domingo, 11 de outubro de 2015

Empezamos a escribir (2)

A NARRACIÓN.


Narrar é contar uns feitos que sucederon. O narrador conta, relata, refire unha historia (un feito real ou imaxinario no que suceden determinadas accións) que lle sucede a alguén (personaxes humanos ou non, reais ou ficticios, individuais ou colectivos) e desenvólvese nun determinado lugar e tempo. A narración interrómpese con frecuencia pola presenza de descricións, diálogos, aínda que é posible que unha narración por si soa chegue a constituír un texto propiamente dito. 
Por tanto, narrar é contar uns feitos reais ou imaxinarios cuns personaxes nun tempo e lugar determinados.
A narración utilízase principalmente nos textos literarios e xornalísticos, pero pode aparecer en calquera tipo de texto, incluída a conversa. A función predominante é a referencial, pero iso non implica que a intención comunicativa sexa necesariamente informativa, pode ser entreter, convencer, etc. É dicir, a narración aparece en contos e novelas pero tamén se dá a narración espontánea oral ou en xéneros xornalísticos de información como a noticia ou a reportaxe


1.- A ESTRUTURA BÁSICA dunha unidade narrativa é a seguinte:
  •      Introdución ou situación inicial da que se parte. O narrador presenta os personaxes situándoos nun marco espazo-temporal determinado.
  •      Desenvolvemento, conflito que altera a situación inicial e que desenvolve o proceso narrativo: as accións, acontecementos nos que se produce unha complicación problemática. 
  •      Desenlace, no que se produce a resolución dos sucesos narrados.
O autor pode introducir alteracións a este tipo de estrutura básica que alteran a orde lineal:
  •   Pódese prescindir da presentación e empezar a narración directamente no conflito, “in media res 
  •     Mesmo se pode iniciar o relato polo final. Ambas técnicas alteran a orde lineal. O autor pode prescindir do desenlace co que consegue un relato de final aberto e obriga ao lector a imaxinar posibles desenlaces.
Toda narración literaria ten, ademais, un sentido (finalidade): este é o motor que xera o relato. Non sempre é explícito e pode ocorrer que se infira do relato pero que non se inclúa nel. Un exemplo moi claro de “sentido explícito” é a sentenza (“moraleja” en castelán) dos contos tradicionais. O sentido é o que explica a finalidade do relato.


2.- HISTORIA E DISCURSO
En toda narración debemos distinguir en primeiro lugar entre historia (o que se conta), sucesión de acontecementos (accións) narrados, dispostos na súa orde temporal cronolóxica (tempo da historia) e causal, tal e como aconteceron, realizados por uns personaxes nun tempo e espazo determinados, e discurso (como se conta), o xeito como se conta a historia, as accións ordenadas conforme ao designio do autor; é dicir, a construción da historia, a secuencia dos feitos tal e como se presenta ordenada no texto.



3.- PERSONAXES
Segundo o seu papel na historia os personaxes poden ser protagonistas ou secundarios. Os protagonistas ou principais realizan unha serie de accións para conseguir uns obxectivos, son o motor da acción e están caracterizados de forma máis completa; outros personaxes (principais ou secundarios) axudan aos protagonistas a conseguir os seus obxectivos (aliados) ou lles poñen obstáculos (adversarios); os secundarios teñen unha participación menos relevante na acción e a súa caracterización é moi superficial.
Tamén pode aparecer un antagonista, que é o personaxe que se opón ás accións do protagonista e intenta que non consiga o seu propósito
Os personaxes poden ser planos, aqueles que responden durante toda a obra a un esquema establecido desde a súa aparición sen variar no desenvolvemento da acción. Normalmente este esquema tipo verá configurado por obras literarias anteriores, neste caso os personaxes serán arquetípicos. Unha segunda posibilidade é un tratamento fondo dos personaxes principais que responden a unha complexidade psicolóxica considerable e que, polo tanto, non serán facilmente reducibles a un esquema; estes son denominados caracteres redondos e van evoluíndo a medida que avanza a historia. 


4.- ESPAZO E TEMPO
O espazo pode estar concibido como un espazo obxectivo, é dicir, como un reflexo máis ou menos fiel do mundo real, ou ben como un espazo subxectivo cando aparece determinado pola percepción que o personaxe realiza desde a súa subxectividade. Pode ser exterior, rural ou urbano, ou interior cando a acción transcorre en espazos pechados.
En canto ao tempo, hai que diferenciar entre o tempo do discurso e o tempo da historia. O tempo da historia é o momento no que se sitúan os acontecementos, podemos dicir que é un tempo externo.
O tempo do discurso ou tempo interno ten que ver coa orde na que se narran os sucesos e coa súa duración. Cando o narrador relata os feitos na orde en que sucederon dise que é una  narración lineal -tempo lineal ou cronolóxico-, pero pode haber alteracións da orde que dean lugar a saltos temporais ou anacronías, que se producen cando hai discordancia entre a orde da historia, lóxica e lineal, e a orde do discurso, subxectivo e dependente do punto de vista. Hai dous tipos fundamentais de anacronías: a analepse (flash back), evocación de momentos anteriores, ou sexa, saltos temporais cara ao pasado, e a prolepse  (flashforward),  anticipación de acontecementos posteriores ao tempo da historia. O tempo pode ser in media res, cando o relato comeza polo medio da historia, logo hai un salto temporal cara atrás, co fin de informar ao lectorado dos acontecementos anteriores ao comezo da historia, para, finalmente, narrar os sucesos que acontecen ata o desenlace da mesma.
Por outra banda, o ritmo pode ser rápido, cando moito tempo é tratado en poucas liñas, ou lento cando a recreación dun momento temporal é tratado en moitas liñas ou en moitas páxinas porque o autor ou a autora considérao significativo para a historia que está a contar.


5.- NARRADOR E PUNTO DE VISTA
O narrador (ente de ficción encargado de contar a historia) pode relatar os feitos en primeira persoa, (narrador personaxe/narrador protagonista), en terceira persoa, (narrador testemuño dos acontecementos) ou mesmo en segunda persoa (como un desdobramento da primeira persoa):
O grao de coñecemento dos feitos por parte do narrador determina a perspectiva ou punto de vista, que pode cambiar ao longo do relato. O primeiro elemento estrutural na narración é o punto de vista xa que o problema previo á estruturación da materia narrativa é saber quen será o narrador e desde que punto de vista vai ser tratada. Atendendo á perspectiva podemos distinguir os seguintes narradores:
  •          Punto de vista externo: o narrador é unha voz situada FÓRA da historia, conta feitos nos que on participou como personaxe, limítase a narralos “dende fóra”:
-     Narrador omnisciente: o narrador domina toda a historia, o que ocorre dentro e fóra de cada personaxe -mesmo os pensamentos e sentimentos-, antes e despois, pero non participa na historia.

-   Narrador observador (narrador obxectivista): só conta o que ve e o que oe (accións externas), como unha cámara fotográfica, sen saber (e polo tanto non pode contalo) o que pensan ou senten os personaxes. Ás veces esta voz pode estar dentro da historia, polo tanto, pode ser interno ou externo. Ex.: Crónica de una muerte anunciada).
 
-         Narrador editor: o escritor finxe que a obra non a escribiu el, senón que a atopou escrita e limítase a editala. Ás veces son cartas as que o autor di estar publicando. É unha técnica parecida á do “relato dentro do relato”, onde un personaxe narra a outro unha historia.(Utilizado xa en “Las mil e unha noites”).
  •          Punto de vista interno: o narrador sitúase dentro da historia, como un dos personaxes que participan na acción. Hai varios tipos de narradores internos:
1.       Narrador protagonista: usa preferentemente a primeira persoa narrativa
2.       Narrador personaxe secundario, que pode alternar o uso da primeira e terceira persoa. (Ex.: as narracións de Sherlock Holmes).
3.  Narrador testemuña, presente como espectador, utiliza preferentemente a terceira persoa. Tamén pode utilizar a segunda.


6.- A NARRACIÓN PRESENTA OS SEGUINTES RASGOS LINGÜÍSTICOS:
  •  Uso do perfecto para enunciar os feitos e do imperfecto para presentar o desenvolvemento das accións, aínda que alterna co presente histórico para achegar o lectorado ao momento do ocorrido e para evitar a reiteración abusiva do pretérito:  Chegou cedo, Camiñaba pola rúa cando escoitou un berro
  •   Predominio de oracións enunciativas
  •   Relevancia de complementos circunstancias de lugar e tempo. As expresións temporais permiten a progresión no acontecer dos feitos: mentres, logo, despois, ao principio...
  •  Utilización de subordinadas adverbiais de causa, finalidade e consecuencia e de coordinadas copulativas que permiten a organización lóxica das accións. A utilización dunhas ou doutras fai variar o ritmo narrativo: as oracións breves con coordinación crean un ritmo rápido, mentres que as oración longas con subordinadas fan que o ritmo sexa máis lento.
  •  Presenza dos estilos directo e indirecto, ou sexa, diálogos: Contestoulle: -Boh!; Lembroulle que era tarde.
  •  Utilización de verbos de movemento, acción e lingua: Correu tras ela; Díxolle que non estaba
  •  Emprego de adverbios deícticos de lugar e tempo: Ocorreu alí; Coñeceuno onte
  • Presenza de substantivos que amosan novas realidades.
  • Secuencias descritivas.


En resumo, cales son so cinco elementos da narración?

-          Narrador: interno (1ª persoa) ou externo (3ª persoa)
-          Personaxes: principal (protagonista) e secundarios. Pode aparecer un antagonista.
-          Lugar: aberto ou pechado; real, imaxinario ou fantástico
-        Tempo: desde o principio, a metade da historia (o máis frecuente) ou desde o final; tempo externo ou tempo interno.
-          Acción: formulación, nó e desenlace



Que outros elementos debemos ter en contar para a redacción dun texto narrativo?:
-  .-   División do texto narrativo en capítulos ou secuencias.
-  .-  Introdución de descricións de persoas, lugares ou obxectos.
-  .- Introdución de diálogos entre personaxes.
-  .- Creación ou non de suspense.
-  .- Final aberto ou pechado.
 .-.-Uso de expresións espaciais (aquí, alí, diante, máis atrás...) e temporais (entón, onte, ao mesmo tempo...)
-  .-  Uso preferentemente de verbos en pasado como o imperfecto (cantaba) ou o o perfecto  (cantou).
-  .-   Uso de verbos de acción ou de lingua (dicir).


O TEXTO NARRATIVO. A NARRACIÓN NON FICCIONAL


Hai outro tipo de narracións, as non ficcionais, nas que non cabe inventar nada, nas que se atopan sucesos históricos, sucesos que ocorreron realmente e tal como ocorreron. Nestas, o autor é o narrador e non pode nin debe inventarse nada, debe limitarse a contar verazmente o que sabe dos feitos que narra. Si pode, en cambio, comentar os feitos que narra, sempre que non confundan os feitos cos comentarios.
Aparte estas diferenzas, este tipo de narracións emprega moitos dos recursos dos relatos ficcionais. Predomina nelas a orde cronolóxica, aínda que non sexa imposible outra orde. 

Cada vez que contamos algo a alguén, sexa de palabra ou por escrito e calquera que sexa o tema ou os motivos, non estamos máis que contando unha historia e, polo tanto, narrando. O acto de contar ou narrar é un dos procedementos básicos da comunicación humana: todos e todas somos narradores en distinta medida e en máis dunha ocasión, por exemplo, cando lle contamos unha película a un compañeiro ou unha anécdota que nos pasou. 


sábado, 10 de outubro de 2015

Empezamos a escribir (1)



Escribir un texto é un traballo, un traballo son horas de esforzo. Non podemos crer que realmente existe a inspiración e con iso xa está arranxado. Non, cómpre sentarse, cavilar e traballar. Asemade, podemos seguir estes pasos:
1.- PROCURAR IDEAS
Temos que cavilar que é o queremos dicir, ata onde queremos chegar. Podemos documentarnos consultando revistas, xornais ou Internet. Despois, podemos construír un listado de ideas relacionados co tema.
2.- ORDENAR IDEAS
Deberemos en segundo lugar establecer relacións entre esas ideas que vimos de apuntar. Logo, vén o proceso de seleccionar aquelas que máis se adapten á finalidade do escrito, ordenándoas loxicamente.
3.- REDACTAR UN BORRADOR
Antes dunha redacción definitiva, debemos elaborar un primeiro texto, que deberemos reelaboralo cantas veces sexa necesario. Estamos dicindo aquilo que queriamos dicir?
4.- REDACCIÓN DEFINITIVA
Estamos ante o noso particular reto. Revisemos a ortografía antes de nada (consulta o dicionario), a corrección gramatical, a concordancia, o uso correcto de nexos, a orde de elementos na oración. O último paso e comprobar a organización do texto, os parágrafos son unitarios no seu contido? Lemos en voz alta o que escribimos e non paremos de corrixir ata que esteamos convencidos do escrito.


As formas do discurso á hora de falar ou escribir son:
DESCRICIÓN:
Emprégase para indicar como son obxectos, persoas, lugares ou sentimentos, indicando os detalles concretos. Aluden ao individual e concreto cunha ordenación do obxecto e das súas partes no espazo.
NARRACIÓN:
Serve para contar unha historia, un suceso ou unha serie de sucesos que lles ocorren a uns personaxes nunha secuencia temporal nun lugar. A narración presenta unha orde lóxica e cronolóxica que se pode alterar intencionadamente.
DIÁLOGO:
Emprégase cando se intercambia información entre varias persoas, chamadas interlocutores.
EXPOSICIÓN:
Utilízase para transmitir información sobre un tema, dándonos os elementos máis relevantes que nos permiten coñecelo. O seu propósito é a divulgación. A información é obxectiva, sen entrar en valoracións subxectivas. A finalidade destes textos non é só aportar información senón facer comprender un acontecemento, un fenómeno ou un proceso.
ARGUMENTACIÓN:
Empégase padra presentar feitos, problemas e razoamentos de acordo cunha opinión, que normalmente é do autor. A finalidad é convencer ao receptor dunha determinada opinión, modificando o coñecemento que o receptor ten sobre o tema, para o que se aducen argumentos cos que se reforza ese punto de vista e se rexeita o contrario.

venres, 9 de outubro de 2015

Lectura obrigatoria II

Xa que no primeiro trimestre imos falar de Castelao, a segunda lectura versará sobre el. Temos a sorte de que en Lalín temos un escritor que é autor desta serie sobre Castelao. Podedes escoller calquera dos seus libros. E se vos gusta, mesmo podedes ler os outros como optativos.
Todos eles están publicados por Demo e contan cos debuxos de Iván Suárez.






domingo, 4 de outubro de 2015

Lecturas optativas

Ampliamos a listaxe de lecturas optativas; un montón de libros para escoller. Pero xa sabedes que na biblioteca tamén miramos algún outro libro que haxa por alí e que pode servir aínda que non estea na lista. Falade sempre comigo primeiro.
Outro factor a ter en conta é que o segundo trimestre no noso IES vai ser o "trimestre negro", é dicir, todas as lecturas serán de novela negra. Debedes telo en conta para programar as vosas lecturas optativas. Deixade as de novela negra, por tanto, para o segundo trimestre.


1.       Alcalá, Xavier : A nosa cinza. Galaxia
2.       Ameixeiras, Diego:  Calquera libro deste autor vale para o segundo trimestre. 
3.       Aneiros, Rosa :  Ámote Leo. A  / Resistencia . Xerais
4.       Atxaga, Bernardo :  Obabakoak. Faktoría K
5.       Auster, Paul: Brooklyn Follies. Galaxia
6.        Balzac, Honoré  de : O tío Goriot. Galaxia
7.       Baricco, Alessandro : Seda. Rinoceronte /  Mr. Gwyn. Galaxia
8.       Bennett, Alan : Unha lectora fóra do común. Rinoceronte
9.       Bradbury, Ray : Crónicas marcianas. Xerais
10.   Brenan, Herbie: O portal dos elfos. Xerais
11.   Calvino, Italo: Marcovaldo ou as estacións na cidade. Xerais
12.   Camilleri, Andrea:  A pensión Eva   /   A pista de area.      Galaxia
13.   Carré, Héctor: Hai que matalos a todos. Xerais
14.   Castelao:  CousasOs dous de sempre.  Galaxia
15.   Claudel, Philippe:  A neta do señor Linh. Rinoceronte
16.   Collazo López, Iria: Como unha áncora. Galaxia
17.   Costas, Ledicia:  Un animal chamado néboa.   Xerais   
18.   Dickens, Charles: Oliver Twist. Galaxia
19.   Dorfman, Ariel e Joaquín: A cidade en chamas. Xerais
20.   Feijoo, Pedro: A memoria da choiva. Xerais
21.   Fernández, Miguel Anxo: Calquera libro deste autor vale para o segundo trimestre. 
22.   Fernández Ferreiro: Agosto do 36. Xerais
23.   Fernández Sanmartín, Celso: Sen título. Edición do autor
24.   Fernández Paz, Agustín:  A viaxe de Gagarin  /  Non hai noite tan longa.  Xerais
25.   Ferreiro, Celso Emilio: Longa noite de pedra. Xerais
26.   Frank, Ana: Diario. Kalandraka
27.   Freixanes, Víctor: Cabalo de ouros. Galaxia
28.   Gago, Manuel: Vento e chuvia. Xerais
29.   Gallego Abad, Elena: Sete Caveiras. Xerais
30.   García Campos, Iván: O imposible de desatar. Galaxia
31.   Garner, Helen : O cuarto de invitados. Rinoceronte
32.    Gavalda, Anna: Xuntos e máis nada. Galaxia
33.   Greene, Graham: O terceiro home. Galaxia
34.   Haddon, Mark: O curioso incidente do can á media noite. Sushi Books
35.    Hemingway: O vello e o mar. Galaxia
36.   Hoffmann: Contos. Tris Tram
37.   Hrabal, Bohumil: Unha soidade demasiado ruidosa. Rinoceronte
38.   Huston, Nancy : Marcas de nacemento. Rinoceronte
39.   Inacio :  O pobre tolo / Titoán   / Máis alá / Atila.   Demo
40.    Kafka, Franz: Un médico de aldea. Galaxia
41.   Lema, Alberto: Unha puta percorre Europa. Galaxia
42.   Leobalde, Mercedes: Funambulistas. Xerais
43.   Lorenzo, Fran P. :  Cabalos e lobos. Xerais
44.   Malvar, Aníbal C.: Calquera libro deste autor vale para o segundo trimestre.
45.   Marcos, Xesús Manuel: O bebedor de rakia. Xerais
46.   McCarthy, Cormac: A estrada. Faktoría K
47.   Miranda, Xosé: Morning Star, Xerais.
48.   Moreda, Eva: A Veiga é como un tempo distinto. Xerais
49.   Murado, M. A.: Ruído. Relatos de guerra, Galaxia.
50.   Nara, Antía: Aquel lugar. Xerais
51.   Navaza, Gonzalo: Erros e Tánatos.  Xerais
52.    Neves, Kiko: Un poema de amor. Edición do autor
53.   Núñez Singala, X. M.:  Instrucións para tomar café. Galaxia
54.   Oksanen, Sofi: Purga. Rinoceronte
55.   O Leo: Hai kus. Xerais
56.   Orwel, George: 1984. Faktoría K
57.    Pazó, Cándido: A piragua. Laiovento
58.   Pereiro, Lois: Poesía última de amor e enfermidade. Positivas
59.   Poe, Edgar Allan: Contos, Tris-Tram.
60.   Pratt, Hugo: Corto Maltés. Balada do mar salgado.   Galaxia
61.   Pullman, Philip: A aurora boreal.Faktoría K
62.   Ramos, Alberto: Máscaras rotas para Sebastian Nell. Galaxia
63.   Reimóndez, María: O club da calceta. Xerais 
64.   Rivas, Manuel: As voces baixas / O heroe.  Xerais
65.   Riveiro Coello, Antón:  Os ollos de K  / As rulas de Bakunin. Galaxia
66.   Roca, Paco: Enrugas. El Patito Editorial
67.   Rodríguez, David: Lapidarias. Xerais
68.   Roth, Philiph: Pastoral Americana. Faktoría K
69.   Sacco, Joe: Goražde, zona segura . Rinoceronte
70.   Saint-Exupery, Antoine de: O principiño. Galaxia
71.   Salinger, J. D. : O vixía no centeo. Xerais
72.    Santiago, Eduardo:  2044. Galaxia    /     O Gran Reino.  Xerais
73.   Satrapi, Marjane :  Persépole. Rinoceronte
74.   Scepanovic, Branimir : A boca chea de terra . Rinoceronte
75.   Schmitt, Eric-Emmanuel: O señor Ibrahim e as flores do Corán. Faktoría K
76.   Shakespeare, William: Noite de reis. A tempestade  /  Otelo. Macbeth  / Romeo e Xulieta.  Galaxia
77.   Steinbec, John:  De ratos e homes.  Galaxia
78.   Stoker, Bram: Drácula. Xerais
79.   Suárez Abel, M.: Sabor a ti, Xerais
80.   Sumai, Anxos: Anxos de garda, A Nosa Terra.
81.    Süskind, Patrick: O perfume. Sotelo Blanco
82.   Taylor, Kressman: Enderezo descoñecido. Xerais
83.   Tolkien:  O hobbit.    Xerais.
84.   Toussaint, JeanPhilippe:  Fuxir. Galaxia
85.   Twain, Mark: As aventuras de Tom Sawyer. Xerais
86.   Uribe, Kirmen: Bilbao-New York-Bilbao. Xerais
87.   Valcárcel, Xesús Manuel: O capitán Lobo Negro. Galaxia
88.   Vanderbeke, Birgit: Mexillóns para cear. Rinoceronte
89.    Verne, Jules: A illa misteriosa. Xerais
90.   Villar, Domingo: Calquera libro deste autor vale para o segundo trimestre. Galaxia
91.   Waters, Sarah : A Rolda Nocturna. Galaxia