ELAS TAMÉN ERAN IRMÁS. PRAZA PÚBLICA
(24/5/2016) (Adaptación)
No ano 2016 celebrouse o centenario do
nacemento das Irmandades da Fala. É coñecida a actividade que nela
tiveron os irmáns Villar Ponte, Manuel Lugrís, Uxío Carré Aldao,
Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez e moitos outras persoas.
Todos homes. Pero nas Irmandades tamén
participaron activamente mulleres, que mesmo constituíron
oficialmente no seu seo unha Sección
Feminina.
Mulleres como Maria
Miramontes, Amparo
López Jean, Micaela Chao
Manciñeiras, Elvira Bao, Pura
Lorenzana ou Corona
González traballaron activamente dentro das Irmandades
aínda que non aparezan en case ningún libro de texto ou non teñamos
escoitado falar delas.
Estas mulleres comezaron a participar
activamente no seo das Irmandades da Fala pouco despois da súa
constitución. "Cónstanos que en 1917 hai unha serie de
mulleres, vinculadas ás Irmandades da Fala, que toman a iniciativa
de promover unha colecta para sufragar os gastos para a bandeira da
Irmandade", explica a historiadora Helena Carro. Dende
os primeiros meses de 1918 comezan a aparecer en A
Nosa Terra as primeiras referencias
da Sección Feminina,
aínda que este grupo non contaba aínda con estatutos ou
regulamentos. Porén, en decembro dese
ano publícase (nun artigo titulado A
Irmandade Feminina. Traballos patrióticos)
a composición da Xunta Xeral da Irmandade
Feminina, conformada por Xosefa
Vázquez (conselleira primeira) substituíndo a Micaela Chao
Manciñeira, Elvira Bao (secretaria), Ermitas López Verdes
(tesoureira), Tereixa Chao Maciñeira (vicesecretaria), Maria Balboa
(contadora) e as vogais Rosa Martínez, Avelina Fernández, Teresa
Fernández, Maria Miramontes, Xenoveva Casal e Avelina Sardina.
As actividades desta Irmandade
Feminina, sinala Helena Carro, eran diversas: "Os
seus cometidos van desde a recompilación de datos estatísticos dos
traballos da muller galega, ata a solicitude aos centros galegos de
América para que se organicen para dar protección á muller
emigrada. Mesmo propoñen crear unhas bolsas de traballo similares ás
que funcionan en Cataluña ou outros lugares de Europa".
"Entenden que a pobreza non se resolve coa caridade senón
elaborando medidas que se plasmen na sociedade para que os pobres
deixen de selo", di.
A maioría pertencen á Galicia urbana
e son mulleres instruídas, com grandes inquietudes intelectuais e
con profesións liberais: mestras e xornalistas, por exemplo. Porén,
tamén había casos coma o de María Miramontes, que pertencía ao
gremio de costureiras.
Carro destaca tamén a figura de Amparo
López Jean, "cun posicionamento político propio con respecto
ao seu compañeiro César Alvajar", pois ela optou por militar
no Partido Galeguista, mentres que el pertenceu ao Partido Radical ou
á Unión Republicana.
Helena Carro destaca a defensa dos
dereitos da muller que dende o inicio realizan as Irmandades da Fala,
cunha posición moi avanzada para a época. Lembra que xa no
manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo (1918) se reclamaba "a
igualdade de dereitos" para as mulleres casadas, no caso de que
o home estivese emigrado. Unha reivindicación "de mínimos"
que xa ao ano seguinte, na segunda Asemblea, celebrada en Compostela,
foi superada, "eliminándose calquera restrición na igualdade"
e avogándose "pola total igualdade de dereitos políticos e
sociais" (artigo 21), sinala Carro.
"Non seriamos xustas se non recoñecésemos o novidoso e
profundamente moderno que supuxo que as Irmandades da Fala recollesen
dende o principio da súa constitución os postulados en defensa dos
dereitos da muller", salienta a
historiadora.
Carro conclúe que "a
historiografia oficial nunca se interesou polas mulleres nin desta
época nin de ningunha outra. Ás veces emprestan atención a
mulleres de forma individual, mais nunca organizadas, como é o caso
das Irmandades femininas". "A
historia está elaborada polos homes, e polo tanto os protagonistas
son os homes", engade. Porén, sinala hai estudos feitos por
mulleres sobre mulleres que si fan referencia a este período
histórico como son os de Noa Bergantinhos, Aurora Marco e Carmen
Blanco, ou traballos máis puntuais como Encarna Otero a respecto de
María Miramontes. E subliña, igualmente, algúns traballos
"interesantes dende a perspectiva de xénero" coma os
realizados por Ernesto Vazquez Souza, Dionisio Pereira ou Emilio
Insua.