xoves, 31 de xaneiro de 2013
sábado, 26 de xaneiro de 2013
venres, 25 de xaneiro de 2013
xoves, 24 de xaneiro de 2013
mércores, 23 de xaneiro de 2013
Un esquecemento que cómpre reparar
No cincuentenario do pasamento de Vicente Risco I
Un esquecemento que cómpre repararPor Manuel Rodríguez Alonso
A Rede Lectura da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia acaba de editar un fermoso Calendario do libro e da lectura para 2013, que reproducen con xenerosidade moitos blogs e webs de internet. Nese calendario aparecen feitos conmemorativos como o centenario do nacemento de Fernández del Riego, o cento cincuenta aniversario tamén do nacemento de Manuel Lugris Freire ou o cincuentenario do pasamento de López Abente. Mais eu boto en falta o cincuenta aniversario dunha personalidade única da nosa literatura, cultura e política, xa que faleceu en 1963: Vicente Risco.
Eu coido que este esquecemento é debido, por unha banda á incuria dos funcionarios da cultura oficial e subvencionada, mais tamén a que Risco, pola traxectoria, especialmente nos primeiros tempos do franquismo, resulta hoxe e hai anos politicamente incorrecto. Eu non son franquista, mais non comprendo como alguén pode reprocharlle a Risco certos actos no primeiro franquismo, para min debidos posiblemente ao medo de quen era o gran teórico do galeguismo daquela e desculpalos e ata gabalos polo medo que pasaron noutros como Álvaro Cunqueiro, Iglesia Alvariño ou o propio Celso Emilio Ferreiro.
Eu non vou entrar aquí na ideoloxía de Risco, que pode ser todo o conservadora que se queira, senón en que foi unha gran figura da literatura, cultura e mesmo a política galega contemporáneas, que non se poden entender abeirándoo. Quevedo foi un ultraconservador, por exemplo, e a ninguén se lle ocorre esquecelo na historia da literatura española.
Risco na temperá data de 1911 escribiu dous artigos que foron fundamentais para a renovación e posta ao día da literatura galega do século XX e para o que algúns denominan Segundo Rexurdimento (a época Irmandades-Nós). Nos devanditos artigos de 1911 (De los precursores a los contemporáneos e Los contemporáneos) nega que exista nese momento unha verdadeira literatura galega, posto que o Rexurdimento non callou nunha literatura de calidade e á altura dos novos tempos. Tras enxalzar as figuras de Rosalía, Pondal, Curros e Lamas, chega á conclusión de que á altura de 1911 non existe unha verdadeira literatura galega e que, de novo, a lingua galega deixou de servir para a comunicación intelectual e vive só nas clases máis afastadas da cultura. O polígrafo ourensán aínda engade que o esforzo do Rexurdimento non tivo continuidade e que acabou disolvido no costumismo, que sempre describía as mesmas romaxes e festas e idénticos idilios aldeáns. No ano 1917 afirma na súa mítica revista La Centuria: El gallego ya no es una lengua literaria: sirve solo para la sátira y el regocijo rabelesiano. Ello es lamentable; pero ¿es tiempo de remediarlo?
É dicir, Risco xa na temperá data de 1911 recoñecía que o Rexurdimento non triunfara realmente na sociedade galega (estudos sociolingüísticos actuais como os de Beatriz García Turnes veñen probar este diagnóstico de Risco). Só salva a lírica coas súas tres coroas (Rosalía, Pondal e Curros) e Lamas. Cómpre unha nova literatura. Velaí xa esbozado por Risco, en 1911, o que será todo o programa lingüístico, cultural e literario da chamada xeración das Irmandades-Nós.
Estas ideas sobre a literatura galega na década dos dez do pasado século serán asumidas polos persoeiros das Irmandades da Fala. Lembremos que as opinións que sobre o tema expón Porteiro Garea sobre a situación da literatura galega no célebre discurso de 1916 co gallo da fundacón da Irmandade de Santiago serán similares ás do Risco de 1911. No apartado do discurso de Porteiro titulado precisamente “A crisis da nosa poesía” repite practicamente as ideas do Risco de 1911 e só acepta como autores de calidade a Rosalía, Curros e Pondal. Mais insisto, isto xa o dixera don Vicente en 1911.
Todos sabemos que Risco será o grande animador, artífice e mesmo director literario da revista Nós. Mesmo sabemos por cartas de Risco publicadas hai xa anos en Grial que don Vicente chegou a pór cartos do seu peto para que seguise a saír a revista Nós. Cantos hoxe dos escritores e intelectuais subvencionados estarían dispostos a facer iso que fixo D. Vicente?
A Galeuzca de que agora tanto se fala, tamén tivo en Risco un dos seus avantaxados inicadores. Como non lembrar o recibimento de Risco a Cambó en 1917 e a súa participación no mitin que se celebra en Ourense cos cataláns en 1917? La Región di o seguinte sobre a participación de Risco: Habla en gallego, diciendo que el regionalismo es una palpitación de cordialidad que recorre España entera… (La Región, 12-XII-1917).
Risco, como recoñece xa en 1920 apropia A Nosa Terra (nº 120-121), vai ser a gran figura teórica do nacionalismo galego ata 1936. A citada publicación no devandito número afirma que a súa Teoría do nacionalismo galego é a biblia do nacionalismo.
Risco é sen dúbida ningunha e a día de hoxe o mellor dos nosos ensaístas. Entendido o ensaio como o texto que espalla ideas e tenta convencer da súa utilidade dun xeito ameno, tanto nos límites do artigo como nos máis extensos do libro, cómpre dicir que ninguén superou a Risco nese eido.
Antes de 1936, con estes ensaios, Risco vai ser o gran teórico e espallador das ideas nacionalistas cun estilo acaído a este propósito. Consegue facer chegar ao lector, que non é especialista nin en dereito nin en ciencia política, conceptos como nacionalismo, galeguismo, nación e outros semellantes. Faino con claridade e brevidade, incluso sentenciosidade, mais isto é o acaído para o seu propósito. Busca crear seguridades nun lector que non é especialista en dereito nin en ciencia política, non tenta realizar disquisicións de ciencia política.
Risco, deste xeito, Risco di que o rexionalismo é a existencia da rexión dentro dunha nación e o galeguismo, interese e defensa vagos de Galicia. Fronte a estes dous termos propón o sintagama nacionalismo galego, que ao xeito da lexicografía actual, caracteriza con tres notas distintivas: reconstitución espiritual, que se manifesta na creación dunha cultura galega expresada nunha lingua, cultura e arte de noso, que se concreta en que os libros escritos en galego han de ser traducidos a outras linguas polo seu interese e novidade científicos, literarios e artísticos; recontitución política, xa que Galicia ha de ter leis e gobernantes propios e que se concreta en que Galicia debe ver recoñecidos todos os dereitos que a Socidade de Nacións lles outorga ás chamdas minorías nacionais; reconstitución económica, que supón a existencia dunha programación económica galega propia, de xeito que Galicia entre na rede do librecambismo internacional.
Mais Risco tamén establece o concepto que para el ten a palabra nación e, a seguir, tentará demostrar que Galicia é unha nación. Risco no devandito ensaio de 1920 define a nación como unha poboación dotada de unidade étnica que habita un terreo dotado de unidade xeográfica. Ténselle aposto a esta concepción risqueana da nación que é esencialista e racista, pois descoñece a vontade dos cidadáns para se constituíren en nación, por exemplo. Mais, como ben demostrou Hobsbawm, as elites de todas as nacións inventaron as súas tradicións para xustificaren a existencia destas nacións e ata a súa excelencia. Isto, como ben estudou por exemplo Álvarez Junco, fixérono os ilustrados, os románticos e os do noventa e oito a propósito da nación española e ninguén por iso fala de racismo e cousas así, como acontece facerse con Risco. Era o tributo ás ideas da época. Risco erguerá o seu edificio non só en defensa de Galicia, senón, como veremos, contra o españolismo, que tentaba asoballar as identidades como Galicia.
A seguir Risco dedícase a demostrar como Galicia é nación porque ten unidade xeográfica e basea esta opinión na ciencia xeográfica, achegando a proba de autoridade do célebre xeógrafo daquela Hernández Pacheco, que fala da rexión xeográfica Galaico-Duriense. Certificada a autonomía xeográfica, Risco lánzase a probar a unidade étnica de Galicia, que caracteriza pola primacia do tipo nórdico, explicada pola colonización celta de Galicia e pola presenza medieval sueva. Ben é certo que isto hoxe resulta racista, mais elementos semellantes atopamos en practicamente todas as teorías nacionais da época, comezando pola española do propio Menéndez Pidal co seu castelanismo e defensa do Cid, como símbolo da identidade española.
Segundo Risco, estes dous elementos, xeografía ou terra propias e raza, imprimirán o seu carácter aos demais elementos definidores da nación: lingua, organización social, costumes, mentalidade e arte.
Mais Risco, perante a vaga de españolismo que asolagaba todo o Estado español, despois do desastre do 98, propagando a través do Ensino as teorías tamén racistas castelanistas da escola lingüístico-literaria de Ménendez Pidal e mais do Centro de Estudios Históricos, que analizamos hai anos no noso libro O españolismo lingüístico, di tamén o que non é Galicia e nos queren impor desde o propio sistema oficial de Ensino, a prensa ou a intelectualidade castelá e castelanista devandita. Así fronte ao municipio castelanista como unidade territorial básica, Risco propón a parroquia, que basea nos clans céltas. O modo propio de ser dos galegos, segundo corresponde á súa orixe céltica, é o sentimento e a intución, que se materializa na saudade, entendida como nostalxia do pasado e desexo dun futuro pleno, fronte ao ibérico, dominado pola intelixencia de orixe grecolatina e a imaxinación. Deste xeito o atlantismo –intuición, sentimento e saudade- oponse ao mediterraneismo –intelixencia e imaxinación- Euriberia a Afroiberia.
Estas ideas a día de hoxe poden parecernos racistas, esencialistas ou todo o que nós queiramos. Mais teñamos en conta que as ideas españolistas que se lle opoñen aínda hoxe non o eran menos, como tampouco o eran menos as do noso contorno cultural, xeográfico e político, como ben amosou o xa citado Hobsbawm. Ao longo de case vinte anos (entre 1918 e 1936) Risco vai publicar feixes de artigos na prensa galeguista da época ou onde podía espallando esta idea de que Galicia é unha nación e que por iso ten dereito a unha lingua, cultura, leis ou goberno de seu. Opón aos mitos castelanistas e/ou españolistas os que podemos chamar mitos galeguistas. Eu non vou discutir aquí se Risco é ou non é máis ou menos racistas ca outros ensaístas do seu tempo, como poden ser o propio Menéndez Pidal ou o mesmo Ortega. Mais esa idea de nación de Risco funcionou para oporse ao españolismo que todo o invadía, callou nun sector da poboación galega (especialmente na intelligentsia) e aínda hoxe moitos intelectuais e ideológos galegos que non son sospeitosos de racismo, como o propio Méndez Ferrín nun número recente de A Trabe de Ouro, defenden conceptos risqueanos como o da parroquia fronte ao municipio.
Risco nestes ensaios utiliza unha sintaxe sinxela de parágrafos breves que adoitan non ser superiores ás cen palabras significativas, emprega oracións afirmativas e tallantes e mesmo utiliza só argumentos favorables ás súas teses. Risco, naquela loita fronte ao españolismo, tenta antes que nada convencer ao lector, empregando as mesmas armas retóricas ca os seus antagonistas, que defendían do mesmo xeito o españolismo incluso en órganos galegos como Faro de Vigo ou Vida Gallega do célebre daquela e hoxe esquecido Jaime Solá. Non é o seu, deste xeito, un ensaio de dúbidas ou de meditacións, senón de certezas, que era o que cumpría daquela.
Este afán de polemista e defensor do galeguismo fronte ao castelanismo-españolismo vese mesmo na biografía que lle dedicou a Manuel Murguía (1933). Risco na biografía de Murguía altera o molde canónico deste xénero. Risco despacha en moi poucas páxinas a biografía propiamente dita de Murguía e a maior parte do texto dedícaa a comentar aquelas obras e Murguía, ou incluso pasaxes desta obras do Patriarca, que coinciden coa idea do nacionalismo galego que sostén Risco. Así a biografía de Murguía de Risco resulta unha exposición do ideario nacionalista de Risco apoiándoo na autoridade de Murguía. Deste xeito, amósase Risco, moi astutamente, como o verdadeiro e único continuador do ideario do Patriarca. É dicir, el, Risco, non fai máis coa súa teoría que desenvolver e perfeccionar a obra do Patriarca. Crea deste xeito unha tradición no pensamento nacionalista galego, que inicia con Murguía, do que Risco é un elo e que no porvir terá outros novos elos.
Eu non digo que non haxa racismo ou esencialismo nestas ideas de Risco, mais tamén as había no españolismo de Menéndez Pidal ou no propio Ortega e ninguén por iso os rexeita sen máis. Risco creou unha idea de Galicia como nación que funcionou moi ben entre 1918 e 1936, usando para iso os recursos propios do ensaio xornalístico ou os do artigo de opinión da prensa da época. Cumpriu moi ben a súa función de oposición ao españolismo e mais de creación dunha opinión pública galeguista. Soubo ademais botar man dos recursos do xornalismo moderno de opinión para loitar contra os que atacaban a idea de Galicia como nación e fíxoo con efectividade. Se non existise xente coma Risco, hoxe non estariamos aquí como galeguistas. O resto son lerias.
No futuro pensamos seguir analizando outros aspectos da obra de D. Vicente Risco, que cómpre non esquecer no cincuentenario do seu pasamento, como fai o devandito almanaque dun xeito que non sabemos se é produto só da ignorancia ou doutros designios. Eu supoño que ese almanaque está pagado cos cartos dos impostos de todos, polo que desde aquí como simple cidadán pedimos que se inclúa como efeméride o cincuentenario da morte de Risco. E non me veñan agora coa leria do franquismo do autor. Aí están os xa citados ou mesmo Filgueira Valverde, que na democracia chegou a ocupar importantes cargos e ten un pasado franquista bastante máis groso ca o de don Vicente. D. Vicente posiblemente fixo o que fixo polo medo insalvable que o invadiu naquelas tristes datas do 36. Así desculpan, por exemplo, a Álvaro Cunqueiro, que tivo tamén unha actividade franquista, incluso a escala de todo o Estado español, ben máis importante ca a de D. Vicente. Lean a este propósito o libro de Amoedo López A memoria e o esquecemento (Xerais).
Por outra banda, esa mesma cultura oficial que se escandaliza perante o suposto franquismo de Risco para o esquecer, representada incluso pola propia Real Academia Galega, que mantén como membro correspondente de honra a Francisco Franco ou abre a súa edición dixital do dicionario co nome de Barrié dela Maza, que tamén foi bastante máis franquista que D. Vicente. Os académicos que lle negan o sal e a auga a D. Vicente homenaxean a Barrié ou seguen sen botar a Franco da RAG.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)