martes, 15 de setembro de 2015

Lectura obrigatoria I

 Sempre tedes que pensar que non existe obrigatoriedade á hora de ler, senón que ler é un pracer.
Lembrade, se vedes que o libro proposto resulta un auténtico espanto para calquera de vós, debedes falar comigo para cambiar o libro proposto. NUNCA leades un libro que non vos gusta.


O primeiro libro que imos ler este curso vai ser dun dos mellores escritores que temos na nosa Literatura actual: Manolo Rivas. Agardo que vos guste. Do contrario, buscamos outro. Por supoto, podedes ler calquera libro deste autor, todos pagan a pena: 


Publica a editorial Xerais na súa colección Fóra de Xogo oito relatos de Manuel Rivas : Madonna e outros contos de inverno. O autor  é, para min, o mellor contista da Literatura galega actual; os relatos contan coa mestría da lingua do noso admirado escritor, esa mestura de poesía e tenrura capaces de espertar o gusto pola arquitectura literaria: a escollas das palabras, os xestos tan definidos, o alcance do noso propio maxín... Todos os temas están neste libro curto: amor, paixón, emigración, tristura, resistencia, rebelión, conmoción... E todos eles tratados con beleza exquisita.

Organización do curso

O libro de texto que se utiliza é "Lingua e Literatura Galega" de 4º de ESO da editorial Santillana, "Os Camiños do Saber". Está dividido en dous tomos, e terédelos nas taquillas de voso, posto que imos alternar a súa utilización.


Ademais, debedes ter un Caderno  para  exercicios escritos (mellor de follas intercambiábeis): obrigatorio e a disposición do profesor. Nel iredes vendo os vosos progresos na escrita, unha parte ben importante do curso. Pódovolo pedir en calquera momento, polo que teredes que telo sempre coidado e non podedes esquecelo na casa.

Lembrade: ESCRIBIR É UN LABOR DIFÍCIL, e teremos que corrixir unha e mil veces para irmos mellorando.

 
A cualificación da materia de Lingua galega centrarase nos estándares de aprendizaxe que conforman os cinco bloques de contidos, que serán valorados así:
Os exames (funcionamento da lingua, lingua e sociedade e educación literaria): 50% ; avaliarase a través de rexistro de cualificación, exames e actitude ante a lingua galega.
Traballos e exposicións de comprensión e expresión oral: 20% ; avaliarase a través de observación directa na aula e rúbricas. Teredes que facer audicións e exposicións.
Comprensión e produción escrita: 20% ; avaliarase a través de exames e análise e valoración do caderno do alumno, e sobre todo polos traballos que tedes que entregar de escritura, e rúbricas.
 Libros de lectura: 10% . En todas as avaliacións hai dous libros obrigatorios, cada un contabiliza como máximo un 0,5. A nota dependerá de como estea feito o comentario.
Xa sabedes que logo hai libros de lectura optativa e cada lectura pode chegar a ser valorada como máximo cun 0,5 puntos. Como xa tedes experiencia do curso pasado, lembrade que as reflexións das vosas lecturas deben contar con certa calidade literaria para a súa valoración positiva. O feito de lerdes un libro non significa que automaticamente teñades esa puntuación máxima de 0,5. Iso si, nunca se contabilizará como un 0, xa que sempre terá certa cualificación positiva, mínimo 0,2.


Para superar a materia, cómpre unha media de 5 nas avaliacións, pero para que se poida realizar esta media non se poderá baixar dun 4.


En todas as probas e traballos escritos valorarase a expresión, podendo restar ata 2,5 puntos por estes aspectos: presentación incorrecta, imprecisións terminolóxicas, incoherencias no texto, erros de cohesión (nexos inapropidos e mala puntuación do texto) e incorreccións ortográficas. Estas últimas descontarán do seguinte xeito: a acentuación non diacrítica -0,1 , e o resto de erros ortográficos -0,2 . Ademais disto, non se valorarán as respostas que conteñan erros moi graves de coherencia e/ou cohesión textual de maneira que estes impidan a súa comprensión.


Calquera proba de avaliación poderá considerarse suspensa se hai constancia de que o alumno/a copiou, permitiu que outros/as copiasen o seu traballo ou participou en calquera actividade ou estratexia para mellorar os resultados (propios ou alleos) mediante procedementos deshonestos, se ben o profesor/a poderá optar por anular só a pregunta que considere que copiou.


O bloque de comprensión e produción textual oral e escrita avaliarase mediante observación na oralidade  e análise das producións escritas, cualificándose con rúbricas  e rexistros de cualificación cuantitativa, os outros tres bloques a través de probas escritas.

Cando un alumno/a obteña, tras o exame e ponderación de todas as observacións realizadas no trimestre, unha cualificación igual ou superior a 5 considerarase aprobado, e se a nota é inferior a 5 considerarase suspenso. Dado que a cualificación trimestral corresponde a unha ponderación conxunta de todas  as observacións realizadas, o suspenso afectará a todo o contido do trimestre, e en ningún caso a unha soa das súas partes.  
Non se considerará aprobada a materia se o alumno ou a alumna presenta dúas avaliacións suspensas e non recuperadas.

A recuperación dunha avaliación suspensa farase ao comezo da seguinte, mediante realización de unha ou varias probas obxectivas que incluirán preguntas relativas aos contidos tratados no trimestre anterior. Os criterios de avaliación e as normas de cualificación aplicables a estas actividades serán exactamente os mesmos que se tiveron en conta ao longo do curso para o resto de probas de avaliación.  

Na convocatoria de setembro, dado que non hai tempo para  facer probas de expresión oral, o baremo de cualificación será o seguinte:

Comunicación escrita: 30%
Funcionamento da lingua: 30%
Lingua e sociedade: 10%
Educación literaria: 30%