luns, 22 de outubro de 2018

Estrutura para un comentario de texto


INTRODUCIÓN 

Neste apartado deberás incluír o tema e a intención coa que se escribiu o escrito que estás a analizar. Esta parte deberá ter un ou dous parágrafos que deben de estar marcados visualmente. Serán un ou dous en función de se decides tratar o tema e a intención por separado ou non. 


CORPO DO TEXTO 

En primeiro lugar deberás comezar por resumir o contido do texto. Lembra que un resume ten un carácter xeral, non te demores nos detalles: xa terás ocasión de facelo posteriormente. Deberá de ter un parágrafo

En segundo lugar pasarás a analizar o texto polo miúdo e para iso deberás de conxugar tres aspectos. Por unha banda a comprensión do texto, que conseguirás unha vez que o leas varias veces, por outra os teus coñecementos e, por último, (e non por iso menos importante) a túa habilidade para relacionar os dous elementos anteriores e xustificalos con exemplos da composición. 

Seguramente no texto que analices estarán presentes varias características importantes do/a autor/a estudado, da época en que se insire... O teu obxectivo é identificalas, explicalas e exemplificalas. Só debes de comentar aquilo que aparece, non aproveites para demostrar todo o que sabes porque iso non se terá en conta. 
 Se te fixas, este proceso é o que estamos realizando na aula cos textos que comentamos.

Como podes imaxinar, este apartado estará formado por máis de un parágrafo, o número dependerá das ideas que identifiques. Pensa que un parágrafo se corresponde sempre con unha idea. Como no caso anterior, debes de marcar os parágrafos visualmente. 


CONCLUSIÓN

 Estás a punto de finalizar o teu comentario e, polo tanto, xa fuches expoñendo moitas ideas interesantes. Agora indica quen pode ser o autor/a baseándote sempre na información que citaches. 

Realiza o mesmo que no punto anterior pero coa época en que se localiza a composición analizada. 

Por último, fai un comentario persoal en que expreses a túa opinión. Os comentarios persoais poden ser positivos ou non, as persoas temos gustos diferentes. O que se vai valorar aquí é que sexades capaces de expresalos de maneira axeitada tanto desde o punto de vista lingüístico como do respecto cara á/ao autor/a. 

Esta parte constará de tres parágrafos.


E en todo o texto lembra... 

Cohesión (emprega conectores, sinónimos, pronomes...). As ideas debes de unilas así e non con guións, números, puntos... 
Coherencia. Que non haxa contradición entre as túas ideas. 
Adecuación. Que ten que ver coa cantidade da información e o rexistro empregado. 

E tamén...
 Deixa sempre marxes á esquerda e á dereita.

xoves, 11 de outubro de 2018

ENUNCIADO FALSO

Deberás de elaborar un texto en que deas conta de un dos aspectos estudados nesta parte de Historia da lingua, ese aspecto debe de ser falso.

O texto contará das seguintes partes:

INTRODUCIÓN
Realiza unha breve referencia á época estudada.
Esta parte deberá de ter un parágrafo que debe de estar marcado visualmente.

CORPO DO TEXTO
Desenvolvemento da idea escollida dando o maior número de detalles que poidas disimulando a falsidade do enunciado.
É habitual que este apartado estea formado por máis de un parágrafo, o número dependerá dos aspectos diferentes que desenvolvas. Pensa que un parágrafo se corresponde sempre con unha idea. Como no caso anterior, debes de marcar os parágrafos visualmente.

CONCLUSIÓN
Os textos deben de ter un remate que estea relacionado cos aspectos analizados previamente.
Esta parte constará de un parágrafo.

E en todo o texto lembra...

Cohesión ( emprega conectores, sinónimos, pronomes...). As ideas debes de unilas así e non con guións, números, puntos...
Coherencia. Que non haxa contradición entre as túas ideas.
Adecuación. Que ten que ver coa cantidade da información e o rexistro empregado.

E tamén...
Deixa sempre marxes á esquerda e á dereita.

venres, 5 de outubro de 2018

A crítica literaria


Unha crítica literaria é unha opinión razoada sobre unha obra literaria: unha novela, un álbum ilustrado, un poema…

            O seu propósito é deixar constancia de se merece a pena ler, ou non, o libro, álbum ilustrado, obra teatral… que vas comentar.
Aspectos que hai que destacar
  1. Pódese comezar coa presentación do libro: novela, álbum ilustrado, cómic, teatro, poesía… e  sinalar que tipo de temática se trata (social, misterio, terror, amor, humor….
  2. A continuación búscase expor de xeito preciso o conxunto de aspectos que se desexan destacar, o tema principal, personaxes destacados, estrutura ou calquera que sexa. Non deas demasiados detalles e nunca digas o final.
  3. Por último, emítese un breve xuízo persoal destacando os aspectos positivos ou negativos do mesmo. É neste momento cando podes incluír as reflexións persoais que creas oportunas, debido que ata este momento, a función do texto debe ser fundamentalmente informativa.
Aquí podes contar que che transmitiu o libro, que significou para ti, que sentiches ao lelo ou a que lectores llelo recomendas e por que…
.
Que a crítica non che saia nin demasiado longa, nin demasiado curta. Se ocupa máis de media páxina, talvez esteas dando moitos detalles; e se son só un par de parágrafos, probablemente esteas contando demasiado pouco.
Revísaa!  É importante que  estea ben construída e redactada, que nos informe do libro sen destripar o argumento e que , ao lela, nos dea a todos moitas ganas de lelo tamén, ou non.