O libro de texto que se utiliza é "Lingua e Literatura Galega" de 4º de
ESO da editorial Anaya. Está dividido en tres
tomos, e terédelos nas taquillas de voso, posto que imos alternar a súa
utilización. Lembrade que é importante non levar na mochila moito peso, así que procurade levar nela só o material absolutamente necesario.
Ademais, debedes ter un Caderno para exercicios
escritos (mellor de follas intercambiábeis): obrigatorio e a
disposición do
profesor. Nel iredes vendo os vosos progresos na escrita, unha parte ben
importante do curso. Pódovolo pedir en calquera momento, polo que
teredes que telo sempre coidado e non o podedes esquecelo na casa.
Lembrade: ESCRIBIR É UN LABOR DIFÍCIL, e teremos que corrixir unha e mil veces para irmos mellorando. Pero esta será unha das partes fundamentais do curso.
Lembrade: ESCRIBIR É UN LABOR DIFÍCIL, e teremos que corrixir unha e mil veces para irmos mellorando. Pero esta será unha das partes fundamentais do curso.
A materia divídese en catro apartados:
1.- Haberá dous exames por avaliación que constituirán o peso específico da nota, un 60%, por tanto, 6 puntos. Os exames inclúen tanto aspectos de Literatura ou Sociolingüística dados na aula, como Vocabulario visto na clase. Asemade incluirán algunha pregunta de Gramática, expresión escrita e de Comprensión de textos. Normalmente, os exames comezan cun texto inzado de erros para corrixir: procuraremos con el irmos pola rúa vendo os múltiples erros ortográficos que nos rodean (*Centro urbán)
2.- A Expresión Oral constitúe un 15% da nota. Para poder acadar este valor teremos que utilizar sempre a lingua de noso na aula; si, falar castelán penaliza.
3.- A Comprensión Oral chega ata o 10% da nota.
3.- A Expresión e Comprensión escrita valorarase, por tanto, co 15% restante. Estes exercicios poderanse realizar ben na casa ben
na aula.
Para superar a materia, cómpre unha media de 5 nas avaliacións, pero para que se poida realizar esta media non se poderá baixar dun 3. Cada avaliación terá unha recuperación no seguinte trimestre.
En setembro, claro está, entra toda a materia, agás a oralidade.
En todas as probas e traballos escritos valorarase a expresión escrita, podendo restar ata 2 puntos por estes aspectos: presentación incorrecta, imprecisións terminolóxicas, incoherencias no texto, erros de cohesión (nexos inapropiados e mala puntuación do texto) e incorreccións ortográficas. Estas últimas descontarán do seguinte xeito: a acentuación non diacrítica -0,05 e o resto dos erros -0,1.
Non hai libros de lectura obrigatoria. Significa iso que non imos ler? Noooon, todo ao contrario, imos ler, e moito. Cando menos, os primeiros dez minutos da hora de clase serán sempre para ler.
Os libros poderedes escollelos na biblioteca entre unha ampla listaxe
que abarca todos os gustos; se estades interesad@s nalgún outro que non
figura, preguntades se é axeitado e se o é, engadirase a esa proposta
inicial. Se a min non me gusta que me impoñan ningún libro, coido que a
vós tampouco. Iso si, estamos para aconsellar sobre lectura. Non
esquezades: nalgunha parte hai un libro para ti. Hai que procuralo. Por
suposto, levarei un control dos libros que leades. En cada trimestre
teredes que facer unha recensión obrigatoriamente dalgún deles. Nesta
recensión valorarase sobre todo a argumentación e a expresión,
mellorándoa de cada vez, e que irá a sumar as notas dese 15% do que vos
falei.
Asemade,
teredes a oportunidade de mellorar as vosas notas da avaliación coa
lectura dun libro optativo e posterior recensión do libro, podendo subir
ata 2 puntos esa nota. Sempre que se teña como mínima un 4 na media dos dous exames da avaliación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario