xoves, 15 de novembro de 2018

Definición de palabras


A definición consiste na explicación do significado de unha palabra ou expresión. Ten a función de delimitar con precisión o definido, dando a coñecer as súas características, de maneira que o obxecto, o ser ou o concepto non poida ser confundido con outro.

1.- Modos de definir
 Definición por descrición e xeralización.
É a que debemos dar cando se nos pide o significado dunha palabra. Para facer a definición debemos contestar a unha serie de preguntas como: Como é? Para que serve? De que está feito? Se temos que definir un obxecto ou un ser inanimado hai que explicar como é a súa forma, tamaño e cor e indicar a materia de que está formado e o uso ao que se destina. Se o que queremos definir é un animal, indicaremos a especie á que pertence, cal é a súa anatomía, as súas principais formas de vida, os seus costumes.
Algo así:
.- Indica o tipo de obxecto ou ser. Sóese empregar o verbo SER máis unha palabra xeral.
.- Características específicas. Úsanse técnicas descritivas para sinalar as características e propiedades específicas que o diferencian doutros parecidos.
Estes serían os pasos previos á redacción da definición. Deste xeito non esqueceremos ningún dato importante. 

A definición de substantivos concretos consiste pois en describir a realidade designada pola palabra desde o seu aspecto xeral (clase de obxectos á que pertence) até as características específicas que a distinguen doutras do mesmo grupo.

2.- Instrumentos que nos axudan a definir:
a) As palabras-recurso constitúen unha axuda fundamental á hora de definir. Algunhas delas son: OBXECTO, ELEMENTO, UTENSILIO, ARTILUXIO, LUGAR, CONXUNTO, RELACIÓN, SER, RECIPIENTE, CUALIDADE, PRENDA, SENSACIÓN, ÓRGANO, APARELLO, FACULTADE, PERSOA, ACTO, SENTIMENTO, ANIMAL, INSTRUMENTO, MATERIAL, SITUACIÓN, MEDIO, ARTE, PARTÍCULA...
b) As fórmulas para comezar a definición son, entre outras: ACCIÓN QUE CONSISTE EN, MOVEMENTO, ESTADO ANÍMICO (para definir verbos), DISE DE, CALIDADE QUE, EFECTO PRODUCIPO POR, APLÍCASE A, RELATIVO A... 

3.- Características dunha definición correcta:
a) Debe de ser breve e clara.
b) O definido non debe de entrar na definición (*xordeira: é cando unha persoa está xorda)
c) A definición non debe formularse en termos negativos (*pobre é a persoa que non ten cartos)
d) Debe abarcar todas as características esenciais do obxecto ou concepto definido (can:*animal mamífero doméstico- isto tamén pode ser un gato)
e) Hai que evitar empregar expresións do tipo "é cando", "é como"... (orquestra:*é cando varios músicos tocan xuntos)




sábado, 10 de novembro de 2018

A NARRACIÓN


Narrar é contar uns feitos que sucederon. O narrador conta, relata, refire unha historia (un feito real ou imaxinario no que suceden determinadas accións) que lle sucede a alguén (personaxes humanos ou non, reais ou ficticios, individuais ou colectivos) e desenvólvese nun determinado lugar e tempo. A narración interrómpese con frecuencia pola presenza de descricións, diálogos, aínda que é posible que unha narración por si soa chegue a constituír un texto propiamente dito. 
Por tanto, narrar é contar uns feitos reais ou imaxinarios cuns personaxes nun tempo e lugar determinados.
A narración utilízase principalmente nos textos literarios e xornalísticos, pero pode aparecer en calquera tipo de texto, incluída a conversa. A función predominante é a referencial, pero iso non implica que a intención comunicativa sexa necesariamente informativa, pode ser entreter, convencer, etc. É dicir, a narración aparece en contos e novelas pero tamén se dá a narración espontánea oral ou en xéneros xornalísticos de información como a noticia ou a reportaxe


1.- A ESTRUTURA BÁSICA dunha unidade narrativa é a seguinte:
  •      Introdución ou situación inicial da que se parte. O narrador presenta os personaxes situándoos nun marco espazo-temporal determinado.
  •      Desenvolvemento, conflito que altera a situación inicial e que desenvolve o proceso narrativo: as accións, acontecementos nos que se produce unha complicación problemática. 
  •      Desenlace, no que se produce a resolución dos sucesos narrados.
O autor pode introducir alteracións a este tipo de estrutura básica que alteran a orde lineal:
  •   Pódese prescindir da presentación e empezar a narración directamente no conflito, “in media res 
  •     Mesmo se pode iniciar o relato polo final. Ambas técnicas alteran a orde lineal. O autor pode prescindir do desenlace co que consegue un relato de final aberto e obriga ao lector a imaxinar posibles desenlaces.
Toda narración literaria ten, ademais, un sentido (finalidade): este é o motor que xera o relato. Non sempre é explícito e pode ocorrer que se infira do relato pero que non se inclúa nel. Un exemplo moi claro de “sentido explícito” é a sentenza (“moraleja” en castelán) dos contos tradicionais. O sentido é o que explica a finalidade do relato.
2.- HISTORIA E DISCURSO
En toda narración debemos distinguir en primeiro lugar entre historia (o que se conta), sucesión de acontecementos (accións) narrados, dispostos na súa orde temporal cronolóxica (tempo da historia) e causal, tal e como aconteceron, realizados por uns personaxes nun tempo e espazo determinados, e discurso (como se conta), o xeito como se conta a historia, as accións ordenadas conforme ao designio do autor; é dicir, a construción da historia, a secuencia dos feitos tal e como se presenta ordenada no texto.



3.- PERSONAXES
Segundo o seu papel na historia os personaxes poden ser protagonistas ou secundarios. Os protagonistas ou principais realizan unha serie de accións para conseguir uns obxectivos, son o motor da acción e están caracterizados de forma máis completa; outros personaxes (principais ou secundarios) axudan aos protagonistas a conseguir os seus obxectivos (aliados) ou lles poñen obstáculos (adversarios); os secundarios teñen unha participación menos relevante na acción e a súa caracterización é moi superficial.
Tamén pode aparecer un antagonista, que é o personaxe que se opón ás accións do protagonista e intenta que non consiga o seu propósito
Os personaxes poden ser planos, aqueles que responden durante toda a obra a un esquema establecido desde a súa aparición sen variar no desenvolvemento da acción. Normalmente este esquema tipo verá configurado por obras literarias anteriores, neste caso os personaxes serán arquetípicos. Unha segunda posibilidade é un tratamento fondo dos personaxes principais que responden a unha complexidade psicolóxica considerable e que, polo tanto, non serán facilmente reducibles a un esquema; estes son denominados caracteres redondos e van evoluíndo a medida que avanza a historia. 
4.- ESPAZO E TEMPO
O espazo pode estar concibido como un espazo obxectivo, é dicir, como un reflexo máis ou menos fiel do mundo real, ou ben como un espazo subxectivo cando aparece determinado pola percepción que o personaxe realiza desde a súa subxectividade. Pode ser exterior, rural ou urbano, ou interior cando a acción transcorre en espazos pechados.
En canto ao tempo, hai que diferenciar entre o tempo do discurso e o tempo da historia. O tempo da historia é o momento no que se sitúan os acontecementos, podemos dicir que é un tempo externo.
O tempo do discurso ou tempo interno ten que ver coa orde na que se narran os sucesos e coa súa duración. Cando o narrador relata os feitos na orde en que sucederon dise que é una  narración lineal -tempo lineal ou cronolóxico-, pero pode haber alteracións da orde que dean lugar a saltos temporais ou anacronías, que se producen cando hai discordancia entre a orde da historia, lóxica e lineal, e a orde do discurso, subxectivo e dependente do punto de vista. Hai dous tipos fundamentais de anacronías: a analepse (flash back), evocación de momentos anteriores, ou sexa, saltos temporais cara ao pasado, e a prolepse  (flashforward),  anticipación de acontecementos posteriores ao tempo da historia. O tempo pode ser in media res, cando o relato comeza polo medio da historia, logo hai un salto temporal cara atrás, co fin de informar ao lectorado dos acontecementos anteriores ao comezo da historia, para, finalmente, narrar os sucesos que acontecen ata o desenlace da mesma.
Por outra banda, o ritmo pode ser rápido, cando moito tempo é tratado en poucas liñas, ou lento cando a recreación dun momento temporal é tratado en moitas liñas ou en moitas páxinas porque o autor ou a autora considérao significativo para a historia que está a contar.

5.- NARRADOR E PUNTO DE VISTA
O narrador (ente de ficción encargado de contar a historia) pode relatar os feitos en primeira persoa, (narrador personaxe/narrador protagonista), en terceira persoa, (narrador testemuño dos acontecementos) ou mesmo en segunda persoa (como un desdobramento da primeira persoa):
O grao de coñecemento dos feitos por parte do narrador determina a perspectiva ou punto de vista, que pode cambiar ao longo do relato. O primeiro elemento estrutural na narración é o punto de vista xa que o problema previo á estruturación da materia narrativa é saber quen será o narrador e desde que punto de vista vai ser tratada. Atendendo á perspectiva podemos distinguir os seguintes narradores:
  •          Punto de vista externo: o narrador é unha voz situada FÓRA da historia, conta feitos nos que on participou como personaxe, limítase a narralos “dende fóra”:
-     Narrador omnisciente: o narrador domina toda a historia, o que ocorre dentro e fóra de cada personaxe -mesmo os pensamentos e sentimentos-, antes e despois, pero non participa na historia.

-   Narrador observador (narrador obxectivista): só conta o que ve e o que oe (accións externas), como unha cámara fotográfica, sen saber (e polo tanto non pode contalo) o que pensan ou senten os personaxes. Ás veces esta voz pode estar dentro da historia, polo tanto, pode ser interno ou externo. Ex.: Crónica de una muerte anunciada).
 
-         Narrador editor: o escritor finxe que a obra non a escribiu el, senón que a atopou escrita e limítase a editala. Ás veces son cartas as que o autor di estar publicando. É unha técnica parecida á do “relato dentro do relato”, onde un personaxe narra a outro unha historia.(Utilizado xa en “Las mil e unha noites”).
  •          Punto de vista interno: o narrador sitúase dentro da historia, como un dos personaxes que participan na acción. Hai varios tipos de narradores internos:
1.       Narrador protagonista: usa preferentemente a primeira persoa narrativa
2.       Narrador personaxe secundario, que pode alternar o uso da primeira e terceira persoa. (Ex.: as narracións de Sherlock Holmes).
3.  Narrador testemuña, presente como espectador, utiliza preferentemente a terceira persoa. Tamén pode utilizar a segunda.
6.- A NARRACIÓN PRESENTA OS SEGUINTES RASGOS LINGÜÍSTICOS:
  •  Uso do perfecto para enunciar os feitos e do imperfecto para presentar o desenvolvemento das accións, aínda que alterna co presente histórico para achegar o lectorado ao momento do ocorrido e para evitar a reiteración abusiva do pretérito:  Chegou cedo, Camiñaba pola rúa cando escoitou un berro
  •   Predominio de oracións enunciativas
  •   Relevancia de complementos circunstancias de lugar e tempo. As expresións temporais permiten a progresión no acontecer dos feitos: mentres, logo, despois, ao principio...
  •  Utilización de subordinadas adverbiais de causa, finalidade e consecuencia e de coordinadas copulativas que permiten a organización lóxica das accións. A utilización dunhas ou doutras fai variar o ritmo narrativo: as oracións breves con coordinación crean un ritmo rápido, mentres que as oración longas con subordinadas fan que o ritmo sexa máis lento.
  •  Presenza dos estilos directo e indirecto, ou sexa, diálogos: Contestoulle: -Boh!; Lembroulle que era tarde.
  •  Utilización de verbos de movemento, acción e lingua: Correu tras ela; Díxolle que non estaba
  •  Emprego de adverbios deícticos de lugar e tempo: Ocorreu alí; Coñeceuno onte
  • Presenza de substantivos que amosan novas realidades.
  • Secuencias descritivas.

En resumo, cales son so cinco elementos da narración?
-          Narrador: interno (1ª persoa) ou externo (3ª persoa)
-          Personaxes: principal (protagonista) e secundarios. Pode aparecer un antagonista.
-          Lugar: aberto ou pechado; real, imaxinario ou fantástico
-        Tempo: desde o principio, a metade da historia (o máis frecuente) ou desde o final; tempo externo ou tempo interno.
-          Acción: formulación, nó e desenlace



Que outros elementos debemos ter en contar para a redacción dun texto narrativo?:
-  .-   División do texto narrativo en capítulos ou secuencias.
-  .-  Introdución de descricións de persoas, lugares ou obxectos.
-  .- Introdución de diálogos entre personaxes.
-  .- Creación ou non de suspense.
-  .- Final aberto ou pechado.
 .-.-Uso de expresións espaciais (aquí, alí, diante, máis atrás...) e temporais (entón, onte, ao mesmo tempo...)
-  .-  Uso preferentemente de verbos en pasado como o imperfecto (cantaba) ou o o perfecto  (cantou).
-  .-   Uso de verbos de acción ou de lingua (dicir).

O TEXTO NARRATIVO. A NARRACIÓN NON FICCIONAL

Hai outro tipo de narracións, as non ficcionais, nas que non cabe inventar nada, nas que se atopan sucesos históricos, sucesos que ocorreron realmente e tal como ocorreron. Nestas, o autor é o narrador e non pode nin debe inventarse nada, debe limitarse a contar verazmente o que sabe dos feitos que narra. Si pode, en cambio, comentar os feitos que narra, sempre que non confundan os feitos cos comentarios.
Aparte estas diferenzas, este tipo de narracións emprega moitos dos recursos dos relatos ficcionais. Predomina nelas a orde cronolóxica, aínda que non sexa imposible outra orde. 
Cada vez que contamos algo a alguén, sexa de palabra ou por escrito e calquera que sexa o tema ou os motivos, non estamos máis que contando unha historia e, polo tanto, narrando. O acto de contar ou narrar é un dos procedementos básicos da comunicación humana: todos e todas somos narradores en distinta medida e en máis dunha ocasión, por exemplo, cando lle contamos unha película a un compañeiro ou unha anécdota que nos pasou.

Textos narrativos


Técnicas narrativas






Os textos narrativos


O narrador