martes, 26 de abril de 2016

A NOVA NARRATIVA GALEGA. Características e autores


CRONOLOXÍA: O movemento iníciase en 1954, coa publicación de Nasce unha árbore de R. Mourullo.A partir de   1968 e até 1980 (ano de publicación de Cara a Times Square de Camilo Gonsar) estes autores van abandonando progresivamente a experimentación formal.
  INFLUENCIAS
  - JAMES JOYCE  e a “corrente da conciencia  (monólogo interior)  que pretende  mostrar os pensamentos dos personaxesen bruto”, sen ningún tipo de elaboración racional; ruptura da orde cronolóxica lineal.
  - Os autores do “NOUVEAU ROMAN”  francés, denominación na que se inspira este movemento (Robbe-Grillet, Nathalie Sarraute, Michel Butor...), que experimentaron cunha narración obxectalista  na que, cun desenvolvemento mínimo de acción, se describe con minuciosidade o entorno físico.
  - FRANZ KAFKA, na caracterización de personaxes atormentados e incapaces de gobernar o seu propio destino   e na plasmación dunha realidade absurda que se vive como un pesadelo.
  - JOHN DOS PASSOS e W. FAULKNER, no emprego do pluriperspectivismo e a “narración cinematográfica”.
 CARACTERÍSTICAS TEMÁTICAS E FORMAIS
  - TEMÁTICA:  Expresión do  absurdo da  existencia,  pesimismo, desesperanza;  asasinatos, suicidios, fracasos   persoais, amor insatisfeito, soidade, illamento, episodios patolóxicos...
  - PERSONAXES:  Perdidos, desnorteados, movidos polas  circunstancias, sen control do  seu destino, violentos,  agresivos, solitarios, desequilibrados, autodestrutivos...  antiheroes.
  - TEMPO:   Gusto pola ruptura da orde cronolóxica (analepeses, prolepses, ucronía), redución radical do tempo. 
 - ESPAZOS:  Maioritariamente urbanos ou suburbiais. Fuxida consciente do ruralismo. Ambientes claustrofóbicos, sórdidos. Cosmopolitismo, localizacións estranxeiras.
  - NARRADOR:  Preferencia pola primeira persoa  protagonista  e as perspectivas  obxectivistas, que mostran a   historia sen explicala, multiperspectivismo, monólogo interior.
  - ESTILO: Simple, oracións curtas, marcada tendencia ao coloquialismo, fuxida da retórica; descricións de natureza obxectalista; gusto pola mestura de xéneros,  pola narrativa “collage”.


RODRÍGUEZ MOURULLO: Memorias de Tains está composto por oito cartas que conteñen historias entrelazadas,radicadas nunha cidade imaxinaria  xa desaparecida, que presentan unha atmosfera de angustia, de pesadelo.
  CAMILO GONZÁLEZ SUÁREZ-LLANOS (CAMILO GONSAR) publica algunhas das novelas máis representativas do grupo: técnica obxectalista, temática sobre a violencia e o absurdo humano, ambientacións afastadas da   realidade galega (Madrid, Nova York)... Cara a Times Square .
  MARÍA XOSÉ QUEIZÁN: A orella no buraco  enmárcase de cheo na estética da NNG. Narra a biografía dun   emigrante fracasado, desde a atemporalidade e a partir de sucesivos monólogos. Nótase unha grande influencia   do nouveau roman na descrición obxectalista.
  X. L. MÉNDEZ FERRÍN:  As súas tres primeiras obras encádranse claramente dentro das características da NNG:  personaxes  problemáticos (violentos,  incomunicados, con diversas patoloxías...), espazos urbanos, estilo   menos elaborado.... A partir de Retorno a Tagen Ata (1971), o experimentalismo vaise reducindo, ao tempo que a  realidade social e politica galega vai cobrando máis peso.
  - Constante relación entre realidade e fantasía.
  - Reconstrución e interpretación dun pasado mítico que remite á cultura celta ou á materia artúrica.
  - Profusión de topónimos e antropónimos de aparencia céltica, oriental ou nórdica: Ulm, Nmógadah, Grieih...
  - Creación de espazos literarios propios cargados de simbolismo: Tagen Ata, Terra Ancha, Grande Fraga...
  - Grande presenza de  intertextualidade:  personaxes, espazos, situacións, que se van repetindo  en obras diferentes e incorporación de elementos literarios doutros autores.
    Obras:  Percival e outras historias,  O crepúsculo e as formigas , Arrabaldo do norte, Retorno a Tagen   Ata, Bretaña, Esmeraldina, No ventre do silencio.
 CARLOS CASARES:
  - Etapa de renovación formal,  ligada á nova estética da NNG:  abrangue Vento ferido, Cambio en tres e Xoguetes pra un tempo prohibido : realidade desacougante e opresiva, monólogo interior, obxectivismo, emprego   da 2ª persoa, presenza de elementos autobiográficos, ambientes predominantemente urbanos...
  - Etapa de madurez  (Os escuros soños de Clío, Ilustrísima, O sol do verán):  novelas máis realistas, centradas en situacións  históricas de distintos  períodos do século XX, sen renunciar ao elemento fantástico.  Constante aparición do Mal, orixinado pola mentira, a calumnia, o engano...  como motor dos conflitos sociais. Gusto   polo humor, a ironía, a parodia.

sábado, 2 de abril de 2016

Eu son de aquí - "EUSONDAKÍ"

A vosa primeira tarefa deste trimestre será escoller aquela rúa, aquela praza, aquel lugar, aquel recuncho do lugar onde vivides ou por onde paseades co que máis vos identifiquedes. Trátase de termos entre todas e todas unha panorámica do noso concello, para sabermos máis del e coñecelo, pero ao mesmo tempo tamén procuraremos que o lugar escollido teña unha razón íntima para estar aí, porque permite proxectar parte dos vosos sentimentos nel. Teredes que escoller as palabras axeitadas para que poidamos sentir esa mesma paixón que sentides vós. De aí, que a súa escolla sexa tan importante. Podedes acompañalo dunha fotografía, ou ben realizar vós un debuxo ou un vídeo para logo expoñelo na aula.



venres, 1 de abril de 2016

Lectura obrigatoria de poesía

Este trimestre leremos poesía e teatro.
De poesía, o libro que escollemos é Masculino singular de Carlos Negro, a quen todos e todas vós coñecedes xa dende o curso pasado. Está publicado pola editorial Xerais.