martes, 11 de xaneiro de 2022

Esquematizar

 É unha técnica de estudo que consiste en expoñer de maneira gráfica as ideas do texto de xeito que se perciba visualmente a xerarquización destas e a relación existentes entre elas. Para elaboralo debemos distinguir as ideas principais das secundarias e empregaranse estruturas nominais (frases) e non oracionais para cada un dos epígrafes, é dicir, evitaremos verbos na medida do posible. Por consideralo máis claro, empregaremos o esquema numérico, se ben é posible facelo tamén de chaves, con letras...

Presenta os datos de xeito claro e sinxelo e dun só golpe de vista permite asimilar a estrutura do texto. 

O esquema establece unha xerarquía de ideas: idea fundamental, información secundaria...

Sempre en base á brevidade e á concreción.

Debes empregar pslabras clave ou frases moi curtas sen ningún tipo de detalles e de forma breve.

EXEMPLO:

1. Primeira idea principal.                                     

      1.1.  Idea secundaria.

      1.2.  Idea secundaria

 

                2. Segunda idea principal.

                    2.1. Idea secundaria.

      2.2. Idea secundaria.

 

   3. Terceira idea principal.

                    3.1. Idea secundaria. 

 

Cómpre non facer un esquema moi extenso, pois non adoita haber moitas ideas importantes nos textos, dado que son breves.




Como se fai un esquema

Para realizar un esquema, considera os seguintes pasos:

– Le o texto de forma que o comprendas na súa totalidade.

– Separa o texto en parágrafos.

– Subliña, en cada parágrafo, a idea principal. Se non a atopas, realiza a túa propia idea central do parágrafo lido e anótaa. Estas ideas deben ser breves.

– Elimina a información innecesaria e aquela que se repite.

– Converte as túas ideas principais en palabras claves o frases curtas.

– Converte as túas ideas secundarias en palabras claves o frases curtas.

– Converte os teus datos en palabras claves o frases curtas.

– Elixe o tipo de esquema que vas utilizar.

– Arma o teu esquema colocando un título que represente o tema.

martes, 23 de novembro de 2021

Unha rúa nun porto lonxano do norte

 




"UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo...

Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.

O mariñeiro que fala francés e máis o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos, para seren máis amigos. ¡ Quén sabe se despóis de ben borrachos poderán entenderse!

E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo comenza a cantar:

Lanchiña que vas en vela;
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.


O mariñeiro que fala francés, arregala os ol1os, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:

Lanchiña que vas en vela;
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.


¡¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos. O taberneiro, gordo coma una flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana bermella escorregaron as bágoas. E dispóis dixo para sí nun laído saudoso:

¡Lanchiña que vas en vela!

Tamén o taberneiro era galego."

Dous vellos que tamén tiveron mocedade

 


Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron arnándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xilgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.
Antonte leváronlle o viático ó vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.
Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro:
— ¡Deica logo, Eleuteiro!
E os veciños que acudiran ó espeutáculo taparónse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ó casino, e o “deica logo Eleuterio” xa se convirteu en motivo de risa.
Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno.

luns, 22 de novembro de 2021

Chamámbanlle a Marquesiña

 



Chámanlle a “Marquesiña” e os seus peíños endexamais se calzaron.
Vaí á fonte, depelica patacas e chámanlle a “Marquesiña”.
Non foi á escola por non ter chambra que pór e chámanlle a “Marquesiña”.
Non probou máis lambetadas que unha pedra de zucre e chámanlle a “Marquesiña”.
A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués.
¡E aínda lle chaman a “Marquesiña”!
 
Exemplo de Comentario do texto: Chamámbanlle a Marquesiña.

I-LOCALIZACIÓN
Trátase dun relato de Cousas de Castelao, un conxunto de ilustracións e textos que procuran reflectir dun xeito entre realista e crítico a Galicia de comezos do século XX. Atopamos temas como o mundo labrego, mariñeiro e o da emigración, tamén o da fidalguía.
O contexto literario das Irmandades da Fala e a Xeración Nós que traballan arreo polo desenvolvemento da prosa e da narrativa en galego.

II-INTERPRETACIÓN
a)Asunto: (resumo) Retrato da desigualdade imperante a través dunha meniña pobre á que chaman “a Marquesiña” porque axuda a súa nai que traballa na casa do Marqués.
Argumentos: Neste texto o contraste entre a palabra Marquesa e todo o que non ten (antítese e ironía) esa meniña - iña, un personaxe central pobre e inocente/ indefenso, destacado polo diminutivo.
Tema: a inxusta división social da Galicia do 1900.
Punto de vista: Un narrador en 3ª persoa omnisciente.

b)Estrutura (partes e elementos do texto):
Introdución: (L.1) o contraste rotundo entre o nome e andar descalza
Nó: Descrición selecticva da vida da meniña pobre.
Desenlace: Descúbrese o motivo do nome co que se coñece a rapaciña. Engádese un epifonema exclamativo

Personaxes: Protagonista “a Marquesiña” (antagonista o Marqués, secundario a nai da rapaciña).
Espazo: a Galicia de comezos do XX na praza dunha vila.
Tempo Relatado: momentos precisos da infancia da “Marquesiña”.
Tempo do Discurso: visión non lineal retrospectiva e volta ao presente.

c) A Linguaxe: ( o apartado máis importante onde debemos non só citar recursos existentes,senón tamén argumentar a súa función no texto con respecto ao tema).
Nivel semántico ou de contido:
- Cadeas léxicas: Insistente “Marques-iña” (idea de meniña) fronte léxico e accións negadas por adverbios que evidencian pobreza, a escaseza aínda máis inxusta e cruel ao tratarse dunha persoa non adulta.
-Recursos: Contraposición ou antíteses (rico/ pobre), Enumeración, diminutivos (debilidade e inocencia do protagonista), epíteto (probe) epifonema (ironía tráxica)
Do que deducimos ou argumentamos o seu ton crítico e emotivo para provocar un sentimento solidario cos que sofren a inxustiza.

Nivel morfosintáctico ou de forma:
- Recursos: Repetición como se dun paralelismo, anáfora se tratase “chámanlle marquesiña” intensificación por repetición. Polisíndeton.
Do que deducimos e argumentamos un ritmo lento que incide na mirada sobre a pobre e inocente rapaza que sofre unha inxusta situación.

III- VALORACIÓN:

2-Na procura da identificación do autor texto anterior reparamos na temática e no estilo:

A temática: A preocupación polos problemas das clases humildes e co contexto galego (conflito de clase entre a fidalguía e labregos-mariñeiros de 1º terzo do século XX).
O estilo: O lirismo e humorismo no tratamento dos personaxes para retratar a Galicia real da súa época. Prosa sinxela sen adornos,pero coidados finais.
Trátase dun texto narrativo da prosa galeguista de comezos do XX, neste caso de corte realista e crítico, cun fondo humorismo emotivo, denuncia da desigualdade social, un dos problemas socias da Galicia que Castelao retrata colocándose ao carón dos humildes.

Trátase dun texto de Cousas, cuxo estilo une maxistralmente unha ilustración a un texto de curta extensión, cargado de lirismo e intención cunha narrativa sinxela, estrutura coidada, moi característica e persoal.

xoves, 18 de novembro de 2021

Comentario dun relato de Castelao

 O pai de Migueliño




O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.

Os "americanos" xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o "americano", máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o "americano" pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o "americano" pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.

Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...

Aquel si que era o pai de Migueliño.                            
  Do libro de "Cousas" de Castelao






O relato de "Cousas" que imos comentar, pódese estruturar nos seguintes apartados:
    1. Resumo ou contido.
    2. Forma e estilo
    3. Estrutura
    4. Tempo e Espazo
    5. Temas
    6. Obra, autor, época...
    7. Opinión persoal

RESUMO: O relato trata dun fillo e unha nai que van buscar ao seu pai que chega das Américas, e o que pensa o rapaz e as súas ilusións rotas.

FORMA e ESTILO: O relato está escrito nun estilo doado de entender, como se fose falado en vez de escrito. O galego non é o normativo, posto que non existía a normativa daquela, e as expresións son coloquiais e resulta fácil de ler; isto vai en consonancia coa filosofía de "Cousas" e de Castelao que non é rebuscado ou complicado coma Risco e Pedrayo -da súa época-, e está máis en relación co pobo e a xente humilde que é da quen fala en "Cousas". As oracións adoitan ser ou simples ou coordinadas, é difícil atopar unha subordinada, pero non por isto é unha linguaxe descoidada.

ESTRUTURA:
1ª parte: Na casa de Migueliño onde se nos introduce na historia cunha cantas pinceladas, como o debuxo que figura no encabezamento do relato, onde aparece o fillo mirando o cadro do seu pai para lembrar como era. Isto introdúcenos o primeiro tema do relato, que é a emigración. Hai tanto tempo que o pai tivo que marchar, que o fillo non o coñece: aínda que el tiña unha imaxe do seu pai que "…sabía cos ollos pechados cómo era…", esta imaxe non era real, xa que tivo que botar "… unha ollada ó retrato".
Isto aparece reforzado na 2ª parte: No peirao, onde o rapaz espera que o seu pai sexa un deses triunfadores que chegaban das Américas. A idea que tiña del era tan clara que mesmo un destes trunfadores ricos se parecía ó do retrato, "… ou aínda mellor portado,…". Logo aparece outro que só por levar un bo traxe, xa cría que era o seu pai. E "…así moitos pais que non o eran…". As ilusións do rapaz van crecendo ata ir perdendo as ilusións.
É na 3ª parte, onde o rapaz cambia a ilusión pola "anguria". Cando o pai, que de súpeto ve que abraza a súa nai, resultou ser un pobre home doente: "Era un home que non se parecía ó retrato…"


O ESPAZO e O TEMPO
Está unida á estrutura. Por unha banda hai un espazo explícito que fai referencia ao camiño do rapaz e a nai.
Casa-- Peirao
O paso da casa ao peirao non aparece no relato, xa que con certas pinceladas típicas dos relatos, presupoñemos o nerviosismo da nai e do fillo nese traxecto ante a chegada do pai.
E por outra banda hai un espazo que ten que ver co tema: a emigración, que é a viaxe que fai o pai.
América – Galicia .
Este traxecto é o tema do conto, e debeu ser angurioso polos pensamentos do pai que non levaba nada de volta.

O tempo da narración está en pasado, xa que predomina o Pretérito ou Pto. Perfecto: "estaba…, batíalle…., esculcaba….."

O tempo da historia poderíamolo encadrar nos comezos de século XX, onde a emigración estaba a ser unhas das principais causas do abandono de Galicia.
O desenvolvemento da acción é moi breve: Da casa ao peirao e a espera na que chega o pai.

TEMAS:
O tema principal é a emigración pero na súa parte negativa, a que fai volver ao pai a Galiza sen ningún diñeiro. Pero aparecen outros temas como a ilusión dun rapaz, a separación pai-fillo, a emigración positiva e a negativa reflectida nos "americanos", o amor da muller, a penuria do ser humano.
AUTOR:Este é un relato que pertence ao libro "Cousas" de Castelao, do primeiro terzo do século XX. Este libro é unha interpretación de Galiza, da súa problemática socioeconómica. Cada relato está composto por un texto e unha ilustracións; o texto achega brevemente asuntos, polo xeral de ambiente labrego ou mariñeiro, de temática variada, comprimida con trazos que denotan o obxecto que se achega en primeiro plano, mentres que o resto da información é suxestiva. Realmente, é un novo xénero que supera o linde do exclusivamente literario parda narrar acontecementos en que se ven inseridos diferentes personaxes cun coidado especial da palabra, inusualmente lírica.


OPINIÓN PERSOAL:
O relato está moi ben escrito: cunha cantas pinceladas Castelao dános a coñecer o drama dunha época e a psicoloxía dos personaxes.
O relato lévanos á unha Galicia de hai un século, pero con parecidos problemas aos de hoxe:
    • a emigración, aínda que hoxe sexa a outro países ou cidades españolas, para buscar traballo.
    • a pobreza da xente de campo, e a penuria da xente humilde.
É unha reflexión sobre a vida como o fai no resto dos relatos deste libro, e que tamén aparece, esta filosofía, nas súas pinturas. Paréceme marabilloso que se poida dicir tanto con tan poucas palabras, e asemade encántame que sexa capaz de combinar á perfección ilustración e texto, algo propio dos álbums ilustrados, sen selo. O xeito con que Castelao retrata a bondade ou a tristura compleméntase coa nosa retranca e cunha crítica satírica que permanece na nosa memoria para facernos reflexionar durante un longo período de tempo.

Castelao




 

 
 

martes, 16 de novembro de 2021

Variedades xeográficas do galego

Os habitantes dunha mesma localidade ou rexión poden desenvolver ó longo do tempo modos lingüísticos particulares (variedades diatópicas: falares ou dialectos xeográficos), que conforman unha variante diatópica da lingua. Eses modos ou falares lingüísticos particulares son resultado de distintos factores. Entre eses factores están:
  • A influencia das linguas de substrato e superestrato (prerromanas, célticas, suevo...).
  • A evolución do propio sistema: ó haber unha ausencia de contacto con outras comunidades que empreguen a mesma lingua -por mor de dificultades xeográficas, falta de contacto, migracións...- poden aparecer co tempo solucións fonéticas e/ou morfolóxicas diferentes.



 O galego, como a maioría das linguas, posúe variedades internas dependentes da área xeográfica.




Malia a grande unidade do galego falado acostuman diferenciarse tres grandes bloques dialectais baseándose nunhas poucas isoglosas (liñas que marcan unha forma diferente de dicir algo no territorio).

 Dentro dos bloques poden sinalarse tamén áreas máis pequenas.

1.-Bloque Oriental:
  • cais (cans), pantalois (pantalóns), ladrois (ladróns) -plural-
  • camín (camiño), paxarín (paxariño) , vecín (veciño) –iño-
  • cuatro (catro), cuando (cando), guardar (gardar) –ditongo –ua
  • baxo (baixo), caxa (caixa)
Áreas: asturiana (artigo el/l´, avolo, mulin –avó, muíño-) //ancaresa (vogais nasais) // zamorana (collí, partí –collín, partín)

2. Bloque central:
  • non seseo: luz, dez, empezar, dicir
  • -ao: mao, irmao, chao (man, irmán, chan) –sufixo-
  • cas (cans), leós (leóns) ladrós (ladróns), calcetís (calcetíns) –plural-
  • algunha gheada
Áreas: mindoniense: cimo (grelo), golpe (raposo). lucu-auriense: come (cume), bibe (bebe)

3. Bloque occidental:
  • gheada: logho (logo), amigha (amiga), Lugho (Lugo)
  • seseo total: disir (dicir), cosiña (cociña), des (dez). Seseo só final de sílaba: lus (luz) mais facer
  • man, irmán, castelán, chan –sufixo-
  • uns, algúns, leóns, calcetíns –plural-
Áreas: fisterrá: cheísmo (só che pronome) // pontevedresa // Baixo Miño (teísmo)

 




MAPAS ISOGLOSAS, aquí.

No seguinte mapa interactivo podedes ver e escoitar exemplos das variedades dialectais  do galego. 













martes, 9 de novembro de 2021

A definición de palabras

 

 
A definición consiste na explicación do significado dunha palabra ou expresión. Ten a función de delimitar con precisión o definido, dando a coñecer as súas características, de maneira que o obxecto ou o concepto definido (animal, obxecto, idea, sentimento, emoción...) non poida ser confundido con outro.
 
 Aínda que hai distintos modos de definir (etimolóxico, literario, por sinonimia…), debemos definir por descrición. Así, para definir animais indicaremos a especie (hiperónimo) a que pertencen, cal é a súa anatomía e mesmo o seu hábitat… Para definir obxectos ou seres inanimados, ademais de indicar o hiperónimo, hai que explicar a forma, o tamaño, a materia da que están feitos e o uso ao que se destina. Para definir accións usaremos formas verbais que concreten e precisen o significado. Para definir calidades empregaremos adxectivos que expresen a calidade de maneira clara e precisa. 

CARACTERÍSTICAS DUNHA DEFINICIÓN DE CALIDADE:

A)    - O definido nunca debe entrar na definición: * Veleno significa algo que ten un efecto tóxico. Veleno e tóxico é o mesmo. Veleno: substancia que tomada ou aplicada en certas doses altera as funcións vitais e pode ser mortal.

 

B)     - Ten que ser breve, clara e exacta.

 

C)    - Debe abarcar todas as características esenciais do obxecto ou concepto definido. Non se pode definir gato só como “animal mamífero doméstico”.

 

D)   -  A definición non debe formularse en termos negativos: * Pobre é a persoa que non ten cartos.  Pobre: persoa que vive na escaseza de bens materiais.

 

E)   -  A definición non debe substentarse en exemplos nin formularse con anacolutos (*é cando, *é unha cousa que, etc.): * Unha orquestra é cando varios músicos tocan xuntos. *Caridade é cando se lle dá esmola a un pobre.

Orquestra: conxunto de músicos que actúan xuntos.  
Caridade: sentimento que se ten cara a unha persoa, polo cal se lle presta auxilio en caso de necesidade con cartos ou coidados.
 
  
Outros aspectos: non uses palabras comodín para definir (cousa, aquilo…), non é necesario indicar a categoría gramatical da palabra e se o fas pon a abreviatura (s. adx, adv, v, conx, loc. prep,...) 
 
Axudarache a definir o emprego de PALABRAS RECURSO, como poden ser: obxecto, elemento, utensilio, artiluxio, lugar, conxunto, relación, ser, recipiente, calidade, prenda, sensación, órgano, aparello, facultade, persoa, acto, sentimento, animal, instrumento, material, situación,etc. Como fórmulas para comezar a definición, son habituais: acción, movemento, estado anímico... (nos verbos); tamén se soe comezar con expresións do tipo dise de, dise daquilo que, calidade que, efecto producido por, aplícase a... 
 
Podes practicar aquí e aquí.

luns, 18 de outubro de 2021

Himno

 ¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra o sangue a regos
dende a montana ó mar.

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,
Iadróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó val.

 

Comentario deste poema:

Tema: Chamada á loita aos labregos / chamamento á unión dos labregos cotra a explotación caciquil

Intención: O poema pretend a concienciación dos campesiños para que participen da loita revolucionaria. 

Resumo: O poeta fai un canto de irmandade dirixido aos galegos que levan a fouce, aos labregos para que loiten contra a clase señorial, a fidalguía que vive na vila e nos pazos, fai un chamamento a que sen medo e con violencia  sexan expulsados da terra antes que seguir sendo servos asoballados polos caciques. 

A estrutura do texto presenta tres partes que se poden ver marcadas polo verso que se repite en tres ocasións, trátase do primeiro verso e a primeira estrofa dunha introdución, un chamamento á unidade dos labregos. Unha segunda parte que tería dúas estrofas, a segunda e a terceira que establecen o obxectivo do chamamento : a loita contra os canallas que os escravizan. Finalmente a terceira parte ten tres estrofas nas que presenta con maior claridade ao inimigo a derrotar na loita e anuncia a desexada fuxida dos caciques ladróns. 

En primeiro lugar, destacar a ferocidade que transmite o poema dende que comeza ata que remata. Este ímpeto agresivo maniféstase sobre todo en certos versos como o 11 ou os 14-15-16.

Algo que chama a atención é a dignificación da clase campesiña a través de actos coma “facer rebrilar a folla do fouciño” (versos 3-4), o cal conleva ter que erguerse da tarefa de segar a herba para poder enfrontarse aos caciques opresores coas únicas armas que teñen: as ferramentas coas que son explotados. Isto pode dar lugar a unha interesante metáfora: os trebellos cos que os campesiños dan ganancias aos nobres explotadores son as mesmas que se rebelan contra eles e cortan a cadea coma nno verso 5 e o verso 7. Deste xeito, a voz poética tamén eleva o traballo do campo a unha valoración moito máis alta do que os señores das terras estaban afeitos.

Así mesmo, a nobreza non é a única que sae mal parada neste reivindicativo poema. O clero tamén se retrata moi desfavorecido no verso 18, onde é chamado “fato de herexes”, o cal, por outra banda, non se desencamiñaba da realidade, pois ante o abusivo trato que o pobo traballador recibía dos nobres, o clero non facía máis ca mirar cara a outro lado e antepór o beneficio económico á súa máis que defendida “caridade cristiá”.

 No que podería denominarse coma un retrouso porque se repite dúas veces, atópanse as chamadas ao pobo para a súa unión: “Irmáns! Irmáns galegos!” e cita os dous extremos da xeografía galega (o Cabo Ortegal e o Miño) no verso segundo.

Trátase dun texto de xénero lírico, está escrito en verso, coñecemos o autor e a obra: Vento mareiro é un libro que presenta tres direccións temáticas: a intimista, a costumista e a social, que é a que este texto presenta, xa que é un poema combativo de carácter agrarista e anticaciquil. Precisamente o contexto deste poema sitúase nas loitas agrarias pola redenzón do foro, e como se pode ver no título se indica que é un himno para un dos sindicatos agrarios dirixidos polo cura Basilio Álvarez. No tocante ao contexto literario, Cabanillas é un poeta que serve de ponte entre a poesía do Rexurdimento e a das Vangardas do 1º terzo do século XX, de feito vai introducir a estética modernista nos seus poemas. o poema de Cabanillas é un himno creado para espertar ese sentimento de loita de comezos do século XX, para recuperar a identidade campesiña, arrebatada antano por eses anos que tras a súa avaricia, danaron o pobo galego de tal forma que levou ao territorio a pasar por unha etapa de angustia, desprezamento e escravitude

Opinión persoal: O poema é unha chamada á unión do pobo contra os opresores. É moi sinxelo esquecerse del, ou só estudalo como parte da historia da nosa terra, pero a verdade é que debería de seguir moi presente nas vidas de todos os galegos e galegas, pois a nosa loita non finalizou. Día tras día aturamos os menosprezos do que debemos considerar o noso Goberno, mais só se trata dos “neonobres” opresores que son capaces de ver arder Galiza de arriba a abaixo e non permitir, porén, a cobertura mediática que isto necesita. Son capaces de quedar de brazos cruzados mentres Madrid reduce cada vez máis a educación en galego. Discriminan a doce fala nai e disfrazan a súa traizón ao pobo con escusas baratas de oradores de barrio. Quero estudar en galego, pero cada vez é menos doado. Sen galego, non hai Galiza. Sen Galiza, todo o labor que hoxe estudamos dos loitadores como Celso Emilio Ferreiro ou Castelao, aos que tanto enaltecen hipocritamente, tería sido en van.