xoves, 18 de novembro de 2021

Comentario dun relato de Castelao

 O pai de Migueliño




O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.

Os "americanos" xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o "americano", máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o "americano" pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o "americano" pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.

Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...

Aquel si que era o pai de Migueliño.                            
  Do libro de "Cousas" de Castelao






O relato de "Cousas" que imos comentar, pódese estruturar nos seguintes apartados:
    1. Resumo ou contido.
    2. Forma e estilo
    3. Estrutura
    4. Tempo e Espazo
    5. Temas
    6. Obra, autor, época...
    7. Opinión persoal

RESUMO: O relato trata dun fillo e unha nai que van buscar ao seu pai que chega das Américas, e o que pensa o rapaz e as súas ilusións rotas.

FORMA e ESTILO: O relato está escrito nun estilo doado de entender, como se fose falado en vez de escrito. O galego non é o normativo, posto que non existía a normativa daquela, e as expresións son coloquiais e resulta fácil de ler; isto vai en consonancia coa filosofía de "Cousas" e de Castelao que non é rebuscado ou complicado coma Risco e Pedrayo -da súa época-, e está máis en relación co pobo e a xente humilde que é da quen fala en "Cousas". As oracións adoitan ser ou simples ou coordinadas, é difícil atopar unha subordinada, pero non por isto é unha linguaxe descoidada.

ESTRUTURA:
1ª parte: Na casa de Migueliño onde se nos introduce na historia cunha cantas pinceladas, como o debuxo que figura no encabezamento do relato, onde aparece o fillo mirando o cadro do seu pai para lembrar como era. Isto introdúcenos o primeiro tema do relato, que é a emigración. Hai tanto tempo que o pai tivo que marchar, que o fillo non o coñece: aínda que el tiña unha imaxe do seu pai que "…sabía cos ollos pechados cómo era…", esta imaxe non era real, xa que tivo que botar "… unha ollada ó retrato".
Isto aparece reforzado na 2ª parte: No peirao, onde o rapaz espera que o seu pai sexa un deses triunfadores que chegaban das Américas. A idea que tiña del era tan clara que mesmo un destes trunfadores ricos se parecía ó do retrato, "… ou aínda mellor portado,…". Logo aparece outro que só por levar un bo traxe, xa cría que era o seu pai. E "…así moitos pais que non o eran…". As ilusións do rapaz van crecendo ata ir perdendo as ilusións.
É na 3ª parte, onde o rapaz cambia a ilusión pola "anguria". Cando o pai, que de súpeto ve que abraza a súa nai, resultou ser un pobre home doente: "Era un home que non se parecía ó retrato…"


O ESPAZO e O TEMPO
Está unida á estrutura. Por unha banda hai un espazo explícito que fai referencia ao camiño do rapaz e a nai.
Casa-- Peirao
O paso da casa ao peirao non aparece no relato, xa que con certas pinceladas típicas dos relatos, presupoñemos o nerviosismo da nai e do fillo nese traxecto ante a chegada do pai.
E por outra banda hai un espazo que ten que ver co tema: a emigración, que é a viaxe que fai o pai.
América – Galicia .
Este traxecto é o tema do conto, e debeu ser angurioso polos pensamentos do pai que non levaba nada de volta.

O tempo da narración está en pasado, xa que predomina o Pretérito ou Pto. Perfecto: "estaba…, batíalle…., esculcaba….."

O tempo da historia poderíamolo encadrar nos comezos de século XX, onde a emigración estaba a ser unhas das principais causas do abandono de Galicia.
O desenvolvemento da acción é moi breve: Da casa ao peirao e a espera na que chega o pai.

TEMAS:
O tema principal é a emigración pero na súa parte negativa, a que fai volver ao pai a Galiza sen ningún diñeiro. Pero aparecen outros temas como a ilusión dun rapaz, a separación pai-fillo, a emigración positiva e a negativa reflectida nos "americanos", o amor da muller, a penuria do ser humano.
AUTOR:Este é un relato que pertence ao libro "Cousas" de Castelao, do primeiro terzo do século XX. Este libro é unha interpretación de Galiza, da súa problemática socioeconómica. Cada relato está composto por un texto e unha ilustracións; o texto achega brevemente asuntos, polo xeral de ambiente labrego ou mariñeiro, de temática variada, comprimida con trazos que denotan o obxecto que se achega en primeiro plano, mentres que o resto da información é suxestiva. Realmente, é un novo xénero que supera o linde do exclusivamente literario parda narrar acontecementos en que se ven inseridos diferentes personaxes cun coidado especial da palabra, inusualmente lírica.


OPINIÓN PERSOAL:
O relato está moi ben escrito: cunha cantas pinceladas Castelao dános a coñecer o drama dunha época e a psicoloxía dos personaxes.
O relato lévanos á unha Galicia de hai un século, pero con parecidos problemas aos de hoxe:
    • a emigración, aínda que hoxe sexa a outro países ou cidades españolas, para buscar traballo.
    • a pobreza da xente de campo, e a penuria da xente humilde.
É unha reflexión sobre a vida como o fai no resto dos relatos deste libro, e que tamén aparece, esta filosofía, nas súas pinturas. Paréceme marabilloso que se poida dicir tanto con tan poucas palabras, e asemade encántame que sexa capaz de combinar á perfección ilustración e texto, algo propio dos álbums ilustrados, sen selo. O xeito con que Castelao retrata a bondade ou a tristura compleméntase coa nosa retranca e cunha crítica satírica que permanece na nosa memoria para facernos reflexionar durante un longo período de tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario