Amosando publicacións coa etiqueta Como facer un comentario literario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Como facer un comentario literario. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de xaneiro de 2022

Esquematizar

 É unha técnica de estudo que consiste en expoñer de maneira gráfica as ideas do texto de xeito que se perciba visualmente a xerarquización destas e a relación existentes entre elas. Para elaboralo debemos distinguir as ideas principais das secundarias e empregaranse estruturas nominais (frases) e non oracionais para cada un dos epígrafes, é dicir, evitaremos verbos na medida do posible. Por consideralo máis claro, empregaremos o esquema numérico, se ben é posible facelo tamén de chaves, con letras...

Presenta os datos de xeito claro e sinxelo e dun só golpe de vista permite asimilar a estrutura do texto. 

O esquema establece unha xerarquía de ideas: idea fundamental, información secundaria...

Sempre en base á brevidade e á concreción.

Debes empregar pslabras clave ou frases moi curtas sen ningún tipo de detalles e de forma breve.

EXEMPLO:

1. Primeira idea principal.                                     

      1.1.  Idea secundaria.

      1.2.  Idea secundaria

 

                2. Segunda idea principal.

                    2.1. Idea secundaria.

      2.2. Idea secundaria.

 

   3. Terceira idea principal.

                    3.1. Idea secundaria. 

 

Cómpre non facer un esquema moi extenso, pois non adoita haber moitas ideas importantes nos textos, dado que son breves.




Como se fai un esquema

Para realizar un esquema, considera os seguintes pasos:

– Le o texto de forma que o comprendas na súa totalidade.

– Separa o texto en parágrafos.

– Subliña, en cada parágrafo, a idea principal. Se non a atopas, realiza a túa propia idea central do parágrafo lido e anótaa. Estas ideas deben ser breves.

– Elimina a información innecesaria e aquela que se repite.

– Converte as túas ideas principais en palabras claves o frases curtas.

– Converte as túas ideas secundarias en palabras claves o frases curtas.

– Converte os teus datos en palabras claves o frases curtas.

– Elixe o tipo de esquema que vas utilizar.

– Arma o teu esquema colocando un título que represente o tema.

xoves, 14 de outubro de 2021

Elaborar un Comentario

 Agora que xa falamos de Literatura, imos ver como se fan os comentarios. Podemos seguir este esquema:


TEMA : idea central da que parte un texto (asunto) + intención do autor (criticar, loar, ironizar...)

CARACTERÍSTICAS DUN BO TEMA:

a)     Brevidade: non máis de 10 palabras

b)    Densidade: canta máis información sobre o texto conteña, mellor.

c)     Responde á pregunta: De que trata o texto? (Axústate ao que di o texto).

d)    Indica a intención do autor: crítica, gabanza (só se é clara).

e)     Redacción: SUBSTANTIVO (se é posible abstracto) + COMPLEMENTOS (adxectivos ou sintagmas preposicionais).

f)      Sen verbos.

(Podes lembrar a teoría das tres “C”: claridade, concisión e concreción)

Exemplos:  

- Crítica ao consumismo na sociedade actual.

- Loanza do modelo de ensino finlandés.

- O valor social dos cartos.

- Os dereitos dos indíxenas brasileiros.

 

Se pensamos, por exemplo, que o tema dun texto é “o home que berra” cambiámolo para poñer: “o berro do home”, tirando así o verbo. Ou “o tenista francés venceu comodamente ao seu contrincante español” para tirar o verbo diremos que o tema é : “A cómoda vitoria do tenista francés sobre o español”  

NON CONFUNDILO CO TÍTULO  !

Tema: breve, denso e axústase ao que di o texto (non te pases de orixinal)

Título: máis breve, non ten por que axustarse ao contido e pode ir cargado de intencionalidade estética, usar xogos de palabras, ser enxeñoso, atrevido...

Por exemplo, un texto que teña por tema a crítica ao consumismo na sociedade actual, podería ter o seguinte título orixinal baseado nun xogo de palabras: “Con sumo coidado”

 

O RESUMO.

Resumir é producir un texto breve a partir dun máis extenso seleccionando as ideas principais.

Pasos para facer un resumo:

1º. Lectura comprensiva (Faite unha Idea Xeral do texto e busca nun dicionario as palabras ou expresións que non coñezas)

2º. Nunha segunda lectura subliña o que che parece fundamental do texto e tenta descubrir, parágrafo a parágrafo ou estrofa  a estrofa,  as ideas importantes e secundarias do texto  (Se fas un esquema das ideas axudarache a facer o resumo).

3º. Redacta o novo texto coas túas palabras (non copies do orixinal) cohesionando nun único parágrafo as ideas importantes que seleccionaches antes.

4º.  Faino sempre en 3ª persoa.

5º.  Como regra xeral non uses  fórmulas introdutorias do tipo “ O autor di...” aínda que para resumir sobre todo textos poéticos ás veces é  necesario empezar con “ O eu poético...”

 

CLAVES DUN BO RESUMO:

a)      Brevidade: non máis do 25% do texto orixinal.

b)      Concisión: pon só o esencial, vai ao grao e nada de anécdotas, exemplos, enumeracións, incisos...

c)      Obxectividade: non deas a túa opinión nin fagas valoracións persoais (déixaas para o comentario). Tampouco aportes ningunha idea que non estea no texto orixinal.

d)      Claridade: o novo texto ten que ser coherente e estar ben cohesionado. Debe ser comprensible.

e)      Está redactado coas túas palabras, non copies do orixinal.

f)        Respecta a orde das ideas: aínda que non hai por que facelo, é recomendable manter a organización, é dicir, a mesma orde ca no orixinal na exposición das ideas.

g)   Está en 3ª persoa e nun único parágrafo.