luns, 22 de outubro de 2018

Estrutura para un comentario de texto


INTRODUCIÓN 

Neste apartado deberás incluír o tema e a intención coa que se escribiu o escrito que estás a analizar. Esta parte deberá ter un ou dous parágrafos que deben de estar marcados visualmente. Serán un ou dous en función de se decides tratar o tema e a intención por separado ou non. 


CORPO DO TEXTO 

En primeiro lugar deberás comezar por resumir o contido do texto. Lembra que un resume ten un carácter xeral, non te demores nos detalles: xa terás ocasión de facelo posteriormente. Deberá de ter un parágrafo

En segundo lugar pasarás a analizar o texto polo miúdo e para iso deberás de conxugar tres aspectos. Por unha banda a comprensión do texto, que conseguirás unha vez que o leas varias veces, por outra os teus coñecementos e, por último, (e non por iso menos importante) a túa habilidade para relacionar os dous elementos anteriores e xustificalos con exemplos da composición. 

Seguramente no texto que analices estarán presentes varias características importantes do/a autor/a estudado, da época en que se insire... O teu obxectivo é identificalas, explicalas e exemplificalas. Só debes de comentar aquilo que aparece, non aproveites para demostrar todo o que sabes porque iso non se terá en conta. 
 Se te fixas, este proceso é o que estamos realizando na aula cos textos que comentamos.

Como podes imaxinar, este apartado estará formado por máis de un parágrafo, o número dependerá das ideas que identifiques. Pensa que un parágrafo se corresponde sempre con unha idea. Como no caso anterior, debes de marcar os parágrafos visualmente. 


CONCLUSIÓN

 Estás a punto de finalizar o teu comentario e, polo tanto, xa fuches expoñendo moitas ideas interesantes. Agora indica quen pode ser o autor/a baseándote sempre na información que citaches. 

Realiza o mesmo que no punto anterior pero coa época en que se localiza a composición analizada. 

Por último, fai un comentario persoal en que expreses a túa opinión. Os comentarios persoais poden ser positivos ou non, as persoas temos gustos diferentes. O que se vai valorar aquí é que sexades capaces de expresalos de maneira axeitada tanto desde o punto de vista lingüístico como do respecto cara á/ao autor/a. 

Esta parte constará de tres parágrafos.


E en todo o texto lembra... 

Cohesión (emprega conectores, sinónimos, pronomes...). As ideas debes de unilas así e non con guións, números, puntos... 
Coherencia. Que non haxa contradición entre as túas ideas. 
Adecuación. Que ten que ver coa cantidade da información e o rexistro empregado. 

E tamén...
 Deixa sempre marxes á esquerda e á dereita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario