domingo, 11 de decembro de 2016

Unha rúa nun porto lonxano do norte.




"UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo...

Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.

O mariñeiro que fala francés e máis o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos, para seren máis amigos. ¡ Quén sabe se despóis de ben borrachos poderán entenderse!

E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo comenza a cantar:

Lanchiña que vas en vela;
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.


O mariñeiro que fala francés, arregala os ol1os, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:

Lanchiña que vas en vela;
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.


¡¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos. O taberneiro, gordo coma una flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana bermella escorregaron as bágoas. E dispóis dixo para sí nun laído saudoso:

¡Lanchiña que vas en vela!

Tamén o taberneiro era galego."

Castelao, Cousas, 1926

Cuestións (visto aquí)
1. Explica os significados das seguintes palabras ou expresións:
· acuguladas
· bafo
· castes
· pianolas chocas,
· perder o sentido
· non rexe co seu corpo
· refaixos
· arregala
· flamengo
· faciana
· escorregaron.
2. Cal é a profesión dos personaxes deste texto de Castelao? Que idiomas falan?
3. Por que chora o taberneiro?
4. En que lugar se desenvolve a acción ? Terá algunha importancia o feito de que o autor non o concrete ?
5. Como é o ambiente das tabernas?
6. Que significado ten a frase “Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse”?


Ningún comentario:

Publicar un comentario