luns, 28 de decembro de 2015

Trimestre negro II

Como libro optativo, ademais dos que falamos sobre a Guerra Civil, xa sabedes que podedes seguir lendo novela negra (se vos apetece adentrarvos neste xénero). A escoller entre un bo abano de ofertas:









Lémbrovos que a listaxe de libros optativos segue vixente. Se non queredes ler nin novela negra nin libros sobre a guerra civil, acudide a ela.

luns, 21 de decembro de 2015

Traballo sobre a Guerra Civil

Como vos dixen na aula, este segundo trimestre ides realizar un traballo para saber máis sobre a Guerra Civil e o que supuxo, un traballo que ten ademais como característica que vai ser para dúas materias, a de Ciencias Sociais e a de Lingua e Literatura Galega. Pensade que é un traballo sobre o que debedes investigar, pescudar, visionar, ler... Non podedes nin pretendades buscar na Wikipedia e pegar o que alí pon: esixímosvos algo máis ca iso.


De todos os temas propostos, podedes elixir un. Tedes que me mandar un correo indicándome que tema elixides e con que compañeiros e compañeiras o ides facer. Do que se trata é que se toquen todos os temas, por iso teño que sabelos porque se se repiten hai que cambialo. Os grupos poden ser de 2 ou 3 persoas, pero se alguén quere facelo de xeito individual tamén pode escoller esa opción.

Tedes a sorte, asemade, de ter preto a Manuel Igrexas, que é quen máis sabe deste tema no Deza.

TEMAS A ESCOLLER:

.- O voto femininio na Segunda República (debates, intervencións...). Sempre tendo en conta e referenciando a Victoria Kent e a Clara Campoamor.

.- O movemento político no Deza.

.- O campo de concentración da Illa de San Simón

.- O papel da Igrexa na República e na Represión.

.- As Brigadas Internacionais.

.- As comunas anarquistas (Aragón). O papel das mulleres na comunas anarquistas.

.- A represión franquista durante a Guerra Civil.

.- As guerrillas no Deza.

.- O papel das mulleres nas guerrillas galegas.

.- A visión da muller no "bando nacional" ou sublevado.

.- A represión dos mestres e das mestras da República.

.-  O exilio.

Podedes consultar estes blogues:

http://dezahistorias.blogaliza.org/    (blogue de Manuel Igrexas)

http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/

http://anosdomedo.blogspot.com.es/

http://www.tabeirosmontes.com/memoria.html

http://www.nomesevoces.net/

Eco Republicano

Podedes entrevistar a
- Manuel Igrexas, o voso profe de Filosofía
- Luís Bará Torres (polo Facebook)
- Montse fajardo Perez (polo Facebook)

Podedes ver as seguintes películas:
- "Tierra y libertad"
- "A lingua das bolboretas"
- "13 rosas"
- "Los girasoles ciegos"

Podedes ver os seguintes documentais:
- "Aillados"
- "Querídismos verdugos" (de Basilio M. Patino)
-  "Caudillo" (de Basilio M. Patino)

Podedes ler os seguintes libros (e xa sabedes que valen como libros optativos):

- Ramón de Valenzuela: Era tempo de apandar. A Nosa Terra
- Carlos Giménez: Malos tempos. El Patito Editorial.
- Inma López Silva: Neve en abril. Galaxia 
- Manuel Rivas: A lingua das bolboretas. Galaxia
-
Manuel Rivas: O lapis do carpinteiro. Xerais  
- Heliane Bernard: Guernica. Kalandraka
-
Roque Cameselle: O Pausiñas. Galaxia  
- Jaume Cela: Silencio no corazón. Galaxia  
- Margot Chamorro: Tempo rachado. Xerais  
- Agustín Fernández Paz: Noite de voraces sombras. Xerais
-
Agustín Fernández Paz: Corredores de sombra. Xerais 
- Agustín Fernández Paz: Non hai noite tan longa. Xerais 
- Luce Fillol: Mañá fará bo día. Galaxia
- Antonio García Teijeiro: A teima de Xan. Sotelo Blanco 
- X.R. Gónzalez Álvarez: A encrucillada na torre. Galaxia 
- Xabier Lorenzo: A serra máxica. Memorias de Nadal…. Ed. do Castro  
- Xosé Neira Vilas: Memorias dun neno labrego. Ed. do Castro
-
Xosé Neira Vilas: Cartas a Lelo. Ed. do Castro
-
Xosé Neira Vilas: Aqueles anos de Moncho. Xerais
-
X.M. Oca Martínez: Todo o peso do ceo. Edelvives  
X. A. Perozo: Caderno de Riparia . Xerais  
- X.A. Ventoso Marió: A pesca está no vento: historia de Nico. Ir Indo
- Xabier Quiroga: O Cabo do Mundo. Xerais.
- Antón Riveiro Coello: As rulas de Bakunin. Galaxia  
- VVAA: Ninguén está só. TrisTram 
- Rosa Aneiros: Sol de Inverno. Xerais 
- Montse Fajardo: Un cesto de mazás.
- Xosé Fernández Ferreiro: Agosto do 36. Xerais
- Xosé Fernández Ferreiro: Os últimos fuxidos. Xerais 
- Xosé Manuel Sarille: Polos fillos dos fillos. Candeia Editora
- José Antonio Gurriarán: As mulleres do monte. Galaxia
- Antón Alonso Ríos:  O sr Afranio. A Nosa Terra

"Aínda que na guerra e postguerra houbo moitos actos de heroísmo, moitas historias insólitas de persoas que fuxiron da morte e do fascismo, a aventura de Afranio de Amaral chama a atención pola importancia do personaxe (Alonso Ríos era naquela altura deputado nas Cortes) e por estar documentada a través dun libro e dunha testemuña gráfica, a fotografía que Afranio fixo para obter o seu pasaporte portugués e poder fuxir a América. A noite do 18 de xullo Antón Alonso Ríos comezou a organizar a resistencia popular en Tui ao golpe de estado. Despois dalgúns combates, foxe da vila e tras vagar varios días por distintos lugares, danlle acollida, xunto a Guillermo Vicente (alcalde de Tui), nunha casa en Tarroña, onde permanece agochado dende o até o 11 de agosto. Ofrecían 50.000 pesetas a quen o capturase, así que Alonso Ríos decide facerse por esmoleiro. Para non ter problemas por non ter documentación fíxose pasar por portugués, autobautizándose como Afranio de Amaral, nome dun naturalista brasileiro, e inventándose toda unha biografía. Traballa durante dous anos en varias casas, na Guarda e en Forcarei, até que despois de varios intentos logra fuxir a Portugal, de onde pasa a Casablanca e de aí a Bos Aires, onde é recibido como un heroe." (Marcos S. Pérez, Vieiros, Xuño 2008)

domingo, 20 de decembro de 2015

Trimestre negro I

Como sabedes, este segundo trimestre foi nomeado como "Trimestre negro" porque imos facer que todas as lecturas dos departamentos, as actividades da biblioteca e mesmo o entroido vaian encamiñadas cara á NOVELA NEGRA.
Así que vos propoño que o primeiro libro obrigatorio da segunda avalicación sexa un a escoller de DIEGO AMEIXEIRAS. Calquera del vale, posto que é un dos autores máis destacados deste xénero dentro da Literatura Galega.
Lembrade que, coma sempre, se non vos gusta este xénero non tedes máis que mo dicir e procuraremos un outro libro que sexa do voso agrado.










mércores, 9 de decembro de 2015

Vangardas 2











O HILOZOÍSMO   foi un movemento poético propio da vangarda galega, cuxo pai foi Luís Amado Carballo. Nos poemas hilozoístas préstaselle unha grande atención á natureza, a cal aparecece en constante movemento, grazas moitas veces ao uso de imaxes autónomas.
Emprego abondoso e atrevido de imaxes.
- Ampla utilización das cores. A presenza do elemento plástico e cromático é abondosa e evidente. Predomina o uso do AMARELO, o cal simboliza o desacougo enmascarado pola euforia.
- Uso do verso octosílabo, co que se diferencia dos movementos de vangarda europea, onde se prescribía o versolibrismo.
- Ambientación rural, aparecendo con frecuencia elementos folclóricos, relixiosidade popular e bucolismo.
- Presenza de estranxeirismos, sobre todo empréstimos do francés e inglés. Isto conecta o hilozoísmo co multilingüísmo das vangardas europeas, o cal lle outorga un certo cosmopolitismo.



 O NEOTROBADORISMO é unha vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galaico-portuguesa, a través da edición comentada de J. Joaquin Nunes (1928), o que fixo posíbel a aparición dun novo discurso poético. Nesta nova vangarda recréanse temas amorosos similares ás cantigas de amigo e de amor, con recursos formais (paralelismorefránleixaprén...), e ambientes (paisaxes primaverais, fontes, mar, ríos...). Sobre todo inflúe a cantiga de amigo.No contexto renovador das vangardas históricas  algúns autores  como  é o caso de Álvaro Cunqueiro, incorporaron elementos do lirismo medieval co afán de construír textos vangardistas

 


mércores, 2 de decembro de 2015

xoves, 26 de novembro de 2015

martes, 24 de novembro de 2015

Empezamos a escribir (4)



Seguimos coa descrición.
Desta volta, faremos a descrición dunha persoa


1.- Elixe a persoa:

2.- Datos básicos
Nome:
Apelidos:
(Tamén podemos utilizar un Alcume)
Data de nacemento:
Cidade:
Profesión:

3.- Caracterización:
Estatura
Complexión
Aspecto
Cabelo
Ollos
Vestimenta
Carácter
Trazos e particularidades

4.- Con algúns destes elementos realiza comparacións ("O seu nariz puntiagudo é coma un alfinete", "as súas orellas semellan finos fíos de veludo"

5.- Asemade, transforma algúns destes mesmos elementos en metáforas  ("na súa cara, baixo finos fíos de veludo -cellas estreitas e suaves-, dous soles saltaríns -ollos") ou imaxes ("os seus ollos son rubís" -brillantes-)


Hai escritores que se deteñen a facer minuciosas descricións dos seus personaxes, revelando ao lector as características físicas e a indumentaria dos mesmos con todo luxo de detalles.

Agora es ti quen debe elaborar un retrato. Lembra!: primeiro facemos un borrador antes da redacción definitiva que entregaredes.


Lembra o que xa explicamos anteriormente:

Se nos limitamos a describir os rasgos físicos (cara, boca, ollos, cabelo, corpo...) estamos facendo unha prosopografía. Se nos fixamos na súa maneira de ser, nos rasgos psíquicos (carácter, comportamento...) estamos facendo unha etopea. Se combinamos ambos aspectos, o máis frecuente, o que temos é un retrato. E por certo, lembrade que abondan os adxectivos.
Xurxo era un mozo algo tímido que atopaba no baile a mellor terapia para os seus complexos, contradicións e depresións de adolescente. Fisicamente no pode dicirse que Xurxo tivese algún rasgo que destacara pola súa singular beleza, agás, quizais, os seus beizos grosos e sensuais.
O tío Lucas era máis feo ca Picio. Fórao toda a súa vida, e xa tiña preto de corenta anos. Porén, poucos homes tan simpáticos e agradables terá botado Deus ao mundo. Logo viña a voz, vibrante, elástica, atractiva. Chegaba despois o que aquela voz dicía: todo oportuno, discreto, enxeñoso, persuasivo.

 A caricatura é a descrición dunh persoa, pero de forma burlesca, esaxerando os rasgos e deformando o seu aspecto. Utiliza os mesmos recursos ca o retrato, pero as comparacións e as metáforas serven para ridiculizar. Normalmente, as comparacións dos trazos do personaxe fanse con realidades consideradas baixas ou vulgares, ou ao revés mediante a elevación de realidades vulgares, que se presentan ironicamente como perfectas. Asemade, utilízanse adxectivos que destacan eses rasgos que serven para ridiculizar, xogos de palabras e hipérboles.
 


Para describir unha persoa debemos seguir estas indicacións básicas:
  • Despois de observar e reflexionar sobre a persoa que imos describir, organizaremos a información que nos parece máis destacada. A observación pode ser física ou mental, se imos describir a alguén que non está connosco, pero a quen coñecemos.
  • Seguiremos unha orde, do máis xeral ao máis particular:
  1. Indicaremos o seu xénero (un home, unha muller, un rapaz... )
  2. Diremos a súa idade (naturalmente será a idade aproximada na maior parte dos casos: é unha nena de meses, un vello, unha velliña, un señor maduro, unha moza nova, terá uns vinte anos, andará polos corenta, etc.
  3. Citaremos a súa aparencia xeral: fermoso, feo, atlético, de aspecto canso, musculoso..
  4. Sobre a súa talla indicaremos se é unha persoa alta, baixa, anana, delgada, fraca, barriguda etc.
  5. A continuación describiremos a súa cara, pois é elemento das persoas no que máis nos fixamos e que o máis nos identifica. Ao falar da cara iremos tratando os distintos elementos: a súa forma (ovalada, cadrada, ancha...), o cabelo (abundante ou escaso, negro, loiro, ondulado, liso...), os ollos (grandes, pequenos, vivaces, alegres, claros, escuros, azuis, verdes...), os labios (grosos, finos, carnosos...), a fronte (ampla, pequena...) etc.
  6. Se é o caso falaremos dalgunha característica particular que teña a persoa descrita: calvo, bigote, barba, algunha mancha ou marca significativa.
  7. A continuación, xa para rematar o retrato físico, falaremos da súa vestimenta.
  8. Finalmente daremos información sobre o seu carácter: diremos se é unha persoa amable, sociable, antipática...
Non é obrigatorio seguir necesariamente esta orde; son posibles outras organizacións, pero sempre debe existir unha organización determinada, evitaremos dar a sensación de saltar dun lado a outro sen orde concreta.


martes, 3 de novembro de 2015

A exposición oral na aula

Levamos varias exposicións e estou vendo varios defectos en case todas e todos vós, polo que cómpre lembrar algunhas normas de como se debe facer correctamente este tipo de traballos.



Toda exposición oral responde a un plan de traballo que debe pasar polas seguintes fases:
1.- Elixe o tema e ponlle un título
2.- Documentación: obtén información por distintos medios sobre aquilo que investigas (xornais, enciclopedias, Internet...)
3.- Selección e Ordenación: selecciona aquilo que consideras máis interesante de toda a documentación que reuniches. Logo reelabora o guión previo para facer o definitivo, que usarás na exposición. Este guión é unha guía, un esquema sintético cos enunciados dos apartados da túa exposición, algo así como un mapa de todos os "lugares" polos que vas ter que pasar na presentación da túa exposición. O guión debe permitirche incluír na túa exposición o material complementario que creas oportuno (debuxos, fotos, fotocopias...). Marca nel en que punto da exposición vas usar cada cousa.
4.- Elaboración dun guión: anota todos os apartados dos que vas falar.
5.- Elocución: unha exposición oral non debe consistir na lectura nin no recitado memorístico dun texto. Debes presentar os contidos que coñeces mediante un discurso oral elaborado nese momento (aínda que evidentemente a elaboración xa a planificaches antes no guión-esquea e os contidos debes sabelos).

CONSELLOS PARA A ELOCUCIÓN:
1.- Ao principio é normal estar nervioso. Pero... hai que atreverse! Se se traballa e se teñen as ideas claras, sairá ben: triunfarase.
2.- Ensaia na casa. Así saberás se a exposición se axusta ao tempo de que dispós e mesmo poderás facer os cambios que creas necesarios. Se sodes dous debedes estar ben sincronizados, saber que é o que fai cada un, cando se empregan os medios audiovisuais, etc
3.- Podes facer a exposición sentado ou de pé, pero tenta ter o guión a man.
4.- Procura ser natural nos recursos fónicos. Procura un ton de voz axeitado (nin moi alto nin moi baixo), vocaliza ben, fai as pausas oportunas para que se te entenda sen esforzo. Procura unha dicción sosegada, non fales nin rápido nin moi lento.
5.- Evita os tics e os excesos no uso de sons que repetimos para encher os baleiros do noso discurso (ehhhhh, pois., ou sexa....)
6.- Non xesticules en exceso (só algo de teatralidade explicativa), pero tampouco sexa unha estatua. Lembra que non se fala coas mans nos petos.
7.- Mira para o público e non para o teito ou para o chan (ou as pantasmas). Alterna as túas miradas cara ao público, é dicir, non te centres só nunha persoa do auditorio.
8.- Inclúe o sentido do humor na exposición. Podes contar algunha anécdota que veña ao caso co que estás expoñendo, pero sen recorrer ao chiste fácil.
9.- Lembra que unha exposición oral non é só falar. Adorna as túas palabras cos esquemas, gráficos... Podes ter un apoio tecnolóxico, como por exemplo unha presentación en power-point que ilustre o que explicamos con palabras; con pouco texto, en cores lexibles, letra grande, simple, clara e con imaxes.
10.- Non ler o que desexamos comunicar, entendelo, aprendelo e explicalo, pero sen dar sensación de largar todo de memoria. Ler unha pantalla que estamos mostrando non ten sentido.

http://soda.ustadistancia.edu.co/enlinea/clarajaramillo_metodologia4/la_exposicin_oral.html

luns, 2 de novembro de 2015

Empezamos a escribir (3)

A DESCRICIÓN


Describir é explicar como son os seres, obxectos, paisaxes e lugares, ou realidades abstractas. Ou sexa, é coma unha pintura feita con palabras. A descrición conleva a enumeración das partes que compoñen o elemento, a mención das súas características e a súa situación no espazo.
O texto descritivo adoita presentar un tema (obxecto, persoa, lugar, etc) ao que se lle atribúen unha serie de propiedades ou calidades, que responden á pregunta "como é?" e funcións, que responden á pregunta "que fai ou para que serve?"
 En descricións breves como María é encantadora o suxeito expresa o tema e o atributo unha propiedade. Nas máis complexas, o tema principal adoita presentar diversos elementos aos que á súa vez se lles atribúen propiedades. No seguinte texto subliñamos os elementos referidos ao tema principal, que é "o esquío común": O esquío común pertence á orde dos roedores. Ten o rabo longo e as orellas sobresáenlle en forma de pincel. O seu pelo é de ton acastañado.


CARACTERÍSTICAS LINGÜÍSTICAS DA DESCRICIÓN:
O texto descritivo presenta unha serie de características estruturais, gramaticais e léxico-semánticas que o diferencias dos outros tipos de textos:
1.- Organización da información conforme a un criterio espacial: do conxunto ás partes, de arriba a abaixo, de lonxe a perto, de dentro á fóra, de esquerda a dereita...
2.- Predominio de clases de palabras que se empregan para denominar os elementos da realidade descrita (substantivos) e para informar sobre as súas características (adxectivos).
3.- Relevancia de palabras que sitúan os elementos no espazo (adverbios de lugar e locucións).
4.- Uso de verbos en presente ou pretérito imperfecto.
5.- Predominio de oracións atributivas (cos verbos ser e estar). Outras construcións sintácticas frecuentes son as comparativas e as adversativas.
6.- Sintaxe sinxela, con preeminencia da coordenación sobre a subordinación.
7.- Uso de procedementos de cohesión específicos. Ademais dos conectores espaciais, é propio dos textos descritivos o emprego de diversos procedementos de relación léxico-semántica entre palabras: sinonimia, antonimia, derivación, hiponimia e hiperonimia.


CLASIFICACIÓN DOS TEXTOS DESCRITIVOS:

A) Segundo a maneira de representar a realidade, a descrición pode ser:
1.- Realista ou obxectiva: o observador pretende dar unha visión do obxecto tal como é, polo que interesa o detalle, a veracidade. Este tipo de descrición adoita aparecer nos textos académicos, xurídico-administrativos e xornalísticos.
2.- Subxectiva: a visión do obxecto está condicionada por un criterio persoal. Nestas descricións a intención do autor será idealizar (descrición idealizada), deformada (descrición satírica -esaxeran as propiedades descritas-), transmitir impresións producidas no observador (-importan máis as impresións ca o obxecto en si-). Este tipo de descrición é propia do discurso literario e da publicidade.

Así pois, cando explicamos as características de algo, podemos reflectilas de dúas maneiras: obxectivamente, é dicir, tal como son; ou subxectivamente, ou sexa, tal e como as vemos nós (é unha visión persoal das cousas polos sentimentos e emocións que en nós provocan).
Nas seguintes descricións dunha "sandía" está claro que a primeira é obxectiva e a segunda é subxectiva:

A sandía é unha planta con talo verdoso e flexible, de tres ou catro metros de longo, follas partidas en segmentos redondeados e de cor verde escura, flores marelas, froito case esférico e pode chegar a pesar 20 quilogramos. Ten a corteza verde e a polpa encarnada e doce, entre a que se atopan numerosas pebidas negras e aplastadas.

Durante o xantar, Xiana recibiu unha agradable sorpresa: no seu prato de sobremensa atopou unha tallada de sandía de cor vermella e aspecto apetitoso.
Gústalle moito o contraste entre a polpa encarnada e as pequenas pebidas negras. Percibiu o seu aroma característico e o seu doce e refrescante sabor.
Era a primeira tempada e, para Xiana, un signo inconfundible de que cehgara o verán.

B) Segundo o tema da descrición:
1.- Descrición de persoas e seres da natureza.
2.- Descrición de obxectos.
3.- Descrición de espazos: paisaxes rurais ou urbanos e ambientes.
4.- Descrición de realidades abstractas (sentimentos, sensacións, conceptos)

1.- A descrición das persoas.
Se nos limitamos a describir os rasgos físicos (cara, boca, ollos, cabelo, corpo...) estamos facendo unha prosopografía. Se nos fixamos na súa maneira de ser, nos rasgos psíquicos (carácter, comportamento...) estamos facendo unha etopea. Se combinamos ambos aspectos, o máis frecuente, o que temos é un retrato. E por certo, lembrade que abondan os adxectivos.
Xurxo era un mozo algo tímido que atopaba no baile a mellor terapia para os seus complexos, contradicións e depresións de adolescente. Fisicamente no pode dicirse que Xurxo tivese algún rasgo que destacara pola súa singular beleza, agás, quizais, os seus beizos grosos e sensuais.
O tío Lucas era máis feo ca Picio. Fórao toda a súa vida, e xa tiña preto de corenta anos. Porén, poucos homes tan simpáticos e agradables terá botado Deus ao mundo. Logo viña a voz, vibrante, elástica, atractiva. Chegaba despois o que aquela voz dicía: todo oportuno, discreto, enxeñoso, persuasivo.

 A caricatura é a descrición dunh persoa, pero de forma burlesca, esaxerando os rasgos e deformando o seu aspecto. Utiliza os mesmos recursos ca o retrato, pero as comparacións e as metáforas serven para ridiculizar. Normalmente, as comparacións dos trazos do personaxe fanse con realidades consideradas baixas ou vulgares, ou ao revés mediante a elevación de realidades vulgares, que se presentan ironicamente como perfectas. Asemade, utilízanse adxectivos que destacan eses rasgos que serven para ridiculizar, xogos de palabras e hipérboles.


2.- A descrición dos obxectos.
Para describir un obxecto debemos fixarnos ben, tanto no seu aspecto xeral como os elementos a describir e as súas características.
Exercicio de descrición dun obxecto: 
 

3.- A descrición de espazos.
Cando describimos lugares ou paisaxes temos que ter en conta os diferentes elementos que aparezan: casas, elementos da natureza, persoas, etc. Non é, polo tanto, unha soa cousa a que temos que describir, senón todo o conxunto. Para isto debemos elixir a perspectiva, situarnos nun lugar desde o cal imos contar como é esa paisaxe; debemos ter en conta se pretendemos dar unha visión panorámica ou deternos en cada un dos elementos que integran esa paisaxe describíndoos minuciosamente; seguir unha orde na descrición, ou do xeral ao particula ou ao revés, do afastado ao que está máis achegado...
Os pasos que debemos seguir, por tanto, son os seguintes:
- Elixir o lugar que se vai describir.
- Elixir a perspectiva desde a que se vai describir.
- Concretar se se vai ofrecer só unha visión panorámica ou se se vai reparar en cada elemento que se seleccione.
- Elixir a orde na que se vai describir.
- Observar atentamente a paisaxe e seleccionar os elementos percibidos por cada un dos sentidos, caracterizándoos con adxectivos, personificacións, comparacións e metáforas.  Concello de Calvos de Randín:
Conxunto de serras sudoccidentais da provincia de Ourense (Laboreiro, Queguas, Quinxo, Santa Eufemia, Cruz de Piñeiro, Xurés, Pisco e Pena), de natureza basicamente granítica, que forman unha unidade xeográfica e ecolóxica coas serras portuguesas (Peneda, Soajo, Amarela e Gerês) e flanquean o val do río Limia. Ademais deste e do río Salas, que se encontran parcialmente encorados, no espazo natural abundan os corgos e cursos fluviais de pequena entidade. Pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e constitúese nun sector bioxeográfico exclusivo, o xuresiano.
Orografía especialmente abrupta, sobre todo nas serras de Xurés e Santa Eufemia e nos montes do Quinxo, con extensos rochedos e fortes pendentes. As serras de Laboreiro, Queguas, Pisco e Pena amosan unha morfoloxía máis suave. Importantes mostras de modelado glaciar. Ademais das áreas rochosas, extensas matogueiras de uceiras, xestas, piornos, xaras e toxos dominan abas e cumios do espazo natural, sobre todo entre os 500 e os 1.000 m sobre o nivel do mar, con escasas mostras de arboredo. Bosquetes de carballos cerquiños, bidueiros e teixos, nas partes elevadas das serras máis abruptas. En ladeiras a baixa altura hai formacións de carballo común, mesturado aquí con sobreiras, acivros, érbedos, loureiros e castiñeiros. Pequenos rodais de aciñeiral. Algunhas repoboacións de piñeiro rubio e piñeiro bravo. Soutos de castiñeiros e bosques de ribeira completan o arboredo. No val de Riocaldo e na área Requiás-Guntumil encóntranse os solos máis profundos, con cultivos e pradarías. O espazo natural afecta parcialmente a dous encoros, o de Lindoso e o do Salas. En conxunto, espazo moi pouco poboado, con escasos lugares e aldeas e extensas áreas deshabitadas.

4.- Descrición de realidades abstractas (sentimentos, sensacións, conceptos)
Descrición de sensacións olfactivas, táctiles, visuais, auditivas...

domingo, 1 de novembro de 2015

A descrición II

AQUÍ tedes unha páxina ben interesante para axudarvos a realizar as vosas descricións. Estes apuntamentos que seguen son tirados de alí. Botádelle un ollo:
A descrición é un texto que presenta os trazos característicos de seres (como unha persoa ou un animal), de obxectos (como unha mesa, un coche etc), de lugares (como unha praia ou unha cidade) ou de fenómenos e procesos (como sentimentos, sensacións, etc).
Polo tanto describir consiste en explicar mediante palabras, de forma detallada e ordenada, como é unha persoa, un obxecto, un lugar etc, para que alguén poida imaxinalo sen velo.
A descrición é algo así como unha pintura ou unha fotografía feita con palabras. Pero mentres que na pintura ou fotografía poden aparecer todos os detalles do que retratamos, unha descrición non consiste nunha simple enumeración de todas as características daquilo que estamos describindo senón na selección das que permiten diferenciar o elemento descrito dos outros da súa especie.
Tendo en conta a finalidade coa que se fai unha descrición distinguimos dous tipos de descrición: a descrición técnica e a descrición literaria.

 

Como elaborar unha descrición

1º paso
  • Debemos observar detalladamente as características e os trazos definitorios do elemento que imos describir. Atenderemos especialmente ás características físicas (de que partes está composto, de que material está feito...), o lugar onde e sitúa, para que se usa ou que función ten...
2º paso
  • Escoller o punto de vista que debemos ou queiramos adoptar: obxectivo ou subxectivo, segundo a función do texto que teñamos que redactar: por exemplo, se imos facer un retrato dun personaxe forzosamente debemos ser obxectivos; pola contra se queremos ridiculizar ese mesmo personaxe facendo unha caricatura del adoptaremos un punto de vista subxectivo.
3º paso
  • Despois da observación e tendo en conta o punto de vista adoptado, seleccionaremos as características que mellor definen o obxecto que imos describir e que o diferencian doutros da súa especie ou similares a el.
  • A descrición non pode ser exhaustiva (non ten sentido dicir absolutamente todo o que se ve nun obxecto, nunha persoa ou nun lugar) senón que se limita aos elementos máis característicos ou interesantes.
  • Non se trata polo tanto de “copiar” con palabras os obxectos reais, senón que ao describilos interpretámolos e seleccionamos de entre todas as súas calidades, aquelas que consideremos máis características. A partir dun mesmo obxecto real dúas persoas farán dúas descricións distintas porque seguramente tamén será diferente a maneira de velo, por exemplo porque a unha persoa lle interesarán aspectos que tal vez á outra lle pasen desapercibidos.
4º paso
  • Ao elaborar finalmente a descrición seguiremos unha orde determinada: podemos comezar facendo unha panorámica xeral do que describimos e a continuación imos describindo cada unha das súas partes; ou describindo o continente ou exterior e a continuación o contido ou interior. Esa ordenación dependerá do obxecto descrito e do noso criterio persoal, mais os datos deberán estar sempre ordenados, non se pode dar a impresión de saltar dunha parte a outra sen seguir ningunha orde.


Para describir unha persoa debemos seguir estas indicacións básicas:
  • Despois de observar e reflexionar sobre a persoa que imos describir, organizaremos a información que nos parece máis destacada. A observación pode ser física ou mental, se imos describir a alguén que non está connosco, pero a quen coñecemos.
  • Seguiremos unha orde, do máis xeral ao máis particular:
  1. Indicaremos o seu xénero (un home, unha muller, un rapaz... )
  2. Diremos a súa idade (naturalmente será a idade aproximada na maior parte dos casos: é unha nena de meses, un vello, unha velliña, un señor maduro, unha moza nova, terá uns vinte anos, andará polos corenta, etc.
  3. Citaremos a súa aparencia xeral: fermoso, feo, atlético, de aspecto canso, musculoso..
  4. Sobre a súa talla indicaremos se é unha persoa alta, baixa, anana, delgada, fraca, barriguda etc.
  5. A continuación describiremos a súa cara, pois é elemento das persoas no que máis nos fixamos e que o máis nos identifica. Ao falar da cara iremos tratando os distintos elementos: a súa forma (ovalada, cadrada, ancha...), o cabelo (abundante ou escaso, negro, loiro, ondulado, liso...), os ollos (grandes, pequenos, vivaces, alegres, claros, escuros, azuis, verdes...), os labios (grosos, finos, carnosos...), a fronte (ampla, pequena...) etc.
  6. Se é o caso falaremos dalgunha característica particular que teña a persoa descrita: calvo, bigote, barba, algunha mancha ou marca significativa.
  7. A continuación, xa para rematar o retrato físico, falaremos da súa vestimenta.
  8. Finalmente daremos información sobre o seu carácter: diremos se é unha persoa amable, sociable, antipática...
Non é obrigatorio seguir necesariamente esta orde; son posibles outras organizacións, pero sempre debe existir unha organización determinada, evitaremos dar a sensación de saltar dun lado a outro sen orde concreta.



Descrición técnica

A descrición aparece con frecuencia en textos de carácter técnico e científico:
  • en xeografía temos descricións de paisaxes, de climas...;
  • na xustiza hai necesidade de describir, por exemplo, o lugar onde se cometeu un delito, a situación na que se produciu o feito que se xulga, o delincuente que fuxiu e foi visto por algunha testemuña...;
  • na arquitectura descríbense o terreo onde se vai edificar e os planos e dependencias dos edificios;
  • en ciencias da natureza hai descricións de animais, de plantas, de minerais etc;
  • nas guías de viaxe descríbense os lugares e os monumentos de interese, as rutas máis interesantes dun lugar etc.
Coa descrición técnica preténdese dar a coñecer as características reais de persoas, de obxectos, de lugares etc.
Neste tipo de descrición procúrase a obxectividade, é dicir, represéntanse as cousas tal como as ve todo o mundo, prescindindo das opinións persoais de quen fai a descrición.
Utilízase unha linguaxe denotativa, é dicir, unha linguaxe na que as palabras están tomadas co seu sentido recto. Son abundantes os termos técnicos e os adxectivos especificativos.
Presenta unha ordenación lóxica, describíndose primeiro o máis xeral e indo despois ao particular, ou o que está máis próximo para seguir co máis afastado etc.
As súas finalidades son:
  • definir: aparece a descrición técnica con este valor en
    • dicionarios
    • enciclopedias
    • libros escolares
    • leis, normas...
  • explicar: aparece con esta finalidade en
    • textos científicos
    • manuais de instrucións
    • noticias e reportaxes de prensa
  • convencer: dáse sobre todo na publicidade, por exemplo en anuncios de
    • venda de pisos
    • ofertas de emprego
    • venda de obxectos de segunda man

Descrición literaria

Na literatura a descrición aparece frecuentemente alternando coa narración e supón unha pausa na historia que se está a contar.
A descrición literaria cumpre as seguintes funcións:
  • Presentar os lugares onde sucede a acción e os elementos que son importantes para a mesma: O lugar pode ser interior (unha casa, un cuarto, unha cova, unha igrexa...) ou exterior (o campo, unha montaña, o mar, unha fraga....).
  • Presentar os personaxes que interveñen na historia que se conta.
  • Anticipar, aclarar ou crear interese sobre a acción que se desenvolve ou se vai desenvolver (unha paisaxe triste ou sinistra anticipa frecuentemente accións negativas; a descrición da mirada dun personaxe pode indicar se está dicindo a verdade ou non). A descrición permite polo tanto comprender mellor a historia que se nos conta.
Entre as principais características da descrición literaria, destacamos as seguintes:
  • A linguaxe é connotativa, é dicir, teñen moita importancia as sensacións ou sentimentos que nos evocan as palabras, non só o seu significado obxectivo.
  • Abundan os adxectivos explicativos, é dicir, aqueles que resaltan determinadas cualidades dos substantivos.
  • A descrición literaria pode ser obxectiva ou subxectiva.
  • Utilízanse, entre outros, recursos literarios como
    • a hipérbole: esaxeración dunha característica;
    • a metáfora: substitución dun elemento por outro co que ten parecido;
    • a comparación: establecemento de relación por semellanza ou parecido;
    • a enumeración: acumulación de elementos.


Características lingüísticas das descricións

Na maior parte dos textos descritivos atoparemos características lingüísticas que nos permiten diferencialos doutros tipos de textos:
 
  • A descrición caracterízase pola organización espacial da información (por exemplo na descrición dunha paisaxe comezarase polos elementos que vemos en primeiro plano, e a continuación, pasarase a describir os situados en planos máis afastados; describindo unha persoa pódese seguir unha orde do máis xeral (o aspecto ou primeira impresión que nos causa) ao máis concreto (a cara, os ollos, as man...) ou comezar coa descrición da cabeza e a continuación o resto do corpo). As partes que compoñen o obxecto descrito sitúanse no espazo con respecto ás outras partes e ao conxunto: indícase que elementos están arriba, cales abaixo, é esquerda ou á dereita, no primeiro plano ou no fondo etc.
  • As referencias ao espazo exprésanse mediante adverbios de lugar: alí, detrás..., e  frases preposicionais con valor locativo: por riba de, por detrás de...
  • Nas descricións son máis importantes e frecuentes os substantivos e os adxectivos que os verbos: os substantivos, porque son as palabras que designan os elementos do que se describe, e adxectivos porque indican as súas calidades ou características.
  • As oracións habituais son as atributivas, é dicir, as que están formadas cos verbos ser ou estar. Tamén son frecuentes as construcións comparativas e adversativas.
  • Os recursos expresivos máis usados son as comparacións e as metáforas.
  • Utilízanse con frecuencia sinónimos, antónimos, hipónimos, hiperónimos...
 
Con respecto ao tipo de linguaxe utilizada nas descricións úsase
  • linguaxe científica (con termos técnicos e precisión no uso do vocabulario), por exemplo nas descricións que atopamos nas enciclopedias;
  • linguaxe literaria (con uso de figuras retóricas: metáforas...), por exemplo na descricións dos personaxes nunha novela;
  • linguaxe coloquial (con utilización de termos correntes, menor precisión de vocabulario...), por exemplo cando lle describimos a algún coñecido como iamos disfrazados na pasada festa do entroido.
E aquí tedes un par de vídeos sobre a Descrición: