luns, 22 de maio de 2017

Infinitivo conxugado


Unha das características do galego é a de posuír un infinitivo flexionado que é portador
dun morfema de persoa.
1.- O infinitivo conxugado é obrigatorio cando:

• O infinitivo ten suxeito distinto ó do verbo principal:
Xa me estrañaba non viren teus irmáns á festa.

• O suxeito sendo distinto ó do verbo principal, non está expreso e convén marcalo para evitar ambigüidade:
Sería mellor marcharmos desta cidade canto antes
Por cumprires todo o prometido, es ben merecente dunha recompensa
Para chegardes a Lugo antes da noite tendes que saír agora.

• En construcións reflexivas e con verbos pronominais:
Puxemos o espertador para erguérmonos cedo.




2.- O infinitivo conxugado pode utilizarse:

. Cando vai introducido por unha preposición e non forma parte dunha perífrase, aínda tendo o mesmo suxeito có verbo da oración principal.  
Teñen os labios cheos de chocolate por non lavaren a boca


 . Cando tendo o mesmo Suxeito está moi afastado do verbo da oración principal.


3.- O Inifinitivo conxugado non se utiliza:

• Cando é perífrase:
Temos que facer o xantar.

• Cando vai rexido por un verbo modal (QUERER, PODER, DEBER)
Queredes repartir o papel?

• Cando o infinitivo está rexido por un verbo causativo (MANDAR, FACER, DEIXAR, PERMITIR e sinónimos) e vén inmediatamente despois del, ou separado del soamente polo seu suxeito, se este está expresado por un pronome átono.
Deixas pasar as horas e non dás feito nada.
Ninguén o ve traballar en todo o día.
Sentinvos falar ata as cinco da mañá.


• Con verbos de movemento en construccións que teñen un valor de finalidade:
Vimos recoller o lixo.

• En xeral, cando o infinitivo ten o mesmo suxeito que o do verbo do que depende, e se atopa separado del por unha preposición esixida polo réxime do verbo.
Non vos esquezades de pechar ben as billas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario