A LINGUA NO 1º TERZO DO S. XX
Autor: Luciano
Fernández (Xano Cebreiro)

Se o século XIX supuxo un momento fundamental para a
lingua, ao se recuperar a nivel escrito despois da longa decadencia dos Séculos
Escuros (séculos XVI-XVIII), o século XX vai significar outro avance
cualitativo importante, consistente en proxectar o galego a outros campos
(ensaio político e científico, xornalismo, actos públicos...) dos que ata entón
estivera excluído. Reivindícase así o galego como medio de expresión natural en
todas as facetas da vida. Este avance vén marcado pola aparición de importantes
movementos de carácter nacionalista que
continúan o labor iniciado no século anterior polos movementos provincialista e rexionalista.
A vinculación da loita a favor da lingua co movemento
nacionalista é tan clara que precisamente este naceu co nome de Irmandades da Fala (fundadas na Coruña
en 1916) e dotouse dun medio de expresión exclusivamente en galego, a xa
histórica publicación A nosa terra. Mais se as Irmandades
naceron co obxectivo de defender a dignificación e a ampliación de usos da
lingua, dous anos máis tarde, en 1918, e xa formando parte delas figuras tan
destacadas como os irmáns Vilar Ponte, Castelao, Risco, Losada Diéguez ou
Cabanillas, formulan un plano xeral de actuación política tendente a lograr o
autogoberno pleno para Galicia e a súa federación co resto das nacións que
compoñen a Península Ibérica. Ao lado desta proposta, formulada polo sector
"político", vai cobrando forza o sector "culturalista", que
pretende a potenciación e defensa da cultura galega e renuncia desde un comezo
á loita política.
No ano 1920, comeza a publicación da revista Nós,
voceiro da xeración cultural do mesmo nome á que se vinculan, entre outros,
Risco, Cuevillas, Castelao e Otero Pedraio. O seu programa consiste en sacar a
cultura galega do folclorismo e do influxo da cultura castelá, tentando por un
lado, modernizala, tirándolle o exceso
de localismo, ruralismo e costumismo que ata entón a caracterizaba e,
por outro lado, universalizala, ao poñela en contacto directo coas ideas e os
movementos culturais vixentes en Europa. Para tal fin, os homes da revista Nós acollen nas súas páxinas traducións,
informacións ou noticias do que se fai noutras literaturas ao tempo que se
preocupan por todos os aspectos da cultura galega. Con eles, o galego logra a
súa madureza literaria e é empregado en obras de carácter científico de todo
tipo (historia, etnografía, arqueoloxía, filosofía, socioloxía...).
Como herdeiros e fillos ideolóxicos da xeración Nós, un
grupo de estudantes universitarios entre os que figuran Carvalho Calero,
Filgueira Valverde e Bouza Brey funda en 1923 o Seminario de Estudos Galegos, coa
finalidade de dotar a Galiza dunha institución que fixese posible o estudo de
todos os seus aspectos. Con eles, potenciarase e ampliarase o uso do galego na
prosa científica e técnica e desenvolverase unha actividade investigadora e
divulgadora en diferentes campos.
Chegada a República, en 1931, todo o galeguismo vai
confluír no Partido Galeguista, que
tiña como obxectivo a consecución da autonomía política para Galicia, centrando
os seus esforzos na redacción dun estatuto de autonomía que será aprobado polas
Cortes españolas en 1936. Neste estatuto
establécese, no artigo 40, a
cooficialidade de galego e castelán. O golpe de Estado franquista impide a súa
entrada en vigor.
A preocupación fundamental dos intelectuais galeguistas
do primeiro terzo do século é dignificar a lingua, rescatándoa dos estereotipos
de ruralidade e incultura cos que viña asociado. De aí que realicen un labor intenso
no estudo do idioma e na
ampliación
dos seus ámbitos de uso, outorgándolle un prestixio que lle negaba a vida oficial
e administrativa, totalmente castelanizada. Combaten así tamén os argumentos
demagóxicos dos detractores do galego que afirmaban que o seu uso só servía
para illarnos e incomunicarnos da cultura universal. A tese destes autores é
precisamente a contraria: só desde a identificación coa lingua e cultura
propias se pode acceder a outras linguas e culturas.
Os escritores deste período caracterízanse por intentar
superar o dialectalismo ou interdialectalismo do período anterior,
en favor dun intento de supradialectalismo que constituirá o
xerme dunha posterior normativa unificadora. A tarefa principal é a
purificación da lingua de castelanismos. Este labor, acometido sen unha seria
base lingüística por parte dos escritores, levará á adopción de formas pseudoevolucionadas
ou simplemente inventadas por un afán
diferencialista do castelán. Rexéitanse formas cultas coincidentes co
castelán, empregándose no seu lugar outras hipergaleguizadas ou vulgares (así,
por exemplo, palabras como brillar, organizar, ambiente, concepción, pobre, ou esperanza aparecen con frecuencia como brilar, orgaizar, ambente, conceución, probe e espranza). Moitos destes erros
perdurarán ata os nosos días.
Por outra parte, a toma de contacto co galego medieval a
raíz das edicións das cantigas e outros documentos, unida a un desexo de
depuración da lingua e á necesidade de cubrir os baleiros léxicos levan a
certos escritores a retomar formas arcaicas e xa desaparecidas na lingua,
moitas veces coa mesma intención diferencialista (e encontrámonos así con
formas como outo, conquerir, coor, cibdade ou parescer en lugar das correctas alto, conseguir, cor, cidade, parecer). Configúrase así un galego en parte afastado da fala real,
arbitrario e en certa medida de laboratorio que continuará vixente nos anos de posguerra.
No que respecta á cuestión ortográfica, o castelán continúa a ser a referencia fundamental.
Persiste unha grande inseguridade gráfica, fundamentalmente naqueles fenómenos
exclusivos do galego para os que o castelán non aporta solucións. En materia de
acentuación non hai uniformidade en ningún autor, continúan as vacilacións no
emprego do h, no de b e v
ou no de i e y (encontrámonos con beira e
veira, Hespaña e España, hai e hay). Tampouco se resolve a cuestión da representación do fonema /
/. Aínda que a maioría dos autores opta polo uso de x, algúns tan importantes
como López Cuevillas ou Vicente Viqueira son constantes no uso etimolóxico de g, j, x (geral, hoje, deixar). No que si houbo un acordo bastante
xeneralizado foi na práctica dunha escritura foneticista herdeira da do século
XIX na reprodución de fenómenos de fonética sintáctica propios da fala que dá
pé a unha gran profusión de apóstrofos e
guións de enlace (s´asconden, sobr´esto,
quen-o, non- o).
Durante estes anos materialízanse os primeiros intentos
de camiñar cara á consecución dunha lingua estándar, entre os que destacan o Compendio de
Gramática Galega promovido polas Irmandades da Fala, do que é autor
Carré Alvarellos e, sobre todo, o traballo titulado Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego do Seminario de
Estudos Galegos que, pensado en principio para uso exclusivamente interno, tivo
unha gran difusión, sendo adoptado na súa totalidade polo boletín A Nosa Terra, daquela órgano de
expresión do Partido Galeguista.
DIALECTALISMO
Uso literario de formas dialectais correspon- dentes á zona
propia de cada escritor
INTERDIALECTALISMO
Uso literario de formas dialectais proceden- tes de
diferentes áreas lingüísticas mestura- das, sen ningún criterio filolóxico
SUPRADIALECTALISMO
Procura dun modelo de lingua
unificado,va- léndose das formas existentes na fala galega, Escollidos con criterios
científicos