martes, 3 de novembro de 2015

A exposición oral na aula

Levamos varias exposicións e estou vendo varios defectos en case todas e todos vós, polo que cómpre lembrar algunhas normas de como se debe facer correctamente este tipo de traballos.



Toda exposición oral responde a un plan de traballo que debe pasar polas seguintes fases:
1.- Elixe o tema e ponlle un título
2.- Documentación: obtén información por distintos medios sobre aquilo que investigas (xornais, enciclopedias, Internet...)
3.- Selección e Ordenación: selecciona aquilo que consideras máis interesante de toda a documentación que reuniches. Logo reelabora o guión previo para facer o definitivo, que usarás na exposición. Este guión é unha guía, un esquema sintético cos enunciados dos apartados da túa exposición, algo así como un mapa de todos os "lugares" polos que vas ter que pasar na presentación da túa exposición. O guión debe permitirche incluír na túa exposición o material complementario que creas oportuno (debuxos, fotos, fotocopias...). Marca nel en que punto da exposición vas usar cada cousa.
4.- Elaboración dun guión: anota todos os apartados dos que vas falar.
5.- Elocución: unha exposición oral non debe consistir na lectura nin no recitado memorístico dun texto. Debes presentar os contidos que coñeces mediante un discurso oral elaborado nese momento (aínda que evidentemente a elaboración xa a planificaches antes no guión-esquea e os contidos debes sabelos).

CONSELLOS PARA A ELOCUCIÓN:
1.- Ao principio é normal estar nervioso. Pero... hai que atreverse! Se se traballa e se teñen as ideas claras, sairá ben: triunfarase.
2.- Ensaia na casa. Así saberás se a exposición se axusta ao tempo de que dispós e mesmo poderás facer os cambios que creas necesarios. Se sodes dous debedes estar ben sincronizados, saber que é o que fai cada un, cando se empregan os medios audiovisuais, etc
3.- Podes facer a exposición sentado ou de pé, pero tenta ter o guión a man.
4.- Procura ser natural nos recursos fónicos. Procura un ton de voz axeitado (nin moi alto nin moi baixo), vocaliza ben, fai as pausas oportunas para que se te entenda sen esforzo. Procura unha dicción sosegada, non fales nin rápido nin moi lento.
5.- Evita os tics e os excesos no uso de sons que repetimos para encher os baleiros do noso discurso (ehhhhh, pois., ou sexa....)
6.- Non xesticules en exceso (só algo de teatralidade explicativa), pero tampouco sexa unha estatua. Lembra que non se fala coas mans nos petos.
7.- Mira para o público e non para o teito ou para o chan (ou as pantasmas). Alterna as túas miradas cara ao público, é dicir, non te centres só nunha persoa do auditorio.
8.- Inclúe o sentido do humor na exposición. Podes contar algunha anécdota que veña ao caso co que estás expoñendo, pero sen recorrer ao chiste fácil.
9.- Lembra que unha exposición oral non é só falar. Adorna as túas palabras cos esquemas, gráficos... Podes ter un apoio tecnolóxico, como por exemplo unha presentación en power-point que ilustre o que explicamos con palabras; con pouco texto, en cores lexibles, letra grande, simple, clara e con imaxes.
10.- Non ler o que desexamos comunicar, entendelo, aprendelo e explicalo, pero sen dar sensación de largar todo de memoria. Ler unha pantalla que estamos mostrando non ten sentido.

http://soda.ustadistancia.edu.co/enlinea/clarajaramillo_metodologia4/la_exposicin_oral.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario