xoves, 1 de agosto de 2019

Setembro

Bo día!

A continuación infórmovos de como será o exame de setembro:

Léxico.
- Formas de ser.
- O tempo cronolóxico.
- Arquitectura e urbanismo.
- A xustiza e as leis.
- A radio e a televisión.
- En rede (internet)

Variedades lingüísticas
Dialectais: identificación e xustificación do Bloque Linguístico tendo en conta as características que aparezan nun texto ou oración.

Prexuízos lingüísticos
Identificación nun texto dos tipos de prexuízos que aparezan nel. Haberá que exemplificar o(s) tipo(s) de prexuízos que presente e elaborar un argumento en contra.

Historia da lingua
Será o mesmo tipo de exercicio que os que resolvestes ao longo do curso, haberá que indicar se son verdadeiros ou falsos os enunciados relativos a calquera etapa de historia da lingua estudada. Non esquezades que tamén entran as fotocopias entregadas durante o curso.

Gramática.
O xénero, o verbo, a acentuación, presposicións e adverbios.
Corrección de oracións con elementos incorrectos.

Literatura
Igual que ao longo de todo o curso, haberá un fragmento literario que teredes que incluír ou nunha etapa determinada ou ben relacionalo cun autor /a concreto/a segundo as características que presente. Lembrade que deberedes de redactar un texto en que incluades todas as características e que estas deberán de estar exemplificadas con elementos que aparezan no fragmento que se vos dea. A comprensión do texto será fundamental para conseguir un bo resultado e tamén se avalía neste apartado. Practicade!
O material relacionado con esta parte (esquemas, conectores...) encontrarédelo asociado as actividades de comentario distribuídas ao longo do curso.
Non esquezades a estrutura: introducir parágrafos, conectores...

mércores, 10 de abril de 2019

Textos prescritivos


Son textos que teñen como obxectivo de comunicación actuar sobre o
comportamento do receptor, xa sexa engadindo novas pautas de conduta, xa sexa modificando algunhas que xa existían. Pretenden, pois, aumentar o saber facer do receptor. O que máis importa é o que se pretende conseguir e non os medios empregados para logralo. Son textos prescritivos típicos as receitas de cociña, as instrucións de funcionamento dun electrodoméstico ou de montaxe dun moble, os textos legais, etc.
Os textos prescritivos diferéncianse dos argumentativos en que aqueles non queren convencer, só din como actuar. ao non haber intención de convencer, o receptor pode actuar por outros motivos; por exemplo, polo principio de autoridade.
Estes textos soen presentar na súa estrutura dúas partes: meta (obxectivo que se pretende alcanzar, e que aparece no título) e programa (conxunto de instrucións enumeradas en parágrafos independentes)
. As instrucións ordénanse cronoloxicamente ou segundo a importancia
. Con frecuencia, ao principio, aparece unha enumeración de útiles para
a realización da acción.
Xeralmente posúen un carácter impersoal porque se intercambia entre
persoas como representantes de grupos sociais, non como individuos
singulares.
A lingua dos textos prescritivos ou instrutivos, con frecuencia, mestura o
código verbal co visual ou icónico. Usan o imperativo e as oracións
exhortativas, as impersoais e as pasivas reflexas.
Abundan os nexos temporais e de orde. 
Exemplos de texto prescritivo ou instrutivo: 

1.-:
LINGUADOS MUIÑEIRA CON MANTEIGA (6 PERSOAS)

6 linguados de ración (150 a 200 gr. cada un).
l prato de fariña
l litro de aceite (sobrará)
l50 gr. de manteiga
2 culleradas de perexil picado, o zume dun limón, uns cachos de limón cortados coa súa pel, sal.

Na peixería mándase tirar a pel escura dos linguados, lávanse e sécanse moi ben cun pano limpo. Nunha tixola ponse o aceite a quecer; cando está no seu punto (non demasiado quente para que o peixe se faga por dentro antes de dourarse) sálgase lixeiramente cada unha das caras dos linguados, pásanse de un en un por fariña sacudíndoos para que caia a que sobra, frítense de dous en dous ao máximo; cando están ben dourados colócanse na fonte onde se van servir, empóanse co perexil picado e adórnanse cos anacos de limón.

Á parte derrétese a manteiga sen que coza, cando comeza a facer escuma tíraselle esta cunha culler, mestúrase co zume de limón coado para que non teña pebidas nin polpa e vértese a manteiga ben quente por enriba dos linguados. Sérvese axiña.
(SIMONE ORTEGA,1978).



 2.-:
DISPOÑO:
Artigo 1. Principios xerais.
• A etapa de Educación secundaria obrigatoria ten carácter obrigatorio e
gratuíto e constitúe, xunto coa educación primaria, a educación básica.
Comprende catro cursos académicos, que se cursarán ordinariamente entre os doce e os dezaseis anos de idade. Con carácter xeral, os alumnos terán dereito a permanecer en réxime ordinario ata os dezaoito anos de idade cumpridos no ano en que finalice o curso.
• A Educación secundaria obrigatoria organízase en diferentes materias. O cuarto curso da Educación secundaria obrigatoria terá carácter orientador, tanto para os estudos postobrigatorios como para a
incorporación á vida laboral.
[...]
Artigo 2. Fins.
A finalidade da Educación secundaria obrigatoria consiste en lograr que os alumnos e as alumnas adquiran os elementos básicos da cultura,
especialmente nos seus aspectos humanístico, artístico, científico e
tecnolóxico; desenrolar e consolidar neles hábitos de estudo e de traballo; preparalos para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral e formais para o exercicio dos seus dereitos e obrigas na vida como cidadáns.


Outras receitas de cociña:
http://www.lingua.gal/recursos/todos/_/promovelo/contido_0060/cocina-con-nenosas



xoves, 31 de xaneiro de 2019

Próxima tarefa sobre a ditadura

Debedes de elaborar un texto partindo dunha tese falsa. Para elaborar esa tese baseádevos na información sobre a Ditadura e/ou a fotocopia do xornal que trata o tema da escola na República.
Defenderedes esa tese cun mínimo de tres argumentos (falsos tamén) dos cales un debe de ser de datos. Os outros dous quedan á vosa elección. 
Revisade as características do texto argumentativo onde figura a estrutura, os tipos de argumentos e os conectores.



domingo, 20 de xaneiro de 2019

A lección da escola asasinada polo fascismo

 A escola republicana era unha muller que quería cambiar as cousas, que sabía que o ensino era unha das mellores armas para acabar coa desigualdade. Por iso, o misóxino franquismo descargou sobre ela a súa ira. Baleirouna de coñecemento para enchela de crucifixos e desbotou das súas aulas a xente comprometida. A represión sobre a escola foi o maior dos castigos, pero hai leccións que é imposíbel borrar da historia. Eis un extracto da peza publicada no número 326 de Sermos Galiza.


 https://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/leccion-da-escola-asasinada-polo-fascismo/20181212182526074557.html



Nos albores do século XX, apenas sabían ler tres de cada dez galegos, non chegaba a dúas de cada dez galegas, e a situación non tiña trazas de mellorar, pois só estaba matriculada unha de cada dúas criaturas en idade escolar e só a metade desa cifra acudía con regularidade a unha aula que, ademais, tiña moi escaso apoio institucional. A escola pública era moi precaria e o peso da instrución recaía maioritariamente nas mans da Igrexa.
O desolador panorama complicábase na Galiza pola total marxinación da lingua, desaparecida na fala da docencia, nos libros de texto e mesmo perseguida cando chegaba á escola por boca do alumnado. “Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espríto dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era mal e falar castelán era falar ben”, denunciaría xa desde o exilio Castelao no seu Sempre en Galiza.
As Irmandades da Fala intentaron dar resposta a esta situación coa posta en marcha das Escolas do Insiño Galego, que na súa presentación xa deixaban clara a orientación, como recolleu A Nosa Terra: “Non lle abonda a Galicia que os seus fillos sepan ler i escribir. Galicia precisa que os seus fillos lean i escriban na súa fala para que a sintan, que estuden na súa xeografía para que a coñezan e coñecéndoa quéirana”. Foron seis cursos nos que o editor Ánxel Casal impartiu aos nenos coruñeses un ensino distinto. A mestra Elvira Bao era a encargada de facer o propio coas nenas, pero nunca acadaron matrícula suficiente. A escola non era cousa de nenas.

A ditadura


martes, 15 de xaneiro de 2019

Traballando as propiedades textuais

1.- Reescribe o seguinte texto atendendo á cohesión: 

San Leonardo quería fundar un mosteiro. San Leonardo foille pedir un anaco de terra ao rei. O rei ofreceu a San Leonardo todo un reino. San Leonardo rexeitou o reino. San Leonardo dixo que só quería a terra que puidese percorrer o asno de San Leonardo nunha noite. Tense a San Leonardo como patrón dos burros e dos asnos. Todo o mundo invoca a San Leonardo para que San Leonardo vele pola saúde dos burros e dos asnos.


2.- Mira que propiedade textual falla nos seguintes textos e reescríbeos: 


  .- As casas estaban xa bastante mal. As casas ameazaban con derrubarse desde había anos. As casas seguían alí. Ás veces parecía que as casas resistirían cen anos máis. Ninguén se imaxinaba a aldea sen esas casas.



.- NOTA ESCRITA
  Estimado señor camareiro:
Desculpe o meu atrevemento se lle solicito que nos sirva canto antes unha ración de chipiróns. Que sexan quentiños, se é vostede tan amable.
          Seu afectísimo, o cliente dos venres.


      .- O segundo motivo é a túa falta absoluta de interese. E por último, descubrín que me raiaras ti o coche novo. Voute suspender por tres motivos. En primeiro lugar, sacaches un dous no exame.

 .- Teño moito frío. Nunca tuvieron o valor necesario para denuncialo, pero a parede, pintada de amarelo claro, alegrounos moito o dormitorio. De maneira que ti es a máis cativa de todos. Todos virán á cea.

.- Oe, cirurxián, que a min me operes con coidado, porque eu teño moi mala hostia e non me mola nada saber que vas  abrirme mentres estou sobando. Está todo ben clariño?


.- Cando veño aquí , sempre veño. Pero se veño, voume.  Sempre e nunca veño.


.- Sempre chegaba tarde e pedía un café e  pagábao ao momento e tomábao  moi rápido e despois íase e dicía adeus coa man e así todos os días e só unha unha vez faltou a esta cita e non lembro por que. 






     3.- Estes textos son incoherentes. Sinala  por que e aporta unha posible solución.

   1• Prolóngase dous minutos o tempo regulamentario. 

   2• A plataforma que defende ao candidato B declárase neutral.



4.- Un texto con ambigüidades tamén pode resultar incoherente. Sinala as ambigüidades que encontres nas siguientes frases. Reescribe cada   unha delas ou modifica a súa estrutura, de modo que a ambigüidade desapareza.

   • Vin á miña moza correndo cara ao autobús.

• Cando Xabier e Xaime se saudaron, a súa moza esbozou un sorriso . 
  

5.- Procura elementos de cohesión no texto:
Un señor de idade avanzada decidiu, por fin, consultar ao seu médico. Ao relatar os seus males díxolle que sentía unha intensa dor  no pé dereito. O facultativo respondeu tranquilamente:

- Non se preocupe, é a idade.
- O paciente, algo contrariado, preguntou:
-  Pero doutor, se os meus dous pés teñen a mesma idade, por que só me doe un?