedt, Hiri. O verán sen homes. Hugin & Munin
Inacio :  O pobre tolo / Titoán   / Máis alá / Atila.   Demo
Janeiro, Patricia A.: A perspectiva desde a porta. Positivas
Kafka, Franz: Un médico de aldea. Galaxia
Kropp, Paul: Moonkid e Liberty. Galaxia
Lema, Alberto: Unha puta percorre Europa. Galaxia
Lema, Xosé Mª: Costa de Solpor. Xerais
Leobalde, Mercedes: Funambulistas. Xerais
Lienas, Gemma: O diario vermello de Carlota. Galaxia
Lienas, Gemma: O diario violeta de Carlota. Galaxia
Lorenzo, Fran P. :  Cabalos e lobos. Xerais
Lourenzo González, Manuel: Ceiba de luz. Xerais 
Lovecraft, H.P.: Relatos de terror. Xerais
Maceiras, Andrea: Europa Express. Xerais
Maceiras, Andrea: O que sei do silencio. Xerais
Maceiras, Andrea: Nubes de evolución. Xerais
Marcos, Xesús Manuel: O bebedor de rakia. Xerais
Marelli, Stefano:  Outras estrelas uruguaias. Rinoceronte
Martin, Andreu: O diario vermello de Flanagan. Galaxia
Martín, Paco: De paraugas. Xerais
McCarthy, Cormac: A estrada. Faktoría K
Mejuto, Eva: 22 segundos. Xerais 
Melville, Herman: Bartleby, o escribente. Xerais
Miranda, Xosé: Morning Star, Xerais.
Miranda, Xosé: As mans do medo, Xerais.
Misa, Iria: Segredos no solpor. Xerais
Misa, Iria: Xa non estou aquí. Xerais 
Mlakic, Josip: Cando levanten as brétemas. Hugin & Munin
Moran, Caitlin. Como ser muller.  Rinoceronte
Moreda, Eva: A Veiga é como un tempo distinto. Xerais
Moure, Teresa. Herba moura. Xerais
Murado, M. A.: Ruído. Relatos de guerra. Galaxia.
Nara, Antía: Aquel lugar. Xerais
Navaza, Gonzalo: Erros e Tánatos.  Xerais
Negro, Carlos: Masculino singular.  Xerais
Negro, Carlos: Apliación instantánea. Xerais
Negro, Carlos: Abecelbú.  Positivas
Neves, Kiko: Un poema de amor. Edición do autor
Ngozi Adichie, Chimamanda. O hibisco púrpura. Rinoceronte
Núñez Singala, X. M.:  Instrucións para tomar café. Galaxia
Núñez Singala, X. M.: Camiños na auga. Galaxia
Núñez Singala, X. M.: Noite de temporal. Oqueleo
Oksanen, Sofi: Purga. Rinoceronte
O'Farrell, Maggie. A desaparición de Esme Lennox. Galaxia
O Leo: Hai kus. Xerais
Orwel, George: 1984. Faktoría K
Orwel, George: A granxa dos animais. Faktoría K
París, Samuel L. : Inflamable. Positivas
Paz, Begoña. A ferida. Xerais
Pazó, Cándido: A piragua. Laiovento
Pereiro, Lois: Poesía última de amor e enfermidade. Positivas
Poe, Edgar Allan: Contos, Tris-Tram
Portas, Manuel: Lourenço, xograr. Galaxia
Pratt, Hugo: Corto Maltés. Balada do mar salgado.   Galaxia
Pullman, Philip: A aurora boreal.Faktoría K
Queipo, Xavier. Saladina. Galaxia 
Queizán, Mª Xosé. Son noxento. Xerais
Ramos, Alberto: Máscaras rotas para Sebastian Nell. Galaxia
Reigosa, Carlos: A soidade do asasino. Xerais
Reimóndez, María: O club da calceta. Xerais 
Reimóndez, María:  A dúbida. Xerais 
Reimóndez, María:  Moda galega. Positivas
Reza, Yasmina: Unha desolación. Hugin & Munin
Rivas, Manuel: As voces baixas.  Xerais
Rivas, Manuel: Madonna e outros contos de inverno.  Xerais
Rivas, Manuel: Todo ben.  Xerais
Riveiro Coello, Antón:  Os ollos de K.  Galaxia
Riveiro Coello, Antón:  As rulas de Bakunin . Galaxia
Riveiro Coello, Antón: Os elefantes de Sokúrov. Galaxia
Roca, Paco: Enrugas. El Patito Editorial
Roger, Marie-Sabine: Tardes con Margueritte. Galaxia
Rodríguez, David: Lapidarias. Xerais
Roth, Philiph: Pastoral Americana. Faktoría K
Sacco, Joe: Goražde, zona segura . Rinoceronte
Sacco, Joe: Palestina. Rinoceronte
Saint-Exupery, Antoine de: O principiño. Galaxia
Salinger, J. D. : O vixía no centeo. Xerais
Sánchez Gálvez, Manuel: Maelström, Maelström. Galaxia
Sand, George. As damas verdes. Hugin & Munin
Santiago, Eduardo:  2044. Galaxia       
Santiago, Eduardo:  O Gran Reino.  Xerais
Satrapi, Marjane :  Persépole. Rinoceronte
Scepanovic, Branimir : A boca chea de terra . Rinoceronte
Schlieper, Birgit: Ás veces quero morrer coa risa. Galaxia
Schmitt, Eric-Emmanuel: O señor Ibrahim e as flores do Corán. Faktoría K
Schnitzler, Arthur: A señorita Else. Hugin & Munin
Shakespeare, William: Noite de reis. A tempestade .  Galaxia
Shakespeare, William: Otelo. Macbeth.  Galaxia
Shakespeare, William: Romeo e Xulieta.  Galaxia
Sjón: O rapaz que nunca existiu. Rinoceronte
Steinbec, John:  De ratos e homes. Galaxia
Solar, María: As horas roubadas. Xerais
Soseki, Natsume: Botchan. Sushi books
Soutullo, Daniel: Historia do ADN. Xerais
Stoker, Bram: Drácula. Xerais
Suárez Abel, M.: Sabor a ti, Xerais
Sumai, Anxos: Anxos de garda, A Nosa Terra.
Süskind, Patrick: O perfume. Sotelo Blanco
Taylor, Kressman: Enderezo descoñecido. Xerais
Tolkien:  O hobbit.    Xerais. 
Tolkien:  O señor dos aneis.    Xerais. 
Tomé, Abel. A noite do corvo. Galaxia
Toro, Suso de: A sombra cazadora. Xerais 
Toro, Suso de: Servicio de urxencias. Xerais 
Trigo, Xulio: A paixón de Alexandra. Xerais
Toussaint, JeanPhilippe:  Fuxir. Galaxia
Twain, Mark: As aventuras de Tom Sawyer. Xerais
Twain, Mark: Un ianqui na corte do rei Artur. Xerais
Uhlman, Fred: Reencontro. Galaxia
Uhlman, Fred: Unha alma nobre. Galaxia
Uribe, Kirmen: Bilbao-New York-Bilbao. Xerais
Valcárcel, Xesús Manuel: O capitán Lobo Negro. Galaxia
Vanderbeke, Birgit: Mexillóns para cear. Rinoceronte
Verne, Jules: A illa misteriosa. Xerais
      Vila Sexto, Carlos: As sete mortes .  Galaxia
      Vila Sexto, Carlos:  Gárgola.  Galaxia
      Vila Sexto, Carlos:  O enigma de Caronte.  Galaxia
Villar, Domingo: Ollos de auga. Galaxia
Waters, Sarah : A Rolda Nocturna. Galaxia
Wells, H.G.: A illa do Dr. Moreau. Positivas
Yáñez, Antía: Senlleiras. Galaxia


Nesta páxina indispensable tedes libros e comentarios:

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/libros.htm