A definición consiste na explicación do significado dunha palabra ou expresión. Ten a función de delimitar con precisión o definido, dando a coñecer as súas características, de maneira que o obxecto ou o concepto definido (animal, obxecto, idea, sentimento, emoción...) non poida ser confundido con outro.
Aínda que hai distintos modos de definir (etimolóxico, literario, por sinonimia…), debemos definir por descrición. Así, para definir animais indicaremos a especie (hiperónimo) a que pertencen, cal é a súa anatomía e mesmo o seu hábitat… Para definir obxectos ou seres inanimados, ademais de indicar o hiperónimo, hai que explicar a forma, o tamaño, a materia da que están feitos e o uso ao que se destina. Para definir accións usaremos formas verbais que concreten e precisen o significado. Para definir calidades empregaremos adxectivos que expresen a calidade de maneira clara e precisa.
CARACTERÍSTICAS DUNHA
DEFINICIÓN DE CALIDADE:
A)
- O definido nunca debe entrar na definición: *
Veleno significa algo que ten un efecto tóxico. Veleno e tóxico é o mesmo. Veleno: substancia
que tomada ou aplicada en certas doses altera as funcións vitais e pode ser
mortal.
B) - Ten que ser breve, clara e exacta.
C)
- Debe abarcar todas as
características esenciais do obxecto ou concepto definido. Non se pode
definir gato só como “animal mamífero doméstico”.
D) -
A definición non debe formularse en termos negativos:
* Pobre é a persoa que non ten cartos.
Pobre: persoa que vive na escaseza de bens materiais.
E) -
A definición non debe substentarse en exemplos nin formularse con
anacolutos (*é cando, *é unha cousa que, etc.): * Unha
orquestra é cando varios músicos tocan xuntos. *Caridade é cando se lle dá
esmola a un pobre.
Orquestra: conxunto
de músicos que actúan xuntos.
Caridade:
sentimento que se ten cara a unha persoa, polo cal se lle presta auxilio en
caso de necesidade con cartos ou coidados.
Outros aspectos: non uses palabras comodín para definir (cousa, aquilo…), non é necesario indicar a categoría gramatical da palabra e se o fas pon a abreviatura (s. adx, adv, v, conx, loc. prep,...)
Axudarache a definir o emprego de PALABRAS RECURSO, como poden ser: obxecto, elemento, utensilio, artiluxio, lugar, conxunto, relación, ser, recipiente, calidade, prenda, sensación, órgano, aparello, facultade, persoa, acto, sentimento, animal, instrumento, material, situación,etc. Como fórmulas para comezar a definición, son habituais: acción, movemento, estado anímico... (nos verbos); tamén se soe comezar con expresións do tipo dise de, dise daquilo que, calidade que, efecto producido por, aplícase a...
Ningún comentario:
Publicar un comentario