Para traballarmos o texto argumentativo (tamén en presentación de Loli Cid) hai
multitude de propostas e materiais que podemos levar ás aulas: dende as
clásicas valoracións das lecturas até a organización de debates ben
planificados e pautados pasando pola elaboración de anuncios
publicitarios.
O traballo coa tipoloxía textual pódese enfrontar dende variadas perspectivas mais sempre orientándose cara á práctica, e así temos interesantes recursos:
- para un nivel máis complexo (2º de BAC), como o que achega Rosa Salgueiro: a argumentación e o comentario crítico, unha selección de 10 textos e unha práctica escala de valoración;
- para iniciar nesta nada fácil tarefa aos máis cativos da ESO cunhas actividades ben pautadas, como esta ou estoutra de Xano Cebreiro.
- ou para un nivel intermedio, como esta proposta (formulación), de Fátima Rodríguez Ruibal (3º da ESO), e este chanzo dentro dunha secuencia de produción máis ampla, de Xano (4º ESO).
Identificar vantaxes e inconvenientes en relación a un tema, elaborar unha valoración completa e persoal dunha lectura ou comentar unha película máis
alá dos típicos “gustoume/non me gustou” non é nada fácil máis alá do
alumnado que tamén mostra bos resultados noutras facetas académicas.
No colexio andamos niso e nestas semanas atrás botamos man dunha curtametraxe
e unha reportaxe (“Matar por diversión”, de Diego Bagnera) que dan
moito xogo para traballar nas aulas de Titoría, Alternativa ou Lingua
Galega, aínda que o fixemos a dous niveis diferentes (2º ESO e 4º ESO) e tan só como primeiro un primeiro chanzo no proceso. A idea é seguir turrando deste tema, o da violencia gratuíta (máis próxima do que pensamos: un e dous), para rematar propoñendo un debate máis traballado nas aulas.