luns, 18 de outubro de 2021

Himno

 ¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra o sangue a regos
dende a montana ó mar.

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,
Iadróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó val.

 

Comentario deste poema:

Tema: Chamada á loita aos labregos / chamamento á unión dos labregos cotra a explotación caciquil

Intención: O poema pretend a concienciación dos campesiños para que participen da loita revolucionaria. 

Resumo: O poeta fai un canto de irmandade dirixido aos galegos que levan a fouce, aos labregos para que loiten contra a clase señorial, a fidalguía que vive na vila e nos pazos, fai un chamamento a que sen medo e con violencia  sexan expulsados da terra antes que seguir sendo servos asoballados polos caciques. 

A estrutura do texto presenta tres partes que se poden ver marcadas polo verso que se repite en tres ocasións, trátase do primeiro verso e a primeira estrofa dunha introdución, un chamamento á unidade dos labregos. Unha segunda parte que tería dúas estrofas, a segunda e a terceira que establecen o obxectivo do chamamento : a loita contra os canallas que os escravizan. Finalmente a terceira parte ten tres estrofas nas que presenta con maior claridade ao inimigo a derrotar na loita e anuncia a desexada fuxida dos caciques ladróns. 

En primeiro lugar, destacar a ferocidade que transmite o poema dende que comeza ata que remata. Este ímpeto agresivo maniféstase sobre todo en certos versos como o 11 ou os 14-15-16.

Algo que chama a atención é a dignificación da clase campesiña a través de actos coma “facer rebrilar a folla do fouciño” (versos 3-4), o cal conleva ter que erguerse da tarefa de segar a herba para poder enfrontarse aos caciques opresores coas únicas armas que teñen: as ferramentas coas que son explotados. Isto pode dar lugar a unha interesante metáfora: os trebellos cos que os campesiños dan ganancias aos nobres explotadores son as mesmas que se rebelan contra eles e cortan a cadea coma nno verso 5 e o verso 7. Deste xeito, a voz poética tamén eleva o traballo do campo a unha valoración moito máis alta do que os señores das terras estaban afeitos.

Así mesmo, a nobreza non é a única que sae mal parada neste reivindicativo poema. O clero tamén se retrata moi desfavorecido no verso 18, onde é chamado “fato de herexes”, o cal, por outra banda, non se desencamiñaba da realidade, pois ante o abusivo trato que o pobo traballador recibía dos nobres, o clero non facía máis ca mirar cara a outro lado e antepór o beneficio económico á súa máis que defendida “caridade cristiá”.

 No que podería denominarse coma un retrouso porque se repite dúas veces, atópanse as chamadas ao pobo para a súa unión: “Irmáns! Irmáns galegos!” e cita os dous extremos da xeografía galega (o Cabo Ortegal e o Miño) no verso segundo.

Trátase dun texto de xénero lírico, está escrito en verso, coñecemos o autor e a obra: Vento mareiro é un libro que presenta tres direccións temáticas: a intimista, a costumista e a social, que é a que este texto presenta, xa que é un poema combativo de carácter agrarista e anticaciquil. Precisamente o contexto deste poema sitúase nas loitas agrarias pola redenzón do foro, e como se pode ver no título se indica que é un himno para un dos sindicatos agrarios dirixidos polo cura Basilio Álvarez. No tocante ao contexto literario, Cabanillas é un poeta que serve de ponte entre a poesía do Rexurdimento e a das Vangardas do 1º terzo do século XX, de feito vai introducir a estética modernista nos seus poemas. o poema de Cabanillas é un himno creado para espertar ese sentimento de loita de comezos do século XX, para recuperar a identidade campesiña, arrebatada antano por eses anos que tras a súa avaricia, danaron o pobo galego de tal forma que levou ao territorio a pasar por unha etapa de angustia, desprezamento e escravitude

Opinión persoal: O poema é unha chamada á unión do pobo contra os opresores. É moi sinxelo esquecerse del, ou só estudalo como parte da historia da nosa terra, pero a verdade é que debería de seguir moi presente nas vidas de todos os galegos e galegas, pois a nosa loita non finalizou. Día tras día aturamos os menosprezos do que debemos considerar o noso Goberno, mais só se trata dos “neonobres” opresores que son capaces de ver arder Galiza de arriba a abaixo e non permitir, porén, a cobertura mediática que isto necesita. Son capaces de quedar de brazos cruzados mentres Madrid reduce cada vez máis a educación en galego. Discriminan a doce fala nai e disfrazan a súa traizón ao pobo con escusas baratas de oradores de barrio. Quero estudar en galego, pero cada vez é menos doado. Sen galego, non hai Galiza. Sen Galiza, todo o labor que hoxe estudamos dos loitadores como Celso Emilio Ferreiro ou Castelao, aos que tanto enaltecen hipocritamente, tería sido en van.