A escola republicana era unha muller que quería cambiar as cousas, que
sabía que o ensino era unha das mellores armas para acabar coa
desigualdade. Por iso, o misóxino franquismo descargou sobre ela a súa
ira. Baleirouna de coñecemento para enchela de crucifixos e desbotou das
súas aulas a xente comprometida. A represión sobre a escola foi o maior
dos castigos, pero hai leccións que é imposíbel borrar da historia. Eis
un extracto da peza publicada no número 326 de Sermos Galiza.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/leccion-da-escola-asasinada-polo-fascismo/20181212182526074557.html
Nos albores do século XX, apenas sabían ler tres de cada dez galegos,
non chegaba a dúas de cada dez galegas, e a situación non tiña trazas
de mellorar, pois só estaba matriculada unha de cada dúas criaturas en
idade escolar e só a metade desa cifra acudía con regularidade a unha
aula que, ademais, tiña moi escaso apoio institucional. A escola pública
era moi precaria e o peso da instrución recaía maioritariamente nas
mans da Igrexa.
O desolador panorama complicábase na Galiza pola total marxinación da
lingua, desaparecida na fala da docencia, nos libros de texto e mesmo
perseguida cando chegaba á escola por boca do alumnado. “Prohibíchedes o
galego nas escolas para producir no espríto dos nosos rapaces un
complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era mal e
falar castelán era falar ben”, denunciaría xa desde o exilio Castelao no
seu Sempre en Galiza.
As Irmandades da Fala intentaron dar resposta a esta situación coa
posta en marcha das Escolas do Insiño Galego, que na súa presentación xa
deixaban clara a orientación, como recolleu A Nosa Terra: “Non
lle abonda a Galicia que os seus fillos sepan ler i escribir. Galicia
precisa que os seus fillos lean i escriban na súa fala para que a
sintan, que estuden na súa xeografía para que a coñezan e coñecéndoa
quéirana”. Foron seis cursos nos que o editor Ánxel Casal impartiu aos
nenos coruñeses un ensino distinto. A mestra Elvira Bao era a encargada
de facer o propio coas nenas, pero nunca acadaron matrícula suficiente. A
escola non era cousa de nenas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario