A definición consiste na explicación do significado de unha palabra ou expresión. Ten a función de delimitar con precisión o definido, dando a coñecer as súas características, de maneira que o obxecto, o ser ou o concepto non poida ser confundido con outro.
1.- Modos de definir
Definición por descrición e xeralización.
É a que debemos dar cando se nos pide o significado dunha palabra. Para facer a definición debemos contestar a unha serie de preguntas como: Como é? Para que serve? De que está feito? Se temos que definir un obxecto ou un ser inanimado hai que explicar como é a súa forma, tamaño e cor e indicar a materia de que está formado e o uso ao que se destina. Se o que queremos definir é un animal, indicaremos a especie á que pertence, cal é a súa anatomía, as súas principais formas de vida, os seus costumes.
Algo así:
.- Indica o tipo de obxecto ou ser. Sóese empregar o verbo SER máis unha palabra xeral.
.- Características específicas. Úsanse técnicas descritivas para sinalar as características e propiedades específicas que o diferencian doutros parecidos.
Estes serían os pasos previos á redacción da definición. Deste xeito non esqueceremos ningún dato importante.
A definición de substantivos concretos consiste pois en describir a realidade designada pola palabra desde o seu aspecto xeral (clase de obxectos á que pertence) até as características específicas que a distinguen doutras do mesmo grupo.
2.- Instrumentos que nos axudan a definir:
a) As palabras-recurso constitúen unha axuda fundamental á hora de definir. Algunhas delas son: OBXECTO, ELEMENTO, UTENSILIO, ARTILUXIO, LUGAR, CONXUNTO, RELACIÓN, SER, RECIPIENTE, CUALIDADE, PRENDA, SENSACIÓN, ÓRGANO, APARELLO, FACULTADE, PERSOA, ACTO, SENTIMENTO, ANIMAL, INSTRUMENTO, MATERIAL, SITUACIÓN, MEDIO, ARTE, PARTÍCULA...
b) As fórmulas para comezar a definición son, entre outras: ACCIÓN QUE CONSISTE EN, MOVEMENTO, ESTADO ANÍMICO (para definir verbos), DISE DE, CALIDADE QUE, EFECTO PRODUCIPO POR, APLÍCASE A, RELATIVO A...
3.- Características dunha definición correcta:
a) Debe de ser breve e clara.
b) O definido non debe de entrar na definición (*xordeira: é cando unha persoa está xorda)
c) A definición non debe formularse en termos negativos (*pobre é a persoa que non ten cartos)
d) Debe abarcar todas as características esenciais do obxecto ou concepto definido (can:*animal mamífero doméstico- isto tamén pode ser un gato)
e) Hai que evitar empregar expresións do tipo "é cando", "é como"... (orquestra:*é cando varios músicos tocan xuntos)
Ningún comentario:
Publicar un comentario