Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de xaneiro de 2019

A cohesión


  Que é a cohesión textual?:

É unha propiedade que teñen os textos. Refírese á necesaria relación entre os elementos (palabras, frases, oracións e parágrafos).
É a propiedade máis importante dun texto
Un texto ten varias propiedades, todas importantes: adecuación (rexistro axeitado), coherencia (cantidade, claridade e orde das ideas), corrección (axuste ás regras gramaticais e presentación, ademais da cohesión. Mais, se falta esta, o escrito non pasa de ser unha lista inconexa de elementos e a interpretación faise moi difícil.
A ver... eh?
San Leonardo quería fundar un mosteiro. San Leonardo foille pedir un anaco de terra ao rei. O rei ofreceu a San Leonardo todo un reino. San Leonardo rexeitou o reino. San Leonardo dixo que só quería a terra que puidese percorrer o asno de San Leonardo nunha noite. Tense a San Leonardo como patrón dos burros e dos asnos. Todo o mundo invoca a San Leonardo para que San Leonardo vele pola saúde dos burros e dos asnos.
A ver... uf!
 Contan que San Leonardo quería fundar un mosteiro. e, para iso, San Leonardo foille pedir un anaco de terra ao rei. O rei O monarca ofreceulle a San Leonardo todo un reino., pero San Leonardo o santo rexeitouno o reino. San Leonardo e dixo que só quería a terra que puidese percorrer o seu asno de San Leonardo nunha noite. Por esa razón, tense a San Leonardo como patrón dos burros e dos asnos. e todo o mundo o invoca a San Leonardo para que San Leonardo vele pola saúde dos burros e dos asnos destes animais.
A ver... ah!
 Contan que San Leonardo quería fundar un mosteiro e, para iso, foille pedir un anaco de terra ao rei. O monarca ofreceulle todo un reino, pero o santo rexeitouno e dixo que só quería a terra que puidese percorrer o seu asno nunha noite. Por esa razón, tense a San Leonardo como patrón dos burros e dos asnos e todo o mundo o invoca para que vele pola saúde destes animais.
De que falamos entón realmente?
Se nos fixamos no texto anterior, era necesario introducir:
-          Mecanismos de tipo gramatical: palabras que conectan as ideas. Por exemplo: Pero.
-          Mecanismos de tipo léxico: sobre todo palabras que substitúen outras. Como: o monarca, seu... 


Principais mecanismos gramaticais
Conectores e marcadores textuais:
- de orde (En primeiro lugar, A seguir, Para rematar,...)
- aditivos para engadir ideas (Ademais, Igualmente,...)
- opositivos para contrastar (Pero, Aínda así,...)
- etc.
Tamén é importante a puntuación para separar as distintas partes do texto.



Principais mecanismos léxicos
De repetición do dito mediante a substitución: pronomes, adverbios de lugar, sinónimos, hiperónimos, expresións equivalentes... ► rexeitouno o reino ► dos burros e dos asnos destes animais
De repetición das propias palabras. Certa repetición é precisa nun texto, pero debe evitarse o abuso coa substitución. ► Contan que San Leonardo... (...) Tense a San Leonardo...
De supresión: a elipse. ► ...para que San Leonardo vele...



EXERCICIO:


Como mellorarías este texto?
Deixa a landra en auga morna durante unha noite. Coloca unha manda de pedriñas no fondo da maceta. Enche uns dous terzos da maceta. Cubre a maceta cunha pouca terra. Coloca unha bolsa de plástico sobre a maceta. Ata a bolsa á maceta. A landra estará húmida. Pon a maceta nun lugar soleado. Retira a bolsa da maceta cando a landra teña gromos. Trasplanta a planta no outono.

luns, 14 de xaneiro de 2019

PROPIEDADES TEXTUAIS

Os textos teñen propiedades básicas como:

1) ADECUACIÓN ao contexto e á intención comunicativa

FACTORES que determinan a adecuación:

1) O RECEPTOR: marcará o grao de familiaridade, o tratamento e o rexistro a empregar. (Tipos de REXISTRO: Formal: utilización coidada da lingua, Coloquial: propio de situacións máis familiares)
2) INTENCIÓN COMUNICATIVA CLARA (convencer, informar, solicitar...): determinará o tipo de texto (divulgativo, especializado, xeral, específico). 
3) O ENFOQUE DO TEMA: divulgativo, especializado, xeral, específico...
4)  A CANLE OU SOPORTE PARA TRANSMITIR A INFORMACIÓN (escrita ou oral)

Para construír de modo correcto un texto tendo en conta a adecuación, debemos fixarnos en todas as circunstancias que rodean ao acto de comunicación: que tipo relación teño co receptor, que quero transmitirlle, para que, onde e como o escribo, que nivel de linguaxe é o  máis apropiado, por que canle vou transmitir a mensaxe, etc.  Por ex. Sería adecuado nunha conversa telefónica dicir: “Levei un golpe aquí” ? 
 
CARACTERÍSTICAS:

 Extensión adecuada á situación comunicativa : un anuncio ofrecéndome para dar clases particulares debe ser breve.

·  Adaptación do  emisor ao receptor: creación de textos expositivos divulgativos  para non iniciados nun tema.

·  A idoneidade respecto á situación espazo-temporal na que  se produce: nun enterro, ton grave na expresión do pésame.

·  Acomodación á finalidade para a que elaboramos o texto: se  pedimos un favor, facelo de forma amable.

·  Aceptación das normas do grupo social: respecto dos tabús ou elección das palabras segundo os valores connotativos dun grupo

·  Adaptación ao nivel de lingua no que se desenvolve a comunicación:  nivel formal, coloquial, ou vulgar á hora de contar chistes.

·  Respecto das normas de cortesía.

2) COHERENCIA entre as ideas que se desenvolven.
Fai referencia á selección e organización da información. Hai que ter en conta:
a) A CANTIDADE de información, nin escasa nin excesiva
b) A CALIDADE da información: claridade, vocabulario preciso,  sen contradicións e congruente co mundo coñecido polos interlocutores
c) A ORGANIZACIÓN da información: ben estruturada, utilización de parágrafos, puntos e á parte...

Un texto é coherente cando os elementos que o forman manteñen unha relación de conexión. 

Para iso existen unhas regras:

1.-Regra de repetición: o tema vaise retomando ao longo do texto.
2. Regra de progresión temática: o texto debe desenvolverse coa aportación de información nova.
3.-Regra de non contradición. Os enunciados non deben contradicirse.
4.-Regra de relación: a realidade que se describe debe ser congruente co mundo coñecido polos interlocutores.



3) COHESIÓN entre as diversas partes que compoñen o texto. 
Esixe evitar léxico repetitivo, desorde sintáctica, oracións longas con anacolutos...
Procedementos de cohesión:
a) Léxicos: Repetición de palabras no texto. Recorrencia semática: sinónimos, hiperónimos, hipónimos, palabras comodín, metáforas, paráfrases.
b) Enlaces anafóricos e catafóricos (substitución): pronomes persoais, relativos, demostrativos, posesivos, adverbios de tempo e de lugar, palabras comodín.
c) Elipse: supresión de elementos que se sobreentenden.
d) Conectores:
- Indicar causa: por isto, por iso, polo tanto, por conseguinte...
- Ideas contrarias: non obstante, porén, pola contra...
- Engadir ideas novas: ademais, e tamén así mesmo...
- Aclarar ideas: é dicir, ou sexa, isto é...
- Ordenadores discursivos: son conectores extraoracionais que afectan a partes do text, por exemplo bloque, parágrafos... A finalidade dos ordenadores do discurso é explicitar o modo e a orde das informacións que se insertan no texto: para empezar, en primeiro lugar, por outra parte, finalmente, para concluír, por último, en fin...
e) Os signos de puntuación
f) Os tempos verbais: ten que haber unha correlación lóxica entre eles no texto.


4) GRAMATICALIDADE : propiedade que se refire ao uso correcto da lingua.


5) PRESENTACIÓN : boa caligrafía, uso de marxes...

luns, 22 de maio de 2017

Infinitivo conxugado


Unha das características do galego é a de posuír un infinitivo flexionado que é portador
dun morfema de persoa.
1.- O infinitivo conxugado é obrigatorio cando:

• O infinitivo ten suxeito distinto ó do verbo principal:
Xa me estrañaba non viren teus irmáns á festa.

• O suxeito sendo distinto ó do verbo principal, non está expreso e convén marcalo para evitar ambigüidade:
Sería mellor marcharmos desta cidade canto antes
Por cumprires todo o prometido, es ben merecente dunha recompensa
Para chegardes a Lugo antes da noite tendes que saír agora.

• En construcións reflexivas e con verbos pronominais:
Puxemos o espertador para erguérmonos cedo.




2.- O infinitivo conxugado pode utilizarse:

. Cando vai introducido por unha preposición e non forma parte dunha perífrase, aínda tendo o mesmo suxeito có verbo da oración principal.  
Teñen os labios cheos de chocolate por non lavaren a boca


 . Cando tendo o mesmo Suxeito está moi afastado do verbo da oración principal.


3.- O Inifinitivo conxugado non se utiliza:

• Cando é perífrase:
Temos que facer o xantar.

• Cando vai rexido por un verbo modal (QUERER, PODER, DEBER)
Queredes repartir o papel?

• Cando o infinitivo está rexido por un verbo causativo (MANDAR, FACER, DEIXAR, PERMITIR e sinónimos) e vén inmediatamente despois del, ou separado del soamente polo seu suxeito, se este está expresado por un pronome átono.
Deixas pasar as horas e non dás feito nada.
Ninguén o ve traballar en todo o día.
Sentinvos falar ata as cinco da mañá.


• Con verbos de movemento en construccións que teñen un valor de finalidade:
Vimos recoller o lixo.

• En xeral, cando o infinitivo ten o mesmo suxeito que o do verbo do que depende, e se atopa separado del por unha preposición esixida polo réxime do verbo.
Non vos esquezades de pechar ben as billas.

sábado, 3 de decembro de 2016

FORMACIÓN DO PLURAL

- As palabras rematadas en ditongo, vogal ou en –n engaden -s:
lei   -   leis
avó   -    avós
can  -    cans
- As palabras rematadas en consoante distinta de –n ou –s engaden –es:
Flor -  flores
- Os substantivos rematados en –s:
. Se son agudas engaden –es:
Siamés  -   siameses
. Se rematan en grupo consonántico, se son graves ou esdrúxulas, permanecen INVARIABLES, é dicir, presentan sincretismo.
o luns  -    os luns
o lapis   -    os lapis
o mércores   -    os mércores
- Os substantivos rematados en –l:
. Os monosílabos fan o plural engadindo –es
mel   -   meles
. As palabras graves engaden –es
túnel  -   túneles
. As palabras compostas con algún destes monosílabos engaden –es
ollomol  -    ollomoles
. As palabras agudas quitan o –l e engaden –is
animal  -  animais
- Os substantivos rematados en –x presentan sincretismo, polo que o número vén indicado polo artigo
o tórax   -    os tórax
- Os cultismos e os préstamos que rematan en calquera outra consoante, engaden -s
club  -   clubs
lord  -    lores
- Plural das palabras compostas:
. Se os dous compoñentes non están perfectamente soldados, o plural faise nas dúas palabras:
garda civil    -    gardas civís
. Se o composto está constituído por unha forma verbal ou palabra invariable e outro elemento, ou se os dous elementos están separados por un guión, só este segundo elemento vai en plural:
norte-africano    -     norte-africanos
galego-falante     -     galego-falantes
. Nas construcións con preposición só o primeiro elemento vai en plural:
estrela de mar   -      estrelas de mar
. Cando os dous elementos son substantivos e van separados, de maneira que o segundo modifica o primeiro, só recibe marca de plural o primeiro elemento:
sofá cama    -      sofás cama
cidade xardín     -        cidades xardíns

venres, 2 de decembro de 2016

FORMACIÓN DO FEMININO

- Cando o masculino remata en vogal átona, fórmase o feminino cambiando o –o final por un  –a:
avogado – avogada
presidente – presidenta
- Se o masculina remata en vogal tónica, o feminino fórmase engadindo un –a:
avó – avoa
- Se o masculino remata en consoante distinta de –n , engádese un –a:
pastor – pastora
- Se o masculino remata en –ín, engade un –a:
pescantín  -  pescantina
- Se o masculino remata en –eu, cambia esta terminación por  –ía:
xudeu  -  xudía
- Se o masculino remata en –ón, desaparece o –n final e engade un –a:
patrón -  patroa
Se o substantivo é pexorativo, o feminino fórmase engadindo –a, é dicir, en –ona:
abusón -  abusona
- Se o masculino remata en -án, o feminino fórmase coa desaparición do –n final:
irmán – irmá
Se o substantivo é pexorativo, o feminino fórmase engadindo –a, é dicir, en –ana:
lacazán -  lacazana
- Ás veces, o feminino fórmase cun morfema derivativo:
actor -  actriz
rei  -   raíña
- Noutras ocasións, a oposición de masculino /  feminino   é a base de semantemas diferentes:
cabalo  -  egua
home  -  muller
- Ás veces, a oposición de xénero dáse só mediante o artigo:
o artista   -   a artista
- Con algúns animais, cómpre engadir ao seu carón a palabra “macho” ou “femia”:
leopardo macho  - leopardo femia
A oposición de xénero pode servir para:
-          Diferenciar seres polo sexo: o boi -  a vaca
-          Diferenciar seres polo tamaño ou pola forma externa. O feminino adoita designar o ser de maior tamaño: o cesto  -   a cesta
-          Diferenciar entre individual e colectivo:  o gran  -   a gra