Máis sobre Cabanillas:
martes, 5 de outubro de 2021
domingo, 3 de outubro de 2021
A lingua no primeiro terzo do século XX
A LINGUA NO 1º TERZO DO S. XX
Autor: Luciano Fernández (Xano Cebreiro)
Se o século XIX supuxo un momento fundamental para a lingua, ao se recuperar a nivel escrito despois da longa decadencia dos Séculos Escuros (séculos XVI-XVIII), o século XX vai significar outro avance cualitativo importante, consistente en proxectar o galego a outros campos (ensaio político e científico, xornalismo, actos públicos...) dos que ata entón estivera excluído. Reivindícase así o galego como medio de expresión natural en todas as facetas da vida. Este avance vén marcado pola aparición de importantes movementos de carácter nacionalista que continúan o labor iniciado no século anterior polos movementos provincialista e rexionalista.
A vinculación da loita a favor da lingua co movemento nacionalista é tan clara que precisamente este naceu co nome de Irmandades da Fala (fundadas na Coruña en 1916) e dotouse dun medio de expresión exclusivamente en galego, a xa histórica publicación A nosa terra. Mais se as Irmandades naceron co obxectivo de defender a dignificación e a ampliación de usos da lingua, dous anos máis tarde, en 1918, e xa formando parte delas figuras tan destacadas como os irmáns Vilar Ponte, Castelao, Risco, Losada Diéguez ou Cabanillas, formulan un plano xeral de actuación política tendente a lograr o autogoberno pleno para Galicia e a súa federación co resto das nacións que compoñen a Península Ibérica. Ao lado desta proposta, formulada polo sector "político", vai cobrando forza o sector "culturalista", que pretende a potenciación e defensa da cultura galega e renuncia desde un comezo á loita política.
No ano 1920, comeza a publicación da revista Nós, voceiro da xeración cultural do mesmo nome á que se vinculan, entre outros, Risco, Cuevillas, Castelao e Otero Pedraio. O seu programa consiste en sacar a cultura galega do folclorismo e do influxo da cultura castelá, tentando por un lado, modernizala, tirándolle o exceso de localismo, ruralismo e costumismo que ata entón a caracterizaba e, por outro lado, universalizala, ao poñela en contacto directo coas ideas e os movementos culturais vixentes en Europa. Para tal fin, os homes da revista Nós acollen nas súas páxinas traducións, informacións ou noticias do que se fai noutras literaturas ao tempo que se preocupan por todos os aspectos da cultura galega. Con eles, o galego logra a súa madureza literaria e é empregado en obras de carácter científico de todo tipo (historia, etnografía, arqueoloxía, filosofía, socioloxía...).
Como herdeiros e fillos ideolóxicos da xeración Nós, un grupo de estudantes universitarios entre os que figuran Carvalho Calero, Filgueira Valverde e Bouza Brey funda en 1923 o Seminario de Estudos Galegos, coa finalidade de dotar a Galiza dunha institución que fixese posible o estudo de todos os seus aspectos. Con eles, potenciarase e ampliarase o uso do galego na prosa científica e técnica e desenvolverase unha actividade investigadora e divulgadora en diferentes campos.
Chegada a República, en 1931, todo o galeguismo vai confluír no Partido Galeguista, que tiña como obxectivo a consecución da autonomía política para Galicia, centrando os seus esforzos na redacción dun estatuto de autonomía que será aprobado polas Cortes españolas en 1936. Neste estatuto establécese, no artigo 40, a cooficialidade de galego e castelán. O golpe de Estado franquista impide a súa entrada en vigor.
A preocupación fundamental dos intelectuais galeguistas do primeiro terzo do século é dignificar a lingua, rescatándoa dos estereotipos de ruralidade e incultura cos que viña asociado. De aí que realicen un labor intenso no estudo do idioma e na
ampliación dos seus ámbitos de uso, outorgándolle un prestixio que lle negaba a vida oficial e administrativa, totalmente castelanizada. Combaten así tamén os argumentos demagóxicos dos detractores do galego que afirmaban que o seu uso só servía para illarnos e incomunicarnos da cultura universal. A tese destes autores é precisamente a contraria: só desde a identificación coa lingua e cultura propias se pode acceder a outras linguas e culturas.
Os escritores deste período caracterízanse por intentar superar o dialectalismo ou interdialectalismo do período anterior, en favor dun intento de supradialectalismo que constituirá o xerme dunha posterior normativa unificadora. A tarefa principal é a purificación da lingua de castelanismos. Este labor, acometido sen unha seria base lingüística por parte dos escritores, levará á adopción de formas pseudoevolucionadas ou simplemente inventadas por un afán diferencialista do castelán. Rexéitanse formas cultas coincidentes co castelán, empregándose no seu lugar outras hipergaleguizadas ou vulgares (así, por exemplo, palabras como brillar, organizar, ambiente, concepción, pobre, ou esperanza aparecen con frecuencia como brilar, orgaizar, ambente, conceución, probe e espranza). Moitos destes erros perdurarán ata os nosos días.
Por outra parte, a toma de contacto co galego medieval a raíz das edicións das cantigas e outros documentos, unida a un desexo de depuración da lingua e á necesidade de cubrir os baleiros léxicos levan a certos escritores a retomar formas arcaicas e xa desaparecidas na lingua, moitas veces coa mesma intención diferencialista (e encontrámonos así con formas como outo, conquerir, coor, cibdade ou parescer en lugar das correctas alto, conseguir, cor, cidade, parecer). Configúrase así un galego en parte afastado da fala real, arbitrario e en certa medida de laboratorio que continuará vixente nos anos de posguerra.
No que respecta á cuestión ortográfica, o castelán continúa a ser a referencia fundamental. Persiste unha grande inseguridade gráfica, fundamentalmente naqueles fenómenos exclusivos do galego para os que o castelán non aporta solucións. En materia de acentuación non hai uniformidade en ningún autor, continúan as vacilacións no emprego do h, no de b e v ou no de i e y (encontrámonos con beira e veira, Hespaña e España, hai e hay). Tampouco se resolve a cuestión da representación do fonema / /. Aínda que a maioría dos autores opta polo uso de x, algúns tan importantes como López Cuevillas ou Vicente Viqueira son constantes no uso etimolóxico de g, j, x (geral, hoje, deixar). No que si houbo un acordo bastante xeneralizado foi na práctica dunha escritura foneticista herdeira da do século XIX na reprodución de fenómenos de fonética sintáctica propios da fala que dá pé a unha gran profusión de apóstrofos e guións de enlace (s´asconden, sobr´esto, quen-o, non- o).
Durante estes anos materialízanse os primeiros intentos de camiñar cara á consecución dunha lingua estándar, entre os que destacan o Compendio de Gramática Galega promovido polas Irmandades da Fala, do que é autor Carré Alvarellos e, sobre todo, o traballo titulado Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego do Seminario de Estudos Galegos que, pensado en principio para uso exclusivamente interno, tivo unha gran difusión, sendo adoptado na súa totalidade polo boletín A Nosa Terra, daquela órgano de expresión do Partido Galeguista.
DIALECTALISMO
Uso literario de formas dialectais correspon- dentes á zona propia de cada escritor
INTERDIALECTALISMO
Uso literario de formas dialectais proceden- tes de diferentes áreas lingüísticas mestura- das, sen ningún criterio filolóxico
SUPRADIALECTALISMO
Procura dun modelo de lingua unificado,va- léndose das formas existentes na fala galega, Escollidos con criterios científicos
A lección da escola asasinada polo fascismo
A lección da escola asasinada polo fascismo
A escola republicana era unha muller que quería cambiar as cousas, que sabía que o ensino era unha das mellores armas para acabar coa desigualdade. Por iso, o misóxino franquismo descargou sobre ela a súa ira. Baleirouna de coñecemento para enchela de crucifixos e desbotou das súas aulas a xente comprometida. A represión sobre a escola foi o maior dos castigos, pero hai leccións que é imposíbel borrar da historia. Eis un extracto da peza publicada no número 326 de Sermos Galiza.
Nos albores do século XX, apenas sabían ler tres de cada dez galegos, non chegaba a dúas de cada dez galegas, e a situación non tiña trazas de mellorar, pois só estaba matriculada unha de cada dúas criaturas en idade escolar e só a metade desa cifra acudía con regularidade a unha aula que, ademais, tiña moi escaso apoio institucional. A escola pública era moi precaria e o peso da instrución recaía maioritariamente nas mans da Igrexa.
O desolador panorama complicábase na Galiza pola total marxinación da lingua, desaparecida na fala da docencia, nos libros de texto e mesmo perseguida cando chegaba á escola por boca do alumnado. “Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espríto dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era mal e falar castelán era falar ben”, denunciaría xa desde o exilio Castelao no seu Sempre en Galiza.
As Irmandades da Fala intentaron dar resposta a esta situación coa posta en marcha das Escolas do Insiño Galego, que na súa presentación xa deixaban clara a orientación, como recolleu A Nosa Terra: “Non lle abonda a Galicia que os seus fillos sepan ler i escribir. Galicia precisa que os seus fillos lean i escriban na súa fala para que a sintan, que estuden na súa xeografía para que a coñezan e coñecéndoa quéirana”. Foron seis cursos nos que o editor Ánxel Casal impartiu aos nenos coruñeses un ensino distinto. A mestra Elvira Bao era a encargada de facer o propio coas nenas, pero nunca acadaron matrícula suficiente. A escola non era cousa de nenas.
sábado, 2 de outubro de 2021
Elas tamén eran irmás
Irmandiñas: as mulleres esquecidas das Irmandades da Fala
Elas tamén eran irmás
ELAS TAMÉN ERAN IRMÁS. PRAZA PÚBLICA
(24/5/2016) (Adaptación)
No ano 2016 celebrouse o centenario do nacemento das Irmandades da Fala. É coñecida a actividade que nela tiveron os irmáns Villar Ponte, Manuel Lugrís, Uxío Carré Aldao, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez e moitos outras persoas. Todos homes. Pero nas Irmandades tamén participaron activamente mulleres, que mesmo constituíron oficialmente no seu seo unha Sección Feminina.
Mulleres como Maria Miramontes, Amparo López Jean, Micaela Chao Manciñeiras, Elvira Bao, Pura Lorenzana ou Corona González traballaron activamente dentro das Irmandades aínda que non aparezan en case ningún libro de texto ou non teñamos escoitado falar delas.
Estas mulleres comezaron a participar activamente no seo das Irmandades da Fala pouco despois da súa constitución. "Cónstanos que en 1917 hai unha serie de mulleres, vinculadas ás Irmandades da Fala, que toman a iniciativa de promover unha colecta para sufragar os gastos para a bandeira da Irmandade", explica a historiadora Helena Carro. Dende os primeiros meses de 1918 comezan a aparecer en A Nosa Terra as primeiras referencias da Sección Feminina, aínda que este grupo non contaba aínda con estatutos ou regulamentos. Porén, en decembro dese ano publícase (nun artigo titulado A Irmandade Feminina. Traballos patrióticos) a composición da Xunta Xeral da Irmandade Feminina, conformada por Xosefa Vázquez (conselleira primeira) substituíndo a Micaela Chao Manciñeira, Elvira Bao (secretaria), Ermitas López Verdes (tesoureira), Tereixa Chao Maciñeira (vicesecretaria), Maria Balboa (contadora) e as vogais Rosa Martínez, Avelina Fernández, Teresa Fernández, Maria Miramontes, Xenoveva Casal e Avelina Sardina.
As actividades desta Irmandade Feminina, sinala Helena Carro, eran diversas: "Os seus cometidos van desde a recompilación de datos estatísticos dos traballos da muller galega, ata a solicitude aos centros galegos de América para que se organicen para dar protección á muller emigrada. Mesmo propoñen crear unhas bolsas de traballo similares ás que funcionan en Cataluña ou outros lugares de Europa". "Entenden que a pobreza non se resolve coa caridade senón elaborando medidas que se plasmen na sociedade para que os pobres deixen de selo", di.
A maioría pertencen á Galicia urbana e son mulleres instruídas, com grandes inquietudes intelectuais e con profesións liberais: mestras e xornalistas, por exemplo. Porén, tamén había casos coma o de María Miramontes, que pertencía ao gremio de costureiras.
Carro destaca tamén a figura de Amparo López Jean, "cun posicionamento político propio con respecto ao seu compañeiro César Alvajar", pois ela optou por militar no Partido Galeguista, mentres que el pertenceu ao Partido Radical ou á Unión Republicana.
Helena Carro destaca a defensa dos dereitos da muller que dende o inicio realizan as Irmandades da Fala, cunha posición moi avanzada para a época. Lembra que xa no manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo (1918) se reclamaba "a igualdade de dereitos" para as mulleres casadas, no caso de que o home estivese emigrado. Unha reivindicación "de mínimos" que xa ao ano seguinte, na segunda Asemblea, celebrada en Compostela, foi superada, "eliminándose calquera restrición na igualdade" e avogándose "pola total igualdade de dereitos políticos e sociais" (artigo 21), sinala Carro. "Non seriamos xustas se non recoñecésemos o novidoso e profundamente moderno que supuxo que as Irmandades da Fala recollesen dende o principio da súa constitución os postulados en defensa dos dereitos da muller", salienta a historiadora.
Carro conclúe que "a historiografia oficial nunca se interesou polas mulleres nin desta época nin de ningunha outra. Ás veces emprestan atención a mulleres de forma individual, mais nunca organizadas, como é o caso das Irmandades femininas". "A historia está elaborada polos homes, e polo tanto os protagonistas son os homes", engade. Porén, sinala hai estudos feitos por mulleres sobre mulleres que si fan referencia a este período histórico como son os de Noa Bergantinhos, Aurora Marco e Carmen Blanco, ou traballos máis puntuais como Encarna Otero a respecto de María Miramontes. E subliña, igualmente, algúns traballos "interesantes dende a perspectiva de xénero" coma os realizados por Ernesto Vazquez Souza, Dionisio Pereira ou Emilio Insua.



