domingo, 11 de decembro de 2016

Chamámbanlle a Marquesiña



Chámanlle a “Marquesiña” e os seus peíños endexamais se calzaron.
Vaí á fonte, depelica patacas e chámanlle a “Marquesiña”.
Non foi á escola por non ter chambra que pór e chámanlle a “Marquesiña”.
Non probou máis lambetadas que unha pedra de zucre e chámanlle a “Marquesiña”.
A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués.
¡E aínda lle chaman a “Marquesiña”!
 
Exemplo de Comentario do texto: Chamámbanlle a Marquesiña.

I-LOCALIZACIÓN
Trátase dun relato de Cousas de Castelao, un conxunto de ilustracións e textos que procuran reflectir dun xeito entre realista e crítico a Galicia de comezos do século XX. Atopamos temas como o mundo labrego, mariñeiro e o da emigración, tamén o da fidalguía.
O contexto literario das Irmandades da Fala e a Xeración Nós que traballan arreo polo desenvolvemento da prosa e da narrativa en galego.

II-INTERPRETACIÓN
a)Asunto: (resumo) Retrato da desigualdade imperante a través dunha meniña pobre á que chaman “a Marquesiña” porque axuda a súa nai que traballa na casa do Marqués.
Argumentos: Neste texto o contraste entre a palabra Marquesa e todo o que non ten (antítese e ironía) esa meniña - iña, un personaxe central pobre e inocente/ indefenso, destacado polo diminutivo.
Tema: a inxusta división social da Galicia do 1900.
Punto de vista: Un narrador en 3ª persoa omnisciente.

b)Estrutura (partes e elementos do texto):
Introdución: (L.1) o contraste rotundo entre o nome e andar descalza
Nó: Descrición selecticva da vida da meniña pobre.
Desenlace: Descúbrese o motivo do nome co que se coñece a rapaciña. Engádese un epifonema exclamativo

Personaxes: Protagonista “a Marquesiña” (antagonista o Marqués, secundario a nai da rapaciña).
Espazo: a Galicia de comezos do XX na praza dunha vila.
Tempo Relatado: momentos precisos da infancia da “Marquesiña”.
Tempo do Discurso: visión non lineal retrospectiva e volta ao presente.

c) A Linguaxe: ( o apartado máis importante onde debemos non só citar recursos existentes,senón tamén argumentar a súa función no texto con respecto ao tema).
Nivel semántico ou de contido:
- Cadeas léxicas: Insistente “Marques-iña” (idea de meniña) fronte léxico e accións negadas por adverbios que evidencian pobreza, a escaseza aínda máis inxusta e cruel ao tratarse dunha persoa non adulta.
-Recursos: Contraposición ou antíteses (rico/ pobre), Enumeración, diminutivos (debilidade e inocencia do protagonista), epíteto (probe) epifonema (ironía tráxica)
Do que deducimos ou argumentamos o seu ton crítico e emotivo para provocar un sentimento solidario cos que sofren a inxustiza.

Nivel morfosintáctico ou de forma:
- Recursos: Repetición como se dun paralelismo, anáfora se tratase “chámanlle marquesiña” intensificación por repetición. Polisíndeton.
Do que deducimos e argumentamos un ritmo lento que incide na mirada sobre a pobre e inocente rapaza que sofre unha inxusta situación.

III- VALORACIÓN:

2-Na procura da identificación do autor texto anterior reparamos na temática e no estilo:

A temática: A preocupación polos problemas das clases humildes e co contexto galego (conflito de clase entre a fidalguía e labregos-mariñeiros de 1º terzo do século XX).
O estilo: O lirismo e humorismo no tratamento dos personaxes para retratar a Galicia real da súa época. Prosa sinxela sen adornos,pero coidados finais.
Trátase dun texto narrativo da prosa galeguista de comezos do XX, neste caso de corte realista e crítico, cun fondo humorismo emotivo, denuncia da desigualdade social, un dos problemas socias da Galicia que Castelao retrata colocándose ao carón dos humildes.

Trátase dun texto de Cousas, cuxo estilo une maxistralmente unha ilustración a un texto de curta extensión, cargado de lirismo e intención cunha narrativa sinxela, estrutura coidada, moi característica e persoal.

Atopado aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario